Goián: representación de #camiños, de ButacaZero

O sábado 5 de outubro, ás 22:00 h., chega ao Auditorio de Goián #camiños, de ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Galego.
Quen somos os galegos e as galegas do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade? Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira son os creadores desta peza que nos leva de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser.
Para tecer este mapa botaron man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.
Tanta festa se xuntará no Auditorio de Goiáns que estarán presentes As churrascas, que levarán a escena aDiosRíos_aDiosFontes, o título do seu primeiro “hit” de música electrónica cos versos de Rosalía de Castro.

A AELG promove a literatura galega en Colombia

A Feria Internacional del Libro de Pereira-Eje Cafetero é unha iniciativa de varias institucións culturais e empresariais do Departamento de Caldas, en Colombia, á que foi convidado Cesáreo Sánchez Iglesias en calidade de presidente da AELG, quen desenvolverá un programa de actividades destinado a difundir a literatura galega.
A súa presenza permitirá definir conxuntamente con axentes culturais colombianos estratexias para facilitar o coñecemento da nosa literatura entre o alumnado dos diversos niveis educativos de dese Departamento, ao tempo que participará en diversos actos enfocados á difusión da nosa literatura no marco da Feira do Libro.
Nos últimos anos, o territorio de Caldas iniciou con Galicia uns vínculos activos en materia cultural, afianzados pola irmandade entre o Concello de Caldas de Reis e o municipio de Villamaría, no propio Departamento de Caldas, que ten ese nome en honor á figura de Francisco José de Caldas (1768-1816), científico ilustrado autodidacta e