Anxos Sumai: “Custa zafar dos prexuízos: pensamos que a muller independente debe pagar un prezo”

Entrevista de Montse Dopico a Anxos Sumai en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Hai en A lúa da colleita unha volta ao lugar da adolescencia, do mesmo xeito que en Así nacen as baleas hai un regreso ao lugar da infancia, aínda que por motivos distintos. Non creo que esa coincidencia sexa casualidade. Cal é o seu motivo?
– Anxos Sumai (AX): A min acontéceme que o que escribo desvela sempre algo do que eu non son completamente consciente e A lúa da colleita estame a sorprender coas múltiples lectura que ten. Esta que propós é nova tamén para min, non pensara niso. De todas formas, se volvo a esas épocas da vida é porque as personaxes ou a historia que estou narrando o precisan. Esta novela parte dun estraño acontecemento que viviu a protagonista, Nuria, cando era adolescente, que foi sen dúbida o desencadeante da súa persoal percepción sensorial e que nunca se chega a explicar: ese momento campa sobre toda a novela como un enigma máis, dos moitos que ocupan a Nuria. Hai outros personaxes, como Happy, que fala conscientemente da súa nenez, do difícil que lle resultou aceptarse como unha muller. Tamén Lois remexe un pouco na infancia, nunha imaxe luminosa de cando se sentiu músico por vez primeira. Pero só Nuria, Happy e Bet retroceden a eses momentos.
A infancia e a adolescencia, polas descubertas e os conflitos, son sempre lugares fascinantes para min como narradora. Da miña experiencia deses tempos consigo extraer case todo o que preciso para crear, como se metese a man e arrincase unha presada de arxila que podo moldear segundo me conveña. (…)
– MD: Por certo, que non sei se é que só tes publicados os libros que levaron premios, ou que efectivamente libro que escribes libro que premian. Creo que escribiches sempre: en revistas, libros colectivos, para comics, discos… Saberías explicar de onde che vén esa paixón?
– AS: Non, non todo o que escribín foi premiado. Tampouco me presento a premios, simplemente porque non teño obras que presentar. Só escribín dúas novelas e si, enviei unha ao Repsol e a outra ao García Barros e premiáronas.
É certo que aínda que publique pouco, sempre escribín. Quixen pintar, quixen compoñer cancións pero era malísima. Na literatura sempre conseguín desenvolverme ben. Dende nena, quedei atrapada nese poder de evocación que ten a palabra: medrei nunha aldea antes da chegada da televisión e as horas distráianse contando contos. Fascinábanme aqueles contos que contaban as mulleres e os homes que viñan pola casa do meu avó cando había que cocer o pan, esfollar o millo, facer a caña… Foron unha grandísima escola para min como escritora. Ogallá chegase a conseguir narrar coa tensión que conseguía crear en min aquela xente e que me aguilloaba a imaxinación. (…)”

