Tempo fósil de Pilar Pallarés, obtén o Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura

Desde Sermos Galiza:
Tempo fósil (Chan da Pólvora, 2018) supuxo a clausura dun silencio: o dos sete anos que a poeta Pilar Pallarés pasou sen dar libro ao prelo. Testemuño dunha destrución, talvez a máis directamente política das súas obras, acaba de valerlle o Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura 2019.
Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) xa fora unha das voces máis singulares das emerxidas na poesía galega dos anos oitenta. O seu alento fráxil e ao tempo rexo, cultista na expresión pero desolado e en carne viva, erótico tamén en sentido etimolóxico, informou títulos determinantes: Sétima soidade (1984) e, sobre todo, o Livro das devoracións (1996). Este último marcou a fogo non poucas das propostas máis novas do xénero na Galiza.
Con Leopardo son (2011) rachara outro deses longos períodos en que fica afastada dos territorios editoriais. Mais foi Tempo fósil a que a reconectou a autoras e autores máis mozos. Detectaron neste reconto adusto da aniquilación da casa, neste cemiterio de ósos non unicamente imaxinarios, partículas dunha verdade que os interpela directamente.
O xurado do galardón -dotado con 20.000 euros- entendeu que os seus poemas “transmiten con profunda sabedoría e emoción, a un tempo lúcida e esgazada, a experiencia da perda do vivido”. (…)”

“Ponlle nome a unha estrela!”, proposta desde a Agrupación Ío

Desde a Agrupación Ío:
“A Unión Astronómica Internacional (IAU, polas siglas en inglés) foi fundada hai un século, en 1919. Para celebrar o seu centenario, a IAU organizou a campaña mundial NameExoWorlds, que permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado.
HD 149143 é a estrela asignada a España. É unha anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visíbel con prismáticos en ceos escuros. O exoplaneta HD 149143 b foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela.
A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío propuxo nesta campaña o nome de Rosalía de Castro para a estrela HD 149143, e o de Río Sar para o seu exoplaneta HD 149143 b. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a nosa proposta inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.”

Podes votar aquí.