Convocado o XII Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal de 2012

BASES

Primeira. Poderán concorrer ao premio todos os autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega ou portuguesa. Os textos deberán ser inéditos cun mínimo de 150 folios a dobre espazo. Valoraranse o rigor, a innovación metodolóxica e o interese para a sociedade.
Segunda. Os traballos de Historia Medieval de Galiza comprenderán toda a etapa medieval. Os traballos de Historia Medieval de Portugal cinguiranse ao período de historia en común.
Terceira. Presentarase o orixinal e cinco copias antes do 1 de novembro de 2012 en:

Editorial Toxosoutos
Cruceiro do Rego, 2 – Obre
15217 NOIA (A Coruña)

Cuarta. Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor, así como o título da obra.
Quinta. O premio considerará nomeadamente, un gañador, ao que se lle asigna unha dotación económica de 4.000 €, e un finalista, que recibirá unha cantidade de 1.200 €. En ambos os dous casos, os traballos serán publicados pola Editorial Toxosoutos na súa colección Trivium, renunciando os autores aos dereitos da primeira edición, tanto en galego como noutras linguas de posíbel publicación por parte da devandita editora. Aínda que os premios poderán quedar desertos ou ser compartidos en calquera das categorías sinaladas.
Sexta. O xurado estará composto por cinco especialistas de recoñecido prestixio, e actuará como secretario sen voto un membro da Editorial Toxosoutos.
Sétima. O fallo do xurado darase a coñecer o día 17 de decembro, aniversario da morte do Mariscal Pardo de Cela.
Oitava. O xurado poderá recomendar a publicación dos traballos que, aínda non sendo premiados, sexan de calidade.
Novena. Os autores e autoras quedarán comprometidos a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.
Décima. A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.

Noia,
xuño 2012

1º Concurso de micro-relatos Aira das Letras

BASES

1.- O relato terá, como máximo, 170 palabras en galego.
2.- A temática será fantástica, tomando como referencia “o xigante de Magarelos” (persoa real que viviu en Allariz). Neste enlace podedes ver un video novelado que se fixo sobre el.
3.- Prazos:
* Durante o mes de xullo colgaremos as bases.
* No mes de agosto poderedes colgar os relatos. Para iso tedes que rexistrarvos na páxina web.
* No mes de setembro serán as votacións. Haberá dous premios:
A) Premio do público. A xente poderá votar os relatos na páxina web.
B) Premio do xurado.
* A primeiros de outubro coñeceranse os gañadores.
* Na Semana do libro de Allariz (ponte do 12 de outubro) entregaranse os premios.
4.- Premios.
* Premio do público.
– Cesta con produtos de Allariz.
Embutidos de Vilaboa.
Queixo do Rexo.
Licores e repostería alaricana.
Lote de libros.
* Premio do xurado.
– Fin de semana para dúas persoas en Allariz (Casa Torre Lombarda)*, na Baixa Limia (Casa Baralló)* ou en Porto (Belomonte 20)*.
– Lote de libros.
5.- Só se permitirá un relato por persoa. Hai que poñerlle título. O autor cede o relato para que Aira das letras poida incorporalo nos seus marcapáxinas ou postais. Aira das letras comprométese a que apareza o nome do autor.
6.- Se nestas bases quedase algunha cuestión sen precisar, corresponderalle ao xurado establecer dita cuestión e, se non o fixese, á organización do certame. A participación neste concurso implica o coñecemento e aceptación íntegra destas bases.

* Nota: A data de reseva dependerá da dispoñibilidade de camas.

Santiago: homenaxe institucional a Xaime Isla Couto

“O xoves 5 de xullo, ás 18:30 horas, na Biblioteca da Cidade da Cultura, a Xunta de Galicia organiza unha homenaxe institucional a quen foi cofundador da Editorial Galaxia en 1950, o ilustre galeguista Xaime Isla Couto, falecido en Vigo o pasado 25 de abril. No acto intervirán, ademais do presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, o presidente de Editorial Galaxia, o rector da Universidade de Vigo (institución que concedeu a Isla Couto o doutorado honoris causa), o presidente da Real Academia Galega, un representante da Fundación Isla Couto e un representante da familia. (…)” Vía Galaxia.

A edición en galego diminúe un 10,2 %

“Os datos aportados polo Informe Comercio Interior do Libro 2011 feito público pola Federación de Gremios de Editores de España dá conta dun sector en crise que, no conxunto do Estado, viu como a súa facturación descendía nun 4,1% o que o pon á altura das cifras do 2002. “Nin o editor máis optimista ou afortunado pode negar a profunda crise dun sector que nos últimos cinco anos perdeu o 20,3% das vendas dos seus exemplares” anota no seu blog o editor Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores. Lamenta Manuel Bragado a disminución da edición de libro galego que descende nun 10,2%, “un fenómeno que hai tempo viñamos anunciando”, anota. Como positivo, destaca o aumento lixeiro de facturación en librerías e cadeas de librerías onde se venden o 55,5% dos exemplares. Máis información no blog de Manuel Bragado“. Vía Sermos Galiza.

