A cuarta feira 22 de febreiro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), Vítor Vaqueiro presenta o libro Da identidade à norma, editado por Laiovento, do que é autor xunto con Nicolás Xamardo. Nesta palestra-debate, organizada pola A. C. O Galo, participan tamén Marcos Maceira e Luís Gonçales Blasco, Foz.
Arquivos mensuais: Febreiro 2017
Compostela: presentación da edición de Follas Novas, de Rosalía de Castro, feita por Anxo Angueira
O mércores 22 de febreiro, ás 20:00 horas, en Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Follas novas de Rosalía de Castro en edición de Anxo Angueira, publicado por Xerais.
“Horizontes de mulleres”, por Eli Ríos
Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Horizonte e mar, de Paula Cristina Rodrigues, é unha novela das que hai que ler até a última páxina. Desas que, nese punto exacto no que nos parece que comeza a ser pesada…, zas! Dá unha virada e sorpréndenos con aquilo que intuíamos, pero, ao mesmo tempo, negabamos. Queremos ler unha narración plana, pero a autora non o vai permitir. Unha historia, a historia da matriarca Francisca desde aquel decembro de 1947, no que unha traxedia no mar a converte en orfa de pai e de irmán, até xaneiro de 2013 cando morre e o bisneto Dinis recolle a súa memoria.
A narración comeza debullando a historia da peixeira Francisca cando unha desgracia marítima a deixa sen familia. Ese instante no que caen todos os seus apoios e se ten que enfrontar ás dificultades da vida para criar os fillos e sacar a casa adiante sen máis recursos que os que lle proporciona o seu traballo xa que o home se desentende completamente.
O eixo que vertebra a novela é a historia familiar, pero, esta, non acontece illada da sociedade. A través das súas páxinas, asistimos ao nacemento do Porto de Leixões, ao desenvolvemento e modernización de Matosinhos ou Leça da Palmeira, e ao reivindicar das vivencias persoais, nestes procesos, porque a Historia non se escribe nos libros, redáctana as persoas individuais. Presenciamos, entón, unha análise etnográfica, interesante e deliciosa, desde a primeira persoa. Francisca guíanos a un tempo no que as peixeiras camiñan descalzas coas cestas do peixe na cabeza desde o porto até Matosinhos para gañar uns tostões que gardan nos seus aventais, pero, tamén, a unha época na que ser muller era moi complicado. Con catorce anos ela descobre un dos grandes conflitos (e reflexións desta obra): o corpo de muller sobre o que os homes deciden sen impunidade. (…)”
Medremos co libro!, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2017
CONCURSO ANDERSEN HOXE
Aquí poden descargarse as cartas para bibliotecas, librarías e centros de ensino.
I Certame Literario de poesía e relato curto Waldorf Meniñeiros
Ribeira: presentación de Sementes, de Sonia García Vidal
Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2017, texto de Ledicia Costas
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai público o seu manifesto do Día de Rosalía de Castro de 2017, que foi encomendado a Ledicia Costas, quen foi tamén a encargada de darlle lectura o domingo 19 de febreiro, no acto central co que a AELG conmemorou a data de nacemento da nosa autora no Panteón de Galegos Ilustres.
Este manifesto será tamén lido en todos os actos que esta entidade celebrará por todo o país entre hoxe domingo e o propio Día de Rosalía de Castro, o vindeiro venres 24 de febreiro.
O manifesto pode descargarse aquí: Manifesto do Día de Rosalía 2017 AELG, por Ledicia Costas.
Antón Riveiro Coello: “Os tolos eran para min, desde os meus ollos de neno, a máxima expresión da liberdade”
Entrevista de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Praza:
“(…) – Praza (P): A crítica salientou que, ademais de ser Carlos Casares un personaxe máis, a novela tamén é unha homenaxe ao estilo literario deste autor…
– Antón Riveiro Coello (ARC): A ferida do vento é, en certa maneira, unha continuación de Casas baratas. En Casas baratas chegara á adolescencia, e esta novela, que transcorre, en realidade, nunha semana, pode lerse como unha continuación. A ferida do vento está perto da concepción literaria de Carlos Casares, en concreto da súa segunda etapa, máis realista. A miña pretensión era, como dixen, homenaxear Vento ferido e, en xeral, a obra narrativa de Carlos e as súas teimas como escritor: facer historias accesibles, cun estilo directo, suxestivo, cunha sintaxe fluída, para chegar a un público amplo que inclúa a xente que non está afeita a ler. Unha literatura popular.
Quería recrear, ademais, o mundo vilego de xeito que fose recoñecible para calquera persoa que viva nun núcleo de poboación de entre, quizais, 5.000 e 30.000 habitantes. Tamén era para min importante a inocencia como perspectiva. Carlos reivindicaba a inocencia: el trataba de contemplar o mundo cos ollos dun neno. E tamén o humor, para o que el tiña un talento natural. Ou a oralidade. Hai moitas anécdotas que tirei da oralidade. Carlos é un personaxe secundario na novela, unha persoa cunha gran capacidade para absorber anécdotas e elaboralas literariamente. Ademais, contábaas moi ben: coas súas pausas, o mantemento da tensión ata o final…
– P: É unha novela de iniciación, de aprendizaxe. Un xénero tan coñecido… É por iso que falas da inocencia o motivo de que o protagonista sexa un adolescente, de que a historia estea contada desde o seu ollar?
– ARC: É unha novela de formación, de aprendizaxe, na que están presentes a miña experiencia e a miña imaxinación. É un rapaz de 15 anos, vive nese momento no que se está a formar a personalidade e no que son tan importantes experiencias como o amor, a relación coa morte…, que van configurando o que imos ser despois… É un tema recorrente na literatura, si, e tamén é unha das chaves da miña literatura. A adolescencia, ademais, leva sendo máis ou menos o mesmo dende hai séculos, polo que creo que calquera adolescente pode sentirse identificado…
Na novela, un feito tráxico marca a Antón, que ten o seu primeiro contacto coa morte. A personaxe de Gabriela inspírase nunha rapaza que se chamaba, en realidade, Dulce María. Foi o meu primeiro amor, de rapaz. Eu tiña 13 anos. Seguindo o consello das miñas fillas e doutra xente que me dicía que así sería máis crible, decidín que o personaxe de Antón tivese 15 anos. A min pasoume como lle pasa a el: agocháronme a traxedia e ao final o silencio foi aínda peor. Claro, todo o que conto non é tampouco exactamente o que me pasou a min: está pasado polo filtro da literatura, aínda que teña unha base real. (…)”