O venres 4 de novembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal das Pontes, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participa, xunto ao autor, Mónica da Silva.
Arquivos anuais: 2011
Xinzo: presentación de O paso do esquecemento, de Antón Riveiro Coello
O venres 4 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Xinzo da Limia, preséntase o libro O paso do esquecemento, de Antón Riveiro Coello, ilustrado por Pilar Sevillano, publicado polo Centro de Cultura Popular do Limia.
A AELG apoia o comunicado da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua
Os/as técnicos/as de normalización lingüística dos concellos galegos, e no seu nome a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), ante a situación xeral do proceso de fomento do galego e dos servizos de normalización lingüística (SNL), temos que expresar:
- Os servizos de normalización lingüística (SNL) son os departamentos que desenvolven o traballo técnico de cara a avanzar no consensuado proceso de normalización da lingua galega. Un traballo necesario, xusto e ilusionante de fomento do galego no nivel de contacto máis directo coa cidadanía. Os SNL contribúen a difundir do xeito máis próximo entre a poboación, por exemplo, as creacións culturais galegas, desenvolven accións de dinamización e fomento da lingua, achéganlle á poboación máis nova alternativas de lecer en galego, difunden e xestionan os cursos de formación en lingua galega, velan pola calidade lingüística e comunicativa das institucións, velan pola garantía dos dereitos lingüísticos, difunden materiais, recursos e servizos en lingua galega, procuran a formación lingüística dos/as traballadores/as públicos/as e da cidadanía en xeral, ofrécenlles asesoramento lingüístico a empresas e asociacións, etc.
- Aínda que a situación actual dos SNL é moi precaria e, polo tanto, moi mellorábel, chegar a ela significou un proceso de anos que non podemos botar por terra. Por iso, para non desbotar o conseguido até agora e para procurar mellorar a situación, cómpre o compromiso de todas as entidades públicas, que nun momento de dificultade económica como o que estamos a vivir non poden caer na irresponsabilidade de desprotexer o noso maior patrimonio común, a lingua galega.
- A Xunta de Galicia suspendeu as axudas ao fomento do galego nos concellos, e isto non é, desgrazadamente, un feito puntual, xa que se enmarca nunha política de minorización e desprestixio da lingua galega por parte do goberno que debe ser freada canto antes. Esta irresponsábel decisión da Xunta supón a paralización e redución de múltiples actividades de dinamización por parte dos concellos e, polo tanto, unha redución de servizos e actividades dirixidas á cidadanía. Ademais, é incoherente que a SXPL leve dous anos anunciando e publicitando unha non nata Rede de Dinamización Lingüística local para, supostamente, apoiar e colaborar coas entidades locais na promoción da lingua, ao mesmo tempo que lles retira a estas entidades as xa moi escasas e precarias axudas que se veñen convocando desde hai 20 anos, e que, polo tanto, se provoque o peche de servizos de normalización lingüística e a non creación doutros novos.
- A situación dos departamentos técnicos de normalización lingüística dos concellos é moi grave. Dos arredor de 60 existentes, a metade permanecen abertos dependentes do convenio de colaboración que a Deputación da Coruña mantén con concellos da súa provincia. Se nalgún momento a Deputación da Coruña decide reducir eses convenios, a metade dos SNL do país estarán en grave perigo de desaparición.
- Todo isto demostra a situación de precariedade e inestabilidade total, o que nos leva a reiterar a proposta dun outro modelo de organización dos servizos de normalización lingüística na procura da planificación territorial e a estabilidade, de tal xeito que se cree unha estrutura real e coordinada de servizos técnicos para a normalización lingüística que abranga o conxunto do país e que, polo tanto, sexa máis eficiente, consiga mellores resultados e rendibilice mellor os recursos públicos. Neste sentido, a CTNL reitera a súa proposta de coordinación de SNL, agrupados nun consorcio interadministrativo, con unidades técnicas multidisciplinares a nivel comarcal.
- Por estas razóns, dirixímonos á Xunta de Galicia e a diversas entidades para que coñezan esta situación, e á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura Galega, ao Instituto da Lingua Galega, aos departamentos de galego das tres universidades e a diversas entidades privadas de defensa da lingua para solicitarlles que apoien este comunicado e as solicitudes que contén.