Vigo: actividades destacadas do xoves 5 de xullo na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do xoves 5 de xullo son:

19:30 h.Pedro Feijoo asinará exemplares de Os fillos do mar, publicada en Xerais.
20:00 h.: presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira, publicado en Xerais. Intervirá, xunto ao autor, Manuel Bragado.

No centenario de Manuel Leiras Pulpeiro

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Con motivo do centenario do pasamento de Manuel Leiras Pulpeiro prepárase un amplo abano de actividades en recordo da figura do poeta da Paula, organizadas principalmente pola Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte de Santiago e mais o Excelentísimo Concello de Mondoñedo, axudados inestimablemente pola Deputación Provincial de Lugo.

Entre as iniciativas que tales entidades promoven quero hoxe destacar aquí tres:
— As V Xornadas do Peregrino en Homenaxe a Manuel Leiras Pulpeiro polo Centenario do seu Pasamento.
— O ciclo cultural Que non calen os eidos!.
— E mais a elaboración dun Roteiro Leiras Pulpeiro.

A primeira destas actividades desprega un nutrido feixe de eventos entre os que se contan diversas charlas sobre a vida e obra do autor, alén doutras de carácter lúdico e deportivo que han servir para lembradoiro deste persoeiro da cidade que tanto fixo pola cultura e a sociedade mindonienses. Se premedes na imaxe que figura acompañando estas liñas atoparedes cumprida conta do programa de actos, que se desenvolverán entre o 6 e o 8 deste mesmo xullo.

Os amantes do teatro que queiran regresar ás raíces das representacións verdadeiramente populares poderán gozar da peza As verbas do ramo, que representan alternativamente os grupos O Bordelo (de Cervo), Ardora (San Cibrao), O Batán (Cangas), Raiolas (Alfoz) e mais A Adala (Fazouro) dende o pasado xuño e ata setembro nas diferentes parroquias mindonienses, en locais públicos habilitados para a ocasión onde os nosos paisanos terán a oportunidade de achegarse á literatura dramática que deles naceu e que, deste xeito, regresa a eles, facendo da escrita e da cultura un ben próximo ás xentes, como sempre defendeu —¡e practicou!— o propio Leiras Pulpeiro. Tamén neste caso, se clicades na imaxe que ilustra estas liñas acharedes información precisa no blog do tamén mindoniense Marcos Candia.

Finalmente, a amentada Asociación Abrindo Camiño, axudada pola corporación local e a deputación provincial, elaborou un moi interesante roteiro de lugares emblemáticos da biobibliografía do poeta que coordinou o seu presidente, Luís Fernández Ansedes. Un convite para visitar Mondoñedo cunha ollada diferente, que ten como guieiro os socalcos vitais dun dos nosos máis eximios escritores. Outra volta, se premedes nas imaxes deste e do seguinte parágrafo, poderedes contemplar, ampliado, o exemplar dixital dun dos dez mil dípticos impresos para a ocasión, inmellorable escusa para viaxar e coñecer unha das cidades máis fermosas de toda a Galicia norte.

Cónstanos que están a se preparar máis actividades en memoria de Leiras Pulpeiro dende Mondoñedo. Delas iremos dando oportuna conta segundo vaian materializándose. Mais non quero deixar pasar a ocasión de felicitar a todos os que, dende aquela pequena gran localidade, traballan a prol da cultura de noso, con medios moitas veces precarios, pero cunha ilusión e devoción admirables que encherían de orgullo ao propio Leiras Pulpeiro. Tal esforzo debería verse recompensado coa vosa participación. Se andades por Mondoñedo, polos seus arredores ou simplemente queredes saber o que alí agroma socioliterariamente falando, non deixedes de visitarnos, seredes máis que benvid@s.”

Cangas: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá

O xoves 5 de xullo, na Capela do Hospital de Cangas, dentro da 29 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, realizaranse dous microespectáculos a partir dunha das Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá (publicadas en Laiovento). Un da actriz e performer María Roja, que conta coa colaboración no espazo sonoro de Berio Molina, e outro da actriz Paula Pier, con dirección e dramaturxia de Diana Mera.

Pilar Rodríguez, escollida presidenta da Federación de Libreiros de Galicia

“Tempada de eleccións no sector do libro en Galicia. Pilar Rodríguez, da Libraría Padre Feijóo de Ourense, foi escollida Presidente da Federación de Libreiros de Galicia, tralas eleccións celebradas o sábado 30 de xuño. O vicepresidente será Xosé Antón Pedreira Mirás, da libraría compostelana Pedreira.” Vía Cultura Galega.