Ribadavia: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O venres 18 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Pub Aljama de Ribadavia (Tras Mesóns), preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Eladino Cabanelas, responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na zona do Carballiño-Ribeiro.

Sigüeiro (Oroso): presentación de Perspectivas sobre Bóveda

O venres 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Sigüeiro-Oroso (Rúa da Cultura, s/n.), preséntase o libro Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano, publicado pola A. C. Alexandre Bóveda, no que participaron os seguintes autores: Pilar García Negro, Xosé Antón Pena Beiroa, Victorino Pérez Prieto, Xusto Beramendi, Engracia Vidal Estévez, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e David Otero. No acto intervirán Manuel Mirás Franqueira, Xosé Manuel Sanchez Rei, Presidente da Asociación e editor do libro; Uxío Breogán Diéguez-Cequiel e Valentín García Bóveda.

Ramón Villares: “A cultura danos seguridade e calquera proxecto de futuro terá que levar a marca propia para diferenciarse”

Entrevista a Ramón Villares na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: Sendo libros centrados na economía tanto en Galicia como tarefa, como La marginación de Galicia, Valentín dedicaba un amplo apartado á cultura. Cal é a importancia do factor cultural para un proxecto de futuro?
– Ramón Villares: A cultura marca calquera produto, sexa industrial ou manufacturado. É o elemento esencial de algo que no tempo de Paz-Andrade non se coñecía e hoxe denominamos o poder brando, que é ter as calidades que outros quixeran ter e non teñen e polas que te admiran. Se pensamos no que fixo Sargadelos e a estética Díaz Pardo, podémonos preguntar se vendía un anaco de barro cocido ou unha idea de Galicia. Por que se lle pagaba unha vaixela ou unha figura? A cultura ten un grande poder simbólico e foi un acerto de Valentín ter escrito iso e insistir sempre en que o futuro de Galicia e as tarefas pendentes do país tiñan tamén que ver coa cultura. Que a nosa presenza no mundo tiña que levar o pegamento cultural. Claro que había que industrializarse, coutar a emigración, ter aforro rexional e investimento financeiro, que tiñamos que contar con instrumentos e institucións que o facilitasen, pero ao tempo debíase ser consciente de formarmos parte dunha cultura. Unha cultura non só galega senón que se estendía por catro continentes grazas á lingua portuguesa. Foi un acerto moi valioso de Paz-Andrade. Hoxe os economistas recollen moito esa idea de que cultura e institucións son fundamentais. Non se trata só de números, a nosa vida constitúese tamén a través de emocións, sentimentos e paixóns, non só de razón. Entendo que dedicase capítulos dos seus libros á cultura e véxoo como unha lección para a situación actual e futura. (…)”

Ferrol: presentación de Currículum oculto, de Arturo L. Regueiro

O venres 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32), terá lugar a presentación-concerto de Currículum oculto, poemario máis CD musical, de Arturo L. Regueiro. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Mosquera Camba e os músicos de Caliza Cajún: Luís Cuntín (voz), Cabe García (guitarra), Óscar Painceiras (contrabaixo) e Víctor Sánchez (clarinete).

Allariz: novo espazo literario e de actividades

A Libraría Aira das Letras pechou un acordo coa Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3), de Allariz, para crear nesta última entidade un espazo literario e de análise sociopolítica permanente, que tamén servirá para realizar actividades para os máis cativos, xa que a Aira das Letras se incorpora ao club Kiriko.
Quérese facer unha actividade ao mes como mínimo (unha de adultos e outra de nenos) polo se informa a todo o público interesado para que saiba que este espazo á súa disposición.
Pódese contactar con Aira das Letras no teléfono 988442324 ou no correo electrónico info@airadasletras.com.

Parlamento das Letras: Medos Romero

Entrevista de Armando Requeixo a Medos Romero no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Medos Romero (MR): Eu creo que o que máis precisa a nosa literatura é visibilidade social: estar nos escaparates das librarías, estar na televisión e nos medios de comunicación en xeral, en definitiva, formar parte da sociedade. Podería dicir tamén que precisa apoio institucional, mais que podemos agardar dun goberno que rexeita a normalización do idioma no que se escribe a nosa literatura? En canto ao propio contido da literatura, o que creo que lle sobra é aquela escritura que se elabora á marxe da vida, porque neses casos o texto non ten o pulso necesario e acaba por caerlle das mans ao lector. (..)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: Penso que en calidade nada temos que envexar a outras literaturas, mais o noso problema é que a literatura galega precisa tamén, ademais de autores e de libros, de lectores. E aí imos para atrás. Por iso é tan imprescindíbel e valioso o traballo constante que ti e outras persoas estades a levar a cabo para facer visíbeis as nosas letras e para favorecer o interese polas obras que se escriben en galego. Nunca vos poderemos pagar o voso labor pola difusión da literatura galega. (…)”.

Madrid: presentación de O caso máis estraño do detective Marschen, de Xavier Frías Conde

O xoves 17 de xaneiro, ás 19:00 horas, en Aturuxo Tenda Galega (C/ Vallehermoso, 104) de Madrid, preséntase O caso máis estraño do detective Marschen, de Xavier Frías Conde, publicado en Galaxia. No acto, presentado por Ricardo Pichel, participará, xunto ao autor, Francisco Castro.