Ourense: actividades do 1 de xuño na Feira do Libro

Continúa a XXVII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), aberta até o domingo 5 de xuño, con horario de 11:30 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do mércores 1 son as seguintes:
19:30 h. Presentación do libro de poemas visuais O libro dos cans, de Estevo Creus e do libro de poesía As Nosas Sombras no Xardín de Serralves, de Xoán Abeleira, publicados por Franouren Edicións. Xunto cos autores, participarán no acto Xosé Manuel Vélez Latorre, Xosé Manuel Bouzo e o director da editorial Manuel Ángel García Fernández.
20:30 h. Miguel Anxo Fernández asinará exemplares do seu libro Lume de cobiza, publicado en Galaxia.

Lugo: faladoiro O popular na obra de Álvaro Cunqueiro

O xoves 2 de xuño, ás 19:30 horas, na Aula Sociocultural Novacaixagalicia (Praza de Santa María, s/n.) de Lugo, terá lugar un faladoiro sobre O popular na obra de Álvaro Cunqueiro, acto organizado polo Consello da Cultura Galega con motivo do Ano Cunqueiro, no que participan Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Antonio Reigosa e Armando Requeixo.

Santiago: encontro e coloquio entre Marcos Calveiro e Sérgio Luís de Carvalho, nos I Diálogos Literarios do Gaiás

O xoves 2 de xuño, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e no marco dos I Diálogos Literarios do Gaiás, organizados pola Fundación Carlos Casares, terá lugar este encontro e coloquio:
De 11:00 a 12:15 h.: Historia e historias, con Marcos Calveiro e Sérgio Luís de Carvalho, moderados por Carlos Quiroga, seguido por un coloquio, entre as 12:30 e as 14:30 horas.

A Coruña: presentación de Elos, de Paula Gómez del Valle, François Davo, Txiki Calvo e Rodrigo Varela

O xoves 2 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 1º) da Coruña, preséntase o libro Elos, con fotografías de Paula Gómez del Valle, poemas de Txiki Calvo, François Davo e Rodrigo Varela, e prólogo de Tati Mancebo, publicado en Edicións Morgante.

Vigo: presentación de Despois da medianoite, de Salma

O xoves 2 de xuño, ás 20:00 horas, na Librería Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro Despois da medianoite, de Salma, publicado en Xerais, traducido por María Reimóndez. No acto participará a autora, a escritora támil Salma, xunto coa tradutora e Manuel Bragado.

E-catálogo, en Cultura Galega

“Hai moitas incógnitas aínda por despexar ao redor do libro electrónico. En que formato traballar, para que dispositivos, se facer só unha traslación do libro impreso ao dixital ou, pola contra, buscar un formato enriquecido. Segundo datos do Ministerio de Cultura, só o 3% dos libros que se venden están en formato dixital. Mentres as editoras galegas esperan que o mercado despexe dúbidas sobre a fórmula a seguir, cada quen fai as súas experiencias por separado. En total hai disponibles 250 títulos en diferentes plataformas e formatos.” A nova completa pódese consultar en Cultura Galega.

Vigo: presentación de As portas ausentes, de Caino Vasconcelos

O xoves 2 de maio, ás 19:30 horas na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, terá lugar a presentación do libro de poemas do pintor baionés Caino Vasconcellos, As portas ausentes, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos. No acto intervirán, ademais do autor, o director do IEM, Carlos Méixome, e o mozo poeta Anxo Ratel.

Santiago: presentación de Relatos para noites de hotel

O mércores 1 de xuño, ás 11:00 horas, no Restaurante Porta Faxeira (Rúa do Franco, 50) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Relatos para noites de hotel, onde se recollen os textos gañadores do I Concurso Internacional de Relatos Pousadas de Compostela, de Inma López Silva e Carmen Simón. Intervirán Inma López Silva, gañadora do Premio Internacional de Relatos Pousadas de Compostela, José Manuel Otero e Anxo Lorenzo.