- E dirixímonos tamén a todos os concellos galegos para solicitarlles que apoien e aproben as seguintes resolucións:
Coñécense os gañadores dos Premios da Cultura Galega
“Son os galardóns máis destacados da cultura galega. Creados polo bipartido, modificados (perderon a etiqueta de nacionais máis a dotación económica, así como reduciron o número de premios) polo actual goberno recoñecen os mellores creadores do país. Nesta ocasión, os gañadores son Arcadio López Casanova na categoría de Letras, Manolo Paz en Artes Plásticas, Quico Cadaval en Artes Escénicas, a Fundación Aquae Querquennae na de Patrimonio Cultural, Carlos Núñez en Promoción Cultural de Galicia, Roxelio Groba en Música e María Pujalte en Creación Audiovisual.
O xurado estivo integrado polo propio Conselleiro de Cultura, o presidente do Consello da Cultura Galega, o presidente da Real Academia Galega, o da Real Academia de Belas Artes, o director xeral do Libro e catro profesionais “de recoñecido prestixio” designados pola Consellería (Miguel Fernández Cid, Natalia Lamas, Isabel Aguirre e Carmen Castro Pombo). Estes doce membros deliberaron a súa decisión nunha xuntanza celebrada o 2 de novembro na Cidade da Cultura, entre as candidaturas presentadas (os premiados non se pudieron postular a si mesmos, senón que foron promovidos por institucións e entidades culturais ou profesionais relacionados co obxecto de cada premio). Na convocatoria do Premio especifica que os galardóns serán entregados nun acto público organizado pola Consellaría de Cultura que a nota de prensa non especifica nin lugar nin data de entrega. (…)” Vía Cultura Galega.
Valoracións de Arcadio López Casanova en La Voz de Galicia.
Vigo: presentación de Mar ao Norde/Mar al Norte, de Álvaro Cunqueiro
O xoves 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Versus (Rúa Venezuela, 80) de Vigo, preséntase o libro de Álvaro Cunqueiro Mar ao Norde/Mar al Norte, publicado na Editorial Alento. Intervirán Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta e epiloguista do libro, Sabela Martínez, directora da libraría, e Xenaro García Suárez, director da editorial.
Santiago: presentación de A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, de Xosé Manuel Fernández Castro
O xoves 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, de Xosé Manuel Fernández Castro, publicado en Laiovento. Intervirán Luciano Rodríguez (profesor da UDC), Manuel Vieites (director da ESAD Galicia), Francisco Pillado (director de Laiovento) e o propio autor.
Melide: presentación de Nómades, de Xosé Tomás
O venres 4 de novembro, ás 20:30 horas, no Multiusos (Biblioteca Municipal) de Melide, Xosé Tomás presenta a novela gráfica Nómades, publicada en Galaxia. O acto está organizado pola Asociación Cultural Terra de Melide.
Marcos Calveiro falará de Lois Pereiro en tres Universidades alemanas
O xoves 3, venres 4 e sábado 5 de novembro, Marcos Calveiro impartirá tres conferencias arredor da vida e obra de Lois Pereiro nos Centros de Estudos Galegos da Universidade de Tubinga, da Universidade de Heidelberg e da Universidade Libre de Berlín. Vía Xerais.
Vigo: Mesa redonda de teatro, no VI Ciclo Escritoras/es na Universidade
O xoves 3 de novembro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, remata o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, cunha Mesa redonda de teatro, que contará coa participación de Afonso Becerra e Quico Cadaval, presentados por Manuel Forcadela.
Lorena Souto gaña a XXIV edición do Premio de Poesía Pérez Parallé con Fase de trema
O xurado da XXIV edición do Premio de Poesía Pérez Parallé, formado por Rosa Aneiros, Andrea Nunes e Marica Campo, decidiu por unanimidade escoller a obra titulada Fase de trema. Aberta a plica, a obra resultou ser da autoría de Lorena Souto (O Páramo, 1983), licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago e membro do consello de redacción da revista Dorna. Vía blogue do Premio Pérez Parallé.