Lugo: acto de homenaxe a Benxamín Casal

O venres 17 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo (Praza Maior, 23), terá lugar un acto de homenaxe a Benxamín Casal, baixo o nome de A forza da intelixencia, organizado conxuntamente pola Editorial Galaxia, o Club Cultural Valle-Inclán e o Círculo das Artes. No acto intervirán:

Víctor F. Freixanes (Editorial Galaxia).
– Tonina Gay e Felipe Arias Vilas (Club Cultural Valle-Inclán).
– Jesús López-Domínguez López (Círculo das Artes).
Ramón Villares Paz (Consello da Cultura Galega).
– Xesús Alonso Montero (Real Academia Galega).
– Xosé López Orozco (Concello de Lugo).
– Alberto Núñez Feijóo (Xunta de Galicia).
– Xulián Parga Rodríguez.
– Familia de Benxamín Casal Vila.
– Música a cargo de Najla Shami.

Arteixo: contacontos con Francisco X. Fernández Naval e Ali Ali

O venres 17 de xaneiro, ás 18:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, terá lugar unha sesión de contacontos arredor da obra Suleimán y Salúa, de Francisco X. Fernández Naval e o ilustrador sirio Ali Ali, publicada en Trifolium, coa presenza dos dous coautores. A entrada será libre e gratuíta, mais para asistir é preciso reservar asistencia no teléfono 881-969745, ou ben no e-mail: luscandil@gmail.com.

Expectativas fanadas, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez en A Sega:
“Unha das estratexias máis interesantes de neutralización da escrita das mulleres tende a ser a presentación que editorialmente se fai dos seus libros. As contracapas, as fotos, as biografías todas contribúen a presentar unha imaxe e non outra, a inclinar unha lectura e non outra. Pode semellar que estas ferramentas son pequenos artefactos sen importancia, adornos «do principal», mais no fondo, como teñen demostrado de forma pertinaz as investigadoras como a Dra. Martín Lucas para o caso de autoras racializadas en lingua inglesa, este tipo de cuestións pode amosar da forma máis clara as expectativas (a miúdo patriarcais e racistas) que se teñen ao redor do texto. Se cadra por iso é tan importante, e no caso de Galicia unha vantaxe que podemos usar ao noso favor, ser donas tamén da maneira en que os nosos libros se presentan ao público, e non só do que vai entre capa e capa.
Esta longa introdución vén á maneira en que se nos presenta a novela de Anna Gavalda Xuntos e máis nada, que foi Premio de Novela Europea no ano 2005. O volume preséntasenos como a histora de «catro vidas perdidas», «catro sobreviventes» e ponse sobre todo énfase no feito de que Gavalda escribe «dende a experiencia da fraxilidade do ser humano». Unha vez lida a novela, esta descrición quedou prendida en min cun punto de desconcerto. Efectivamente, Xuntos e máis nada narra a historia de catro persoas que se enfrontan a diversas dificultades para atopar un espazo no que ser aceptadas, sobre todo por elas mesmas. De aí que iso signifique que sexan «vidas perdidas» creo que dista un treito bastante longo. Se cadra unha ten esa sensación só se observa as personaxes desta novela dende a suposta «normalidade» dunha sociedade na que se supón que a xente, incluída a ficcional, vive en marcos predeterminados en canto a traballo, relacións familiares ou espazos. Mais se unha non parte da base de que existe tal «normalidade», as lecturas de Xuntos e máis nada viran bastante diferentes. (…)”

Compostela: presentación de Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias

O xoves 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Berta Dávila, Carlos Negro e Manuel Bragado.

Falece Juan Gelman

Desde Sermos Galiza:
“Cando Juan Gelman se atopa en Uruguai coa súa neta 23 anos despois da desaparición e morte por parte da ditadura arxentina do seu fillo Marcelo e a súa nora Claudia, preñada entón, a súa imaxe percorreu o mundo enteiro. Gelman alzábase como a figura da dignidade, da loita contra a represión e unha memoria que non descansa diante das atrocidades dunha ditadura que conmocionou ao mundo e que a el o convertería en exiliado durante boa parte da súa vida. Poeta inmenso, a imaxe de Gelman era a do pai que, máis de dúas décadas despois, abrazaba á filla do fillo asasinado, como tantas nais, como tantos pais na Arxentina que non acougaron ate dar cos seus netos roubados ou nacidos no cativerio dos seus fillos.
Gelman nacera en Bos Aires en 1930, fillo de emigrantes xudíos ucrainos e a súa traxectoria, despois de varios oficios, habíase de encamiñar cara ao xornalismo, a tradución e a poesía. Roma, Madrid, Managua, París, Nova Iorque ou o México, no que morreu, serían algunhas das cidades do seu longo exilio, que comezaría en 1975 cando, pola súa militancia política nos Montoneros, se viu na obriga de fuxir da ditadura, que marcaría de maneira intensa a súa vida. A desaparición do seu fillo Marcelo e a súa nora Claudia, e o descoñecemento do paradoiro da neta, deixaría unha ferida aberta na súa biografía da que confesaba que non sanaría nunca. No ano 2000, dous despois de que finalmente puidera enterrar os restos de seu fillo, Gelman escribía en Página 12 -o xornal no que colaborou durante boa parte da súa vida- o artigo “Elogio de la culpa” na que se definía como “orfo de fillo: “Agora ten sepultura e é este un feito sumamente importante para un pai orfo de fillo, como son, porque o rescate dos seus restos foi o rescate da súa historia”.
Autor de obras como Violín y otras cuestiones, El juego en que andamos, Gotán, Sefiní, Valer la pena, Oficio Ardiente ou Miradas ​nunha conta ampla de libros que pecharía Hoy, Gelman fíxose cos máis relevantes premios literarios para autores en español, entre eles, o Cervantes, o Juan Rulfo ou o Reina Sofía de Poesía Latinoamericana.
En 2010 recollía na Galiza o recoñecemento como Escritor Galego Universal e entón, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), entidade que lle outorgaba o premio, lembraba as palabras de Julio Cortázar nas que defendía que “o máis admirable na súa poesía é a súa case impensábel tenrura alí onde máis se xustificaría o paroxismo do rexeitamento e a denuncia, a súa invocación de tantas sombras desde unha voz que sosega e arrola, unha permanente caricia de palabras sobre tumbas ignotas”.”

Ourense: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira

O xoves 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 16), de Ourense, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais, nun acto que contará coa presenza do autor, acompañado por Millán Picouto.