“Carlos Alberto Zubillaga, doutor en Historia pola Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Buenos Aires, docente desta materia na Universidad de la República de Montevideo e director do Centro de Estudios Galegos, Cegal, desta mesma universidade entre outras responsabilidades, e autor dunha vasta produción historiográfica, foi recibido como Académico de Honra pola Real Academia Galega.”
Arquivos mensuais: Abril 2012
Vigo: presentación de Contos para ir durmir, de Roi Méndez
O martes 24 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Pintor Lugrís, 10) de Vigo, preséntase o primeiro libro de Roi Méndez, Contos para ir durmir, publicado en Galaxia. No acto estará acompañado por Francisco Castro.
A Coruña: homenaxe a Agustín Fernández Paz
O luns 23 de abril, ás 19:30 horas, no Fogar de Santa Margarita da Coruña (Rúa Valle-Inclán, 1-3), terá lugar un acto de homenaxe ao escritor e exprofesor desta institución, Agustín Fernández Paz. Haberá unha mesa redonda sobre O Fogar e a contribución a renovación pedagóxica, dirixida por Antón Costa, coa intervención de J. Antonio Vázquez Cabarcos, Andrés García Vilariño, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Manuel Bragado Rodríguez, Alfredo Haz Garrido e Vicente Veiga Doldán, pechándose o encontro coa homenaxe e recoñecemento a Agustín Fernández Paz, coa participación de Mini e Mero, mestres e creadores da Quenlla e Xavier Senín.
Ferrol: mesa redonda sobre Segredos da novela histórica, na Feira do Libro, o luns 23
O luns 23 de abril, a partir das 20:30 horas, na Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), celebrarase unha mesa redonda baixo o título de Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta.
Ferrol: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira, na Feira do Libro
O sábado 21 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), onde, a partir das 19:00 horas, Mario Regueira falará sobre a súa novela Outono aquí, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do último premio Lueiro Rei. No acto estará acompañado por Verónica Martínez Delgado.
Pontevedra: xornada do sábado 21 no PontePoética 2
O Ateneo de Pontevedra e o Concello de Pontevedra organizan a segunda edición do Festival de Poesía PontePoética, que se celebra o venres 20 e o sábado 21 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa do sábado 21 de abril (aquí pode descargarse completo: PontePoética 2 2012).
– 17:00 horas. Recital dos poetas Estíbaliz Espinosa, Veronika Dintinjana e Nuno Júdice.
– 18:30 horas. Recital final con todos os poetas participantes e clausura de PontePoética: María Eloy-García, Eduard Escoffet, Dores Tembrás, Xosé María Álvarez Cáccamo, Edorta Jiménez, Estevo Creus, Veronika Dintinjana, Estíbaliz Espinosa e Nuno Júdice.
A Coruña: recital de Lino Braxe e Veronika Dintinjana no Ciclo Poetas Di(n)versos
O luns
23 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño, co recital poético de Lino Braxe e Veronika Dintinjana.
Ourense: charla-coloquio A Galiza e Portugal na Idade Moderna, por Francisco Carballo
O sábado 21 de abril, a partir das 19:00 horas, no Café Cultural Auriense de Ourense, e dentro da Noite da Irmandade organizada por Galiza Nova, terá lugar unha charla-coloquio a cargo do historiador Francisco Carballo, baixo o título A Galiza e Portugal na Idade Moderna.
Ourense: Celsa Barja escenifica Cara a cara con Agripnia
O sábado 21 de abril, a partir das 23:00 horas, no Espazo Xove de Ourense (Rúa Celso Emilio Ferreiro, 27), e dentro do maratón 24 horas con teatro, Celsa Barja escenificará o monólogo Cara a cara con Agripnia.
Coñécense os gañadores do Concurso Inspiraciencia
“Xa se coñecen os gañadores nas distintas categorías do II Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia e no que, por vez primeira, tamén puideron participar relatos en galegos pois Editorial Galaxia se incorporou este ano á organización. Así pois, no que se refire á nosa lingua, o xurado decidiu conceder o primeiro premio da modalidade Relato corto, categoría Adulto, ao relato titulado Crecer, do autor Martín Pérez e mencionar como finalista ao relato Alea iacta est, de autor Pedro Antonio Labraña. O primeiro premio da modalidade Microrrelato, categoría Adulto, foi para o relato titulado Uchronia Labs, de Enrique Neira. Mencionouse como finalista ao relato Microscópico!, de autor André Ventas. Na modalidade de Relato corto, categoría Xuvenil, o relato titulado Carta de Nikola Tesla a Thomas Edison, de David Novo foi o gañador, e recibiu unha mención como finalista o relato Un día diferente, de Andrea González.” Vía Galaxia.