Desde La Voz de Galicia:
“Todo comezou como un reto, polo desafío da súa amiga a bibliotecaria Lorena Gómez Méndez, que lle dixo: «Ti o que tes que facer é unha campus novel». Andaba Inma López Silva (Compostela, 1978) daquela a enfiar versos para o poemario Clepsidras, co que deseguido gañou o premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Foi hai catro anos cando se puxo con Escola de mulleres, aínda que se lle meteu polo medio a novela-pescuda familiar do avó fascista. E unha cousa derivou noutra: «Ao final, rematei por darlle unha volta ao xénero, aquilo da campus novel foi só unha feliz escusa».
Moi cedo deu co personaxe: unha profesora de francés na Universidade de Santiago, unha deses docentes que están contratados como doutores, sen aliciente para crecer, atrapados entre liortas de departamentos, xentes que, pese a seu estatus económico e social privilexiado, se enlaman no desánimo —detalla a autora—. Casada cun xenio da Teoría da Literatura e enleada cun amante catedrático de Física Teórica que devece por ser reitor, transita Gloria ese marasmo.
O amor furtivo non enche a existencia da protagonista, que carga pesadamente a súa lousa laboral. Un aspecto, confesa Inma López Silva, que está inspirado na súa propia experiencia. «Eu pasei por iso, pero souben reaccionar a tempo. É ese un limbo no que quedaron moitos, xente moi brillante, igual que Gloria. Ela nunca vai ser funcionaria nin seguir ascendendo; non perderá o seu traballo, pero esa acomodación agravará o desánimo. Pregúntase se realmente ten sentido seguir aí». Ao tempo, está nunha situación na que che venden un estilo de vida que serve de narcotizante: «A universidade non che ofrece unha carreira laboral lóxica, pero ofréceche un estatus, comodidade, pero non ambicións». Non parece un camiño moi san, pero continúas aí, permaneces, insiste a narradora.
Este mansío enfermizo reborda nun momento tráxico, terrible, cando a filla de cinco anos de Gloria morre dun ictus diante dela. Entón todo choca de fociños coa súa perspectiva, virando cara a un efecto traumático. “O feito”, como ela se refire á morte, empúxaa a repensalo todo, deixar a súa vida. Agroma aí con forza, como algo ao que aferrarse, a ilusión que sempre tivo de montar unha libraría. Pero tal proxectos precisa uns cartos que a profesora de francés non ten. E, subida nesa onda, case como unha surfeira cega, nunha fuxida cara a adiante, decide conseguir diñeiro ao prezo que sexa.
Entrará Gloria nunha espiral de destrución que, explica López Silva, a leva á loucura, que é, xunto coa perda, o gran tema de Escola de mulleres. «Cando se produce un momento traumático nunha persoa que non está xa moi ben… a que estamos dispostos a chegar para cumprir un soño? Esta é tamén unha das cuestións motoras da novela», incide, para puntualizar que se trata da historia, por riba diso, dunha muller valente que, pese aos riscos, se enfronta a tumba aberta ás ameazas e ás barreiras, aos obstáculos que lle poñen, para construírse a vida que desexa vivir. (…)”
Arquivos mensuais: Maio 2023
Boiro: presentación da tradución de Contos da Illa de Man, de Sophia Morrison
Lugo: conversa con Lois Diéguez arredor de As voces amadas
Vídeo da presentación en Vigo de Multitudes, de María Reimóndez
Francisco Castro: “O libro foi catártico porque eu formo parte do colectivo que o padeceu”
Entrevista a Francisco Castro no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Na literatura os xéneros, as fórmulas editoriais adoitan estar bastanes definidos. Pero ás veces sucede que un libro non acaba de encaixar de todo. A simple vista, A historia de Sara parece un libro ilustrado para a cativada. Pero nada máis abrilo, descubrimos que Sara, a protagonista, fala con seu pai que está morto. Un pai que lle aprendeu a coleccionar palabras como bidueiro, braña ou heptasílabo. E pensamos: Que nena fala así?, para quen fala esta nena? por que leva esa tristeza prendida nos ollos? E se o libro é para nós, os adultos? A entrevista pode verse aquí.”
Vicente Piñeiro gaña o Premio Laudamuco de textos teatrais
Desde Cultura Galega:
“Vicente Piñeiro González (Lugo, 1954) vén de facerse co Vº Premio Laudamuco de textos teatrais, convocado polo Concello de Brión e Edicións Positivas. A obra premiada leva por título Devólvenos ao Xermánico, baseada na figura do xeneral romano Xermánico, pai de Calígula, sobriño neto de Augusto e sobriño de Tiberio, que o adoptou como o seu sucesor. O autor recollerá o seu galardón e os 7.000 euros cos que está dotado, o vindeiro 16 de maio, a coincidir co corenta e catro aniversario da posta en escena da obra Laudamuco, señor de ningures de Roberto Vidal Bolaño (1950-2002) , a quen se busca homenaxear e lembrar coa convocatoria deste certame. Piñeiro González ten unha traxectoria de libros de narrativa baseados en situacións e personaxes da nosa Historia. O texto será posteriormente editado por Edicións Positivas.”
Compostela: presentación da Historia visual do R. C. Celta, de César Cequeliños e Jorge Campos
Ourense: presentación de A inmoral doutora Cons, de Roberto Fernández Álvarez
Ramón D. Veiga faise co II Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia
“O Premio Anisia Miranda, da Fundación Xosé Neira Vilas, que conta co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, recaeu nesta edición de 2023 en Medo me dá!, de Ramón Domínguez Veiga. A obra gañadora presenta unha excelente construción dramática realizada con grande axilidade nos diálogos, dotada dun sentido do humor que, en todo momento, fixa o desenvolvemento da trama teatral. Así o salientou o xurado, composto polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán-Vello, xunto co poeta e dramaturgo Xosé Luna.”