O mércores 27 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca Uxío Novoneyra de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), terá lugar o I debate sobre o Estado e retos da poesía na sociedade actual, moderado por Miguel Anxo Fernán-Vello, coa participación de Ánxeles Penas, Xavier Seoane, Dores Tembrás e Xulio L. Valcárcel.
Arquivos anuais: 2011
Ourense: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez
O mércores 27 de abril, ás 20:30 h., no Café Cultural Auriense (Praza do Correxidor) de Ourense, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a A. C. Auriense presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG.
Margarita Ledo: “Se tolleitas o cine, tolleitas un campo importantísimo para a expresión dun país”
Entrevista a Margarita Ledo en Xornal:
“- Xornal (X): No Nadal rodou no manicomio de Castro, onde estivo gran parte da súa vida Antón Moreda. Hai dúas semanas reanudou a gravación. Finalizou xa a rodaxe en Galicia?
– Margarita Ledo (ML): Si, concluímos a rodaxe en Galicia. Rodamos en lugares con esa pátina do tempo necesaria, polo que realmente non hai ambientación en ningún deles, son lugares que coinciden no guión, que están imaxinados para que ocorran determinadas situacións. Rodamos nunha das pouquísimas casas galegas racionalistas, que fai o escenario cinematográfico da casa porteña. Xa gravamos todas as escenas dun momento importante da fita: cando a personaxe se converte en mucama, en criada. É ese o momento no que a muller realmente se inscribe nunha sociedade que non coñece e pasa por esas situacións de estrañamento e silencios que marcan a inserción das mulleres aos lugares de chegada. (…)
– X: Cloti Iglesias é bailarina. Renata Otero, artista. Eva Veiga é poeta. Por que escolle creadoras que non son actrices para os papeis femininos da película?
– ML: Por exemplo, no caso de Eva Veiga, eu vou construíndo a película ao seu redor. Por que? Porque ela é exactamente a personaxe. Nunca foi mucama, pero si que é a personaxe da película pola súa propia experiencia e porque sufriu un proceso de interiorización de situacións límites. Todo iso fai que se adapte á personaxe perfectamente. Despois é unha persoa que é creadora ela mesma, creadora de mundos. É moi tenaz e rigorosa no seu traballo, meteuse a fondo nel e ten unha presenza na que eu confiaba. Cloti, por exemplo, naceu na diáspora e participa de certo xeito en todo o que se perdeu; dalgunha maneira participa desa melancolía activa e, ademais, fala ese galego porteño marabilloso e natural que ten nacendo aló. Porque ela non é neofalante, como lle pasa a moita xente que acaba aprendendo o idioma por razóns de recuperación da identidade cultural. Pero tamén aparecen actrices, como Mónica Camaño, que fai un papel moi corporal de mucama italiana. Ou Margarita Fernández. Logo, de intérpretes, polo outro lado, están Tamar Novas, Lino Braxe, Xabier Deive.”
Malasartes pon nas librerías o seu número vinte
Santiago: presentación de Historia dun ermo asociativo, de Daniel Lanero Táboas
O mércores 27 de abril, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia baixo o franquismo, de Daniel Lanero Táboas, publicado en 3C3. No acto intervirán Ramón Villares, Lourenzo Fernández Prieto, Víctor Manuel Santidrián Arias, X. Amancio Liñares Giraut e o propio autor.
Pontevedra: presentación de Madeira de mulher, de Adela Figueroa Panisse
O mércores 27 de abril, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa da Oliva) de Pontevedra, preséntase a colectánea de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa Panisse, publicada en Edicións do Castro. No acto, presentado Roxelio Pérez Poza e Francisco Cerviño González, terá lugar a actuación musical do grupo de gaiteiros Os do Luns.
A Xunta convoca por primeira vez o premio Libreiro Cultural Galego
(Xornal)
A Coruña: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas
O luns 25 de
abril, ás 20:00 h., na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 2º andar) da Coruña, preséntase o libro Vivir, unha aventura irrepetíbel, biografía de María do Carme Kruckenberg, obra de Mercedes Queixas, publicado en Galaxia. No acto participan Francisco Castro, Mercedes Queixas, e a propia María do Carme Kruckenberg, e dado que a poeta é tan amante do jazz, está prevista a actuación do grupo Tres Azoteas.
Convocado o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia
“Ata o vindeiro día 1 de xuño de 2011 estará aberto o prazo para presentar orixinais ao Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, certame do que sairá a obra que se publicará ao longo do mes de agosto na edición impresa do xornal mais na súa páxina web. Ademais da extraordinaria difusión que acadará o texto gañador, o seu autor recibirá os 6.000 euros cos que está dotado o galardón. O premio chega á súa undécima edición, que está aberta á participación de todas as persoas que presenten unha novela inédita que non opte a outros concursos, que estea escrita en idioma galego e que se compoña de 31 capítulos. Cada un destes deberá ter a mesma extensión, fixada en 3.500 caracteres con espazos, para a súa publicación durante os 31 días do mes de agosto.
Os aspirantes deberán remitir catro copias dos orixinais, impresas a dobre espazo e por unha soa cara, co enderezo 11.º Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono Industrial de Sabón, 15142, Arteixo, A Coruña, polo sistema de plica pechada, introducindo nela os datos do autor que permitan poñerse en contacto no caso de resultar finalista ou gañador. Os orixinais que non sexan reclamados nun prazo dun mes dende o momento do fallo serán destruídos. A organización do premio designará o xurado, cuxa decisión será inapelable e que se fará pública antes do 25 de xullo, tanto no xornal como na súa web.
Os premios distinguiron, sucesivamente, a Marilar Aleixandre, Miguel Suárez Abel, Xosé Antonio Perozo, Ángel de la Cruz, Carlos Freire, Santiago Lopo, Concha Blanco, Emilio Alonso, Alberto Ramos e An Alfaya. Anteriormente, nas Páxinas Literarias aparecera O xabaril branco, de Tucho Calvo.”