Arquivos mensuais: Setembro 2018
O grupo Airiños de Rianxo celebra 85 anos de existencia
Desde Erregueté:
“O grupo de teatro Airiños de Asados celebra o seu 85 aniversario cunha gala, Esta noite, velada no Auditorio de Rianxo. Serán tres funcións: o venres 21 de setembro, ás 21:00; o sábado 22 de setembro, ás 21:00; e o domingo 23 de setembro, ás 19:00. O espectáculo está ideado como unha festa de aniversario e, en contra do que sucede con outras obras da compañía, só se poderá ver nestas funcións en Rianxo.
A gala contará coas colaboracións de Barahúnda, José Luís Do Pico Orjais e Río de Anxo. Ademais, o Auditorio acollerá unha exposición de cartaces do grupo que se inaugurará este mesmo venres 21 de setembro ás 20:00.
O Grupo de Teatro Airiños naceu no ano 33 en Asados (Rianxo) da man dos curmáns de Castelao e arredor do Centro Galeguista do lugar A súa primeira posta en escena foi a de A retirada de Napoleón, de Xavier Prado Lameiro. Isto converte á compañía na máis antiga de Galiza.
A Guerra Civil pararía inevitablemente a actividade creativa do grupo, que se retomaría nada máis comezar a ditadura grazas ao seu espírito loitador, malia as dificultades que o réxime impuña a toda actividade cultural, e, no concreto, a un grupo de teatro cuxa máxima principal era representar as súas veladas en lingua galega, algo ao que xamais renunciarían. Desta etapa, cómpre salientar, por exemplo, que Airiños representou por vez primeira, no ano 61, A fiestra valdeira, do rianxeiro Rafael Dieste, con este aínda no exilio.
Coa chegada da democracia, e a compañía, cumpriu un grande soño: a representación de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. Nestes anos, a fundación en Asados do “Centro Cultural Simón Varela” achegoulle ao grupo un enclave fundamental que acolleu a compañía ata o momento actual.
No 2008, co gallo do seu 75 aniversario, a Asociación Alexandre Bóveda da Coruña homenaxeu á compañía entregándolles un premio «pola súa defensa do idioma e a cultura galega durante máis de tres cuartos de século». Xa no 2009, o grupo recibiu o seu segundo premio, o Sireno de Bronce de Barbantia na sección de iniciativa cultural no Barbanza. No 2012 Airiños recibe o premio “Ángel Velasco Montoya” da Asociación Amigos del Teatro de Valladolid, pola súa fértil traxectoria ao longo de 79 anos de difusión do teatro afeccionado en galego. Ese mesmo ano, recibe o premio da Cultura Galega das Artes Escénicas polo traballo desenvolvido desde a súa creación. No 2013, súmase a estes premios o recoñecidísimo Pedrón de Ouro e o premio Aurosán do Ano na categoría de cultura.
No ano 2010 o grupo de teatro comeza unha nova etapa da man de Esther F. Carrodeguas, que asume a Dirección Creativa da Compañía. E dende entón, ademais de continuar a traxectoria habitual, o grupo ábrese a novos proxectos cheos de vida teatral, como o teatro-expres, unha iniciativa do Concello de Rianxo para achegar o teatro de pequeno formato aos nenos rianxeiros, levando os bártulos teatrais de parroquia en parroquia. Coa dirección de Esther. F Carrodeguas levan subido ao escenario obras como Ata que a morte nos separe, Nin rico nin pobre, O cabaré dos 80 anos de Airiños, Celtas sen filtro, Nosa señora das nubes e Hoxe non se paga.”
Fene: presentación Tonecho, de Xaquín Marín, e X. Marín, de Félix Caballero
A Coruña: presentación de Xeración Perdida. Coruña 36′
Porto: sesión de autógrafos de corpo a corpo, por Carlos Da Aira
Ánxela Gracián e Pere Tobaruela gañan o 8.º Premio Meiga Moira 2018
Desde Baía Edicións:
“O Xurado, formado por Héctor Cajaraville (gañador do 7.º Premio (2016) coa obra Denébola a Roxa), Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) con Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente), María Dores Fernández López, profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, e María do Pilar Campo Domínguez (Marica Campo), que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu conceder por unanimidade o 8.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil ex aequo ás obras presentadas baixo os lemas “Mathuo Basho” e “CM”.
Abertas as plicas, as mesmas resultaron corresponder, respectivamente, ás presentadas por Ánxela Gracián, que leva como título As voces da auga (proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos), e por Pere Tobaruela, que leva o título Auga e Lume (proposta tamén para lectoras e lectores a partir de 12 anos).
O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:
«As voces da auga destaca pola calidade de lingua empregada, a orixinalidade da proposta e o intenso labor de recreación dunha sociedade xeográfica e culturalmente tan distante como a chinesa. As voces da auga relata unha historia de supervivencia e de aposta pola vida nun contexto histórico especialmente complexo, máis alá dos convencionalismos».
«En Auga e Lume destaca a axilidade da trama e a súa vinculación coa historia de Galiza e a habelencia na mestura entre novela de aventuras, de misterio e de amor.
O protagonista debe viaxar no tempo para resolver un enigma que se mantivo agochado durante séculos e que chegou intacto aos nosos días».
As obras serán publicadas por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e as autorías repartiranse 2.500 euros cos que está dotado o premio.
Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que vinte e unha alcanzaron a selección final, o que evidencia unha vez máis o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infanto-xuvenil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.”