Cuestionario Proust: Arturo Casas

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Arturo Casas:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Agora mesmo a paciencia, e moito me tardou. Tamén unha certa incapacidade para deixar de ver o aspecto cómico que se agocha en case toda acción humana.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade, a intelixencia, a discreción, a bondade, a educación, a valentía, o candor, o riso, a boa vocalización, todas por igual.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me fagan rir e que non o beban todo.
4.– A súa principal eiva?
– A descrenza en todo plan quinquenal. Pero iso mesmo vai a favor do momento e a favor da utopía.
5.– A súa ocupación favorita?
– Actual? Ver durmir certas persoas.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Igualdade, emancipación, pluralidade, viño, percebes e pel.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ninguén sabe nada a ese respecto.
8.– Que lle gustaría ser?
– Contorsionista. No seu defecto, un río.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Noruega, en Chile, nalgún país longo e marítimo. Neste mesmo, malia el ser cadrado. Pero con algún amaño, con bastantes amaños. Por poñer un, diría contarmos cunha esquerda medianamente lúcida.
10.– A súa cor favorita?
– A cor que recende, a do mar dos ártabros.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Papoula e memoria.
12.– O paxaro que prefire?
– O tucano, por me resultar inverosímil e serme simpático malia o exceso.
13.– A súa devoción na prosa?
– Bourbaki. Spinoza. Weil. Cunqueiro. Lotman. Arendt. Cervantes. Canetti.
14.– E na poesía?
– Safo e a poesía arcaica grega; en xeral, todos os arcaicos. E logo Celan. Tamén Pepe Cáccamo, Chus Pato e oito ou dez poetas máis do meu tempo e do meu país. Admiro igualmente quen traduce poesía e o fai ben. Poucas cousas se me ocorren máis complicadas.
15.– Un libro?
O bosque harmonioso, de Augusto Abelaira. Quen sabe por que?
16.– Un heroe de ficción?
– Lázaro. E, en xeral, os esdrúxulos.
17.– Unha heroína?
– Eurídice, por non desviarnos. Tamén Atenea, malia todo.
18.– A súa música favorita?
– Depende da hora, do sitio, da posición e de se estou só ou con xente. Algúns nomes e xéneros, por exemplo mentres conduzo, resultan inconfesábeis. Sendo dono de min, gústame Pärt, Mozart, Bach, Schubert. Tamén Abe Rábade, que hai uns días me conmoveu até un límite para min descoñecido. A música de Patricia Barber, Shirley Horn, Abbey Lincoln, Nina Simone e moitas outras compositoras e cantantes estadounidenses.
19.– Na pintura?
– Colmeiro e Seoane, para pensar no mito e para a alegría. E moita pero moita máis. De antes e de despois.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os que cruzan desertos e mares procurando algo que nós xa temos. As que se xogan a vida por falar en voz alta.
21.– O seu nome favorito?
– Ilduara, Artemio e algún nome eslavo, como Zbigniew ou Katarzyna.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Poñamos catro: a facundia, a pompa, a nugalla e a desorde. E un quinto: a incapacidade para poñerse no lugar do outro. E un máis, por ir á media ducia: a egolatría.
23.– O que máis odia?
– O colonialismo, a violencia física e simbólica contra as mulleres, a relixión de estado, a escravitude, o fascismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco e os seus xenerais, bispos, xuíces e banqueiros, por todo o que directa e sistematicamente nos fixeron (século XX) e nos seguen a facer a nós (século XXI).
25.– Un feito militar que admire?
– Calquera que implique a liberación de seres humanos sometidos por motivos étnicos, sociais, relixiosos ou doutra clase. A revolución haitiana de 1791 contra a escravitude e mais a colonización e a correlativa organización militar debida a Toussaint Louverture, por exemplo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Beleza e intelixencia, por esa orde ou pola inversa. Fóra diso gustaríame ser negra e ter sentido do ritmo e da proporción. Tamén, con todo o anterior, ser mediofondista, danzarín e tocar o saxo alto ou o bandoneón. A miúdo querería, asemade, ser contorsionista, creo que xa o dixen.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen tortura, sen escenario, sen relixión e sen dar a lata. Pero asumo aquilo de Blanchot: morrín, vivín, morrín. Non se morre só unha vez nin só dunha vez.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A proxección individual e colectiva sobre o futuro, un principio esperanza menor que o que querería manter aceso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A simpleza, agás cando vai unida a poder. Pero quen é un para perdoar?
30.– Un lema na súa vida?
– Nunca souben de lemas. Gustoume o resultado dunha enquisa do Times, el mesmo paradoxal: “No motto please, we’re British”.”

A escritora que dá aulas de galego nas redes sociais

Desde Sermos Galiza:
“O seu é un dos nomes coñecidos da literatura galega. Unha ampla e valorada obra e unha traxectoria longa como profesora fan que o de Helena Villar Janeiro forme parte xa da nosa historia literaria. A escritora sorpréndenos agora impartindo aulas de galego en facebook.
Non son consellos ou indicacións. Son aulas en soporte dixital preparadas para as condicións especiais das redes sociais. O curso comezou hai pouco, cando a polémica do “polbo” chegou á Academia. Despois de asistir ao balbordo producido, Helena Villar considerou que aí non estaba o problema e decidiu contribuír a promover a calidade da lingua desde a súa casa na aldea, apegada ao ordenador e cun público cada día maior que asiste á grande actividade da escritora na rede.
“Pensei que a grande preocupación que teñen os falantes é o vocabulario que, ao fin e ao cabo, é o menos interesante porque se resolve co dicionario. Pola contra, non vexo que se lle dea relevancia á desfeita cos pronomes, poño por caso, ou á fonética”, comeza a explicar Helena Villar do momento inicial no que regresou ao seu oficio comezando precisamente polo que máis lle preocupaba: os pronomes.
Villar Janeiro é tamén pedagoga e iso percíbese na calidade dos apuntamentos e nos exercizos prácticos que propón. Mesmo hai xa algúns ensinantes que queren empregar a metodoloxía de Helena traspasada ás aulas. “Cómpre secuenciar, coñecer o soporte e traballar os materiais. Estou a facer un grande esforzo coa programación. Agora vou facer exercicios, case como se ensinara unha lingua estranxeira porque a xente ten que tomar conciencia da necesidade de traballar tamén a nosa lingua. Non todo vale”, defende Helena Villar, magoada cos “despropósitos” que le e escoita cada día.
Sorpréndelle agora a repercusión que as súas aulas dixitais están a ter no facebook. Comezou dirixíndose a tres ou catro persoas e cada vez son máis as que se unen á escola de lingua de Helena Villar. Comentan, dan indicacións, preguntan dúbidas e propoñen temas. Eis as posibilidades das redes sociais, espazo que a escritora manexa con destreza e no que leva tempo xa ofrecendo os seus artigos, as súas receitas, consellos literarios, opinións e tamén a morea de fotografías artísticas que esta muller de moitas facianas creativas comezou a facer públicas hai pouco tempo.
“Non vale estar colocando mal os pronomes toda a vida. Iso non pasaría con ningunha outra lingua. Quero contribuír a crear conciencia de que podemos mellorar o uso do galego”, insiste Helena Villar que comezará en breve a traballar cos paradigmas, dando modelos para a construción correcta das frases. (…)”

María Xesús Lama: “Se a enfermidade de Rosalía fose máis lenta, hoxe teriamos un libro máis dela”

Entrevista de Miguel Pardo a María Xesús Lama [a foto é da Universitat de Barcelona] en Praza:
“A profesora da Universitat de Barcelona María Xesús Lama foi unha das investigadoras que participou no último achado de manuscritos inéditos de Rosalía de Castro. A Real Academia Galega (RAG) presentou hai unha semana un poema en galego e tres en castelán, unha descuberta “valiosísima” que indica que a escritora preparaba pouco antes da súa morte Postrimerías, o seu último libro. Son estes textos en español os que analizou Lama, que cualifica de “extraordinaria” a información que sobre a última etapa literaria da autora nos ofrecen estes escritos.
– Praza (P): Como atopou eses inéditos?
– María Xesús Lama (MXL): Atopeinos percorrendo os arquivos. Fun ao da RAG para ver o que alí había e ensináronme unha carpeta cunha serie de materiais. O que me parecía interesante recibino en arquivo dixital, xa en 2012. A Academia ten o proxecto de facer un álbum cos manuscritos de Rosalía, revisaron todo o que alí tiñan e Henrique Monteagudo atopou tamén estes materiais e viu que había alí unha solicitude miña para dalos a coñecer e, respectando este proceso, chamoume para participar na presentación porque era un material que eu xa tiña traballado.
– P: Agárdase que se atope algún inédito máis?
– MXL: Non se espera que haxa moitos máis. Algunha cousa máis pode aparecer, pero non se agardan moitos máis materiais inéditos por iso de que Rosalía mandou queimar as súas obras ao morrer. (…)”

Cambados: conferencia de Carlos L. Bernárdez sobre Plácido Castro e a arte galega do seu tempo

O luns 27 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Pazo de Torrado (Rúa Príncipe, 10) de Cambados, terá lugar a XV Conferencia Anual Plácido Castro, coa intervención de Carlos L. Bernárdez, que falara sobre Plácido Castro e a arte galega do seu tempo.

Boqueixón: acto de nomeamento de Xosé Neira Vilas como Fillo Adoptivo

Desde Galaxia:
“O sábado 25 de xaneiro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Boqueixón, Xosé Neira Vilas será nomeado Fillo Adoptivo, por unanimidade de todos os grupos municipais. No acto intervirán Jesús Sanjuás, Valentín García Gómez, Ovidio Rodeiro, Dolores Vilavedra e Xosé Manuel Lobato. Contarase coa actuación do Agrupación Infantil Loaira e o Grupo Folk A Requinta de Xián.”