A Coruña: recital Cinco poetas con Cunqueiro

O domingo 10 de abril, a partir das 19:00 h., na Taberna de Cunqueiro (Rúa da Estrela, 22) da Coruña, e con entrada libre, finaliza o ciclo Cinco días con Cunqueiro, organizado pola Concellaría de Cultura da cidade en homenaxe ao autor mindoniense, do que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento, co recital Cinco poetas con Cunqueiro, coa participación de Yolanda Castaño, Antón Reixa, Xavier Seoane, Lino Braxe e Rómulo Sanjurjo, unindo poesía e música.

Redondela: presentación de O señorito da Reboraina, de Ramón Otero Pedrayo

O luns 11 de abril, ás 12:30 h., no salón de actos do CEIP Santo Paio de Abaixo de Redondela, e organizado pola comunidade educativa do centro, preséntase a edición especial do libro de Ramón Otero Pedrayo O señorito da Reboraina, publicado en Galaxia, e que será realizada por Víctor F. Freixanes.

Ferrol: actividades da fin de semana na Feira do Libro

Dentro do programa da Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), primeira das Feiras do Libro deste ano en Galicia, destacan as seguintes actividades durante o fin de semana:

Sábado 9:
– 12:00 h. Auditorio da Fundación Caixa Galicia: Elas. Palabras que o vento non leva. Experiencias no mundo da palabra, coa participación de Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Adela Figueroa e Aurora Marco.
– 13:00 h. Auditorio da Fundación Caixa Galicia: Actuación poético-musical de Lucía Aldao e María Lado.
– 19:45 h. Carpa Institucional da Feira. Presentación do libro Abrapalabra!, de Antón Cortizas e Carlos Coira, publicado en Galaxia.

Domingo 10:
– 13:00 h. Carpa Institucional da Feira. Presentación do libro Madeira de Mulher, de Adela Figueroa (escritora) e Mª Celsa Sánchez (ilustradora), publicado en Edicións do Castro. Presentan o acto Emilia Seoane e Suso Piñeiro.
– 19:15 h. Carpa Institucional da Feira. Monólogo cómico Cunqueiradas, por Cándido Pazó.

Madrid: presentación-recital de Sétimo andar, poesía alén e De Castro

O sábado 9 de abril, ás 20:00 h., na Librería La Marabunta (Rúa Torrecilla del Leal, 32, Lavapiés, Madrid), terá lugar unha presentación e recital de poemas dos libros Sétimo andar, poesía alén e De Castro, coa presenza de: Alberte Momán, Alfonso Láuzara, Ana Cibera, Miguel Ángel Alonso Diz e Ramiro Vidal Alvarinho, xunto aos poetas do Grupo Bilbao de Madrid.

Vigo: nova edición do Círculo Poético Aberto, do grupo Penúltimo acto

O sábado 9 de abril, a partir das 21:00 h., no Café Uf “Negra Sombra” (rúa Pracer, 19) de Vigo, haberá un novo recital do Círculo Poético Aberto, promovido polo Grupo de Acción Poética Penúltimo Acto. A convocatoria está aberta a todo o público que queira participar. Para inscribirse pódense dirixir a este correo electrónico: penultimoacto@gmail.com. Confirmaron xa a súa asistencia, entre outras persoas: rosanegra, Cruz Martínez, Enrique Leirachá, Íria Bragado ou Fernando Rodríguez.

Presentación de O xogo das cadeiras, manifesto pola entrada de mulleres na Real Academia Galega

O manifesto O xogo das cadeiras presentouse en Santiago polas escritoras María Reimóndez, Yolanda Castaño e Inma López Silva e pola crítica literaria Dolores Vilavedra, xunto a Helena González, investigadora universitaria. Reclaman que medre a presenza feminina na Real Academia Galega e quéixanse de que se teime en discriminar nesa institución a creación e a investigación femininas. Defenden que o único fin que buscan é que as próximas vacantes que haxa na institución académica se cubran con personalidades da cultura femininas. Na súa presentación o manifesto conta con 52 sinaturas de destacadas mulleres dos ámbitos da creación, a crítica literaria, a universidade e o xornalismo. As promotoras animan os interesados en adherirse á iniciativa que o fagan a través da súa web. Vía A Nosa Terra. Tamén en Galicia Hoxe e Xornal.

A Coruña: estrea do documental histórico Silenciadas, de Pablo Ces, sobre un traballo de Aurora Marco

O venres Silenciadas8 de abril, ás 20:30 h., no Domus (Rúa Santa Teresa, 1) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, estréase o documental histórico Silenciadas, froito dun traballo de investigación de Aurora Marco e dirixido por Pablo Ces, con guión de ambos os dous e banda sonora de Pilo Sierra, Xacobe Lamas e Kiko Reimúndez. O acto está organizado pola Concellaría de Igualdade e Participación da cidade, dentro das actividades ao redor do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Este film, dunha hora de duración, destaca pola súa fondura e o estremecemento que producen as súas historias: vidas de numerosas mulleres que andaron na clandestinidade ou apoiaron desde a chaira o movemento guerrilleiro, pezas fundamentais para a superviviencia daquel e que por defendelo, foron duramente represaliadas: cárcere, tortura física e psicolóxica, exilio e incluso morte.

Ferrol: charla coloquio na Feira do Libro sobre Juan Farias, con Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo e Paco Martín

Dentro do programa da Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), primeira das Feiras do Libro deste ano en Galicia, o venres 8 de abril, na Carpa onde se ubica a exposición Juan Farias. Un mar de palabras e de imaxes sobre o escritor e ferrolán universal (aberta durante toda a Feira até o domingo 10), terá lugar, ás 19:45 h., a charla coloquio Juan Farias e a literatura infantil en Galicia, na que participarán Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo e Paco Martín.

A Coruña: VII Encontros Milpedras, recital simultáneo de poesía, música e fotografía

O venres Cartaz8 de abril, ás 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a VII edición dos Encontros Milpedras, que contará coa participación poética de Natalia Concheiro, François Davo e Charo Pita, en paralelo á intervención musical de Karlos Barral e a proxección de fotografías de Paula Gómez del Valle.