Carballo: Praza dos Libros PLIC 2023

Carballo: actividades do 7 de xullo na Praza dos Libros 2022

Crónica fotográfica do Roteiro Literario por Muxía, guiado por Xan Fernández Carrera

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Literario por Muxía, que guiou Xan Fernández Carrera o sábado 26 de decembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Roteiro Literario por Muxía, con Xan Fernández Carrera

O Roteiro Literario por Muxía, con Xan Fernández Carrera, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Muxía.
Esta actividade forma parte desta iniciativa da AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. Posteriormente, o texto dos roteiros será subido á páxina web da AELG, quedando así a disposición da cidadanía.

A inscrición é de balde e obrigatoria, para un máximo de 5 persoas. Farase no correo electrónico oficina@aelg.org.
O roteiro terá lugar o sábado 26 de decembro, a partir das 11:30 horas, tendo como punto de saída o edificio do Concello (Rúa Real, 35, Muxía).
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento. Será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Xan Fernández: “O Anllóns foi fonte de enerxía, pero tamén de alimentación”

Entrevista a Xan Fernández en La Voz de Galicia:
“O Instituto de Estudos Bergantiñáns vén de publicar o volume O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños, un texto obra de Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Antón García Losada e Luis Giadás Álvarez e no que colaboraron ducias de persoas aportando datos e informacións que foron minuciosamente recollidas nesta monografía. Nela recóllense datos como a descrición do propio río, mapas do seu curso e das parroquias polas que pasa, un estudo da flora e da fauna, outro de aves escrito por José Luis Rabuñal, o aproveitamento que se fixo, sobre todo, da súa desembocadura… «Non había un estudo tan amplo sobre o río e cremos que era necesario para coñecelo, protexelo e quizais poñelo en valor a nivel turístico», dixo o presidente, Xan Fernández en RadioVoz Bergantiños.
– La Voz de Galicia (LVG): Foi escrito a cinco mans.
– Xan Fernández Carrera (XFC): Exactamente, a cinco mans aínda que coa axuda de moita máis xente. Queriamos que fose un libro colectivo cun estudo integral do río, e para iso precísase de moita información e moi diversa. Este grupo de persoas fomos os autores do texto e tamén recollemos toda o material dos informantes. Ao mesmo tempo, queriamos festexar o vixésimo aniversario da entidade -que foi en 2019- sacando este novo libro, que nun inicio estaba previsto para inicios deste ano.
– LVG: O propio formato é bastante diferente a outros proxectos publicados anteriormente.
– XFC: A nosa intención xa era sacar un traballo moi diferente aos cadernos que viñamos facendo, que eran propostas máis sinxelas e concretas para, por exemplo, facer rutas. Este queriamos que fose un traballo extraordinario, como pensamos que así acabou sendo, que nos levou case dous anos de traballo percorrendo partes do río e entrevistándonos con moita xente. Con todo iso saíu este libro, destinado sobre todo aos bergantiñáns que teñan interese por saber máis do río, pero que tamén sexa útil. O Anllóns é o elemento natural máis importante que ten a comarca e, ademais, defínea totalmente, pois nace e desemboca nela: atravesa de leste a oeste todo Bergantiños e dálle moita personalidade.
– LVG: Dá vida á comarca.
– XFC: Exactamente. Este río foi fonte de enerxía para mover muíños, centrais eléctricas e mesmo outro tipo de industrias; pero tamén foi fonte de alimentación, xa que había salmóns en abundancia, reos, anguías, lampreas, troitas… Hai unha anécdota que di que os xornaleiros que traballaban no Anllóns protestaban porque lles daban salmón moitos días á semana. (…)”