Pontevedra: Culturgal 2023, actividades do 3 de decembro

Este é o programa do Culturgal 2023. As actividades do 3 de decembro son:

Yolanda Castaño: “A poesía ocupa o tempo central da miña vida, non o refugallo”

Entrevista a Yolanda Castaño no Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Volve xuntar no obradoiro a autores de distintas falas como a estoniana, a romanche ou a eúscara coa galega.
– Yolanda Castaño (YC): Sempre hai unha presenza galega. É a única obrigatoria. Porque do que se trata é de que poidamos importar novas poéticas do mundo á nosa lingua facendo dun lugar tan emblemático como a Illa de San Simón, que podiamos calificar de berce simbólico da lírica galega, campo de traballo internacional. Sobre esa presenza galega, imos combinando diferentes procedencias xeográficas, diferentes xeracións, que reflictan a riqueza e, sobre todo, a calidade e a diversidade coa que contamos na poesía galega. O ano pasado foi Lorena Souto. E este ano repetimos con outro lugués, aínda que de adopción, Xabier Cordal, unha das voces máis interesantes do panorama actual non todo o exportado que debería.
– DP: Con barqueira e remador é un obradoiro de tradución poética que leva doce anos tecendo redes entre culturas a partir da poesía como linguaxe común. Diso se trata?
– YC: Diso se trata, de levar a poesía dunhas beiras a outras, como barqueiras e remadores. É polo tanto un proxecto expansivo.
Este obradoiro é unha das actividades que vostede promove. Séntese máis unha activista da cultura, da lingua ou da poesía?
Supoño que fundamentalmente da literatura e máis en concreto da poesía, pero con ela vai todo o demais. Como separar iso da lingua e da cultura? Seguimos contando con moitas eivas na proxección exterior, na súa internacionalización, entón todos os grans de area que poidamos poñer as que facemos parte do sistema literario son poucos. A miña paixón e a miña fe na enorme calidade e diversidade e excelencia da literatura galega é absoluta e faise contaxiosa tratando de levala a cantos máis recantos sexa posible.
– DP: Fronte a isto están esas porfías arredor do uso das linguas minorizadas que volven de xeito cíclico ao debate político. Que opina sobre eles e os discursos que xeran?
– YC: O debate adoita estar polarizado entre un tipo de pensamento vinculado co pensamento único, que defende unha lingua única, un cultivo único e mesmo cun talle de corpo único e outro tipo de talante que, na súa coherencia, avoga por un ecosistema diverso, talles que comprendan todo tipo de corpos, diversidade sexo-xénero e tamén diversidade lingüística. Este último é un tipo de pensamento que entende que a riqueza, e con ela a fortaleza, se atopa na diversidade.
– DP: Acaba de recibir o Premio Nacional de Poesía. Que significou para vostede?
– YC: Supoño que significa a guinda a case 30 anos de traballo arreo con moitas renuncias e moita entrega, pero sen baixar nunca a fe e o fervor polo que facemos. Para min supón un recoñecemento, non só do que estou a facer eu en concreto senón do que levamos facendo moitos, e sobre todo moitas, dende hai varias décadas. Eu son un botón de mostra dunha tradición literaria secular, incalculable en canto tradición que é, e dunha comunidade moi forte e bastante ben cohesionada que remonta as súas eivas estruturais, que teñen que ver con esa falta de apoio dende comercial ata institucional, a base de tesón, de rigorosidade, de seriedade e de compromiso co oficio. (…)”

Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía: “Ás veces hai que soñar o imposible”

Entrevista de Ana G. Liste a Yolanda Castaño en Praza:
“(…) Materia, o poemario editado por Edicións Xerais destacado agora co Premio Nacional e que xa foi Premio da Crítica, encaixa na definición da poesía que asume riscos porque levas as lectoras e lectores a reflexións certamente silenciadas na sociedade. “Boa parte do discurso de Materia non é amable e asumo que poida incomodar, pero creo que a poesía tamén se debe a esa actitude de cuestionar o statu quo, as verdades herdadas, as opinións de segunda man, as expectativas que existen e os valores aparentemente inamovibles que deglutimos de maneira ás veces pouco crítica”, explica Castaño.
Non chegarei a levarte da man, / nin te agarraras á miña. / Non che abrirei a persiana / a mediodía os domingos. / Non me arrincará da cama / ningún alarido co teu rostro. Principia así o poema “Non chegarei a”, que forma parte de Materia e que Yolanda Castaño escribe en relación coa poeta do Uruguai Idea Vilariño.
“Cando volvo sobre os meus poemas recupero a emoción que os impulsou e neste caso dialogo con Idea Vilariño cando ela se despedía do seu amor –amor de parella– co que nunca ía volver facer determinadas cousas, e eu leveino ao terreo deste libro, que fala da non-maternidade, da renuncia á maternidade, e onde me despido dunha filla imaxinaria que xa non vou ter porque así o decidín. Quería despedirme dela desde unha actitude reconciliada, chea de dignidade e tamén de agarimo. Son esas cousas que nunca ocorreron e que tampouco van ocorrer nun futuro”.
Por que estas cousas que non chegan a ocorrer marcan tanto as mulleres? “Damos na clave ao preguntarnos, por que cabe máis a reflexión sobre isto nunha muller que nun home? É máis, non é tan habitual que a un home se lle inquira sobre se vai ser pai ou lle gustaría selo, cando a nós é unha das primeiras preguntas ao atravesar esta etapa biolóxica que acompaña a escrita de Materia.”, argumenta a compostelá.
“É un punto de inflexión biolóxico nas mulleres no que temos que tomar unha decisión definitiva a respecto de se queremos ser ou non nais. E esa toma de decisión me trouxo todas as reflexións que deitei no poemario, e que teñen moitas implicacións de tipo social e político. Decateime da desigualdade que comportaba, do marcada que estaba esta decisión e de todos os valores que implicaba”, engade. (…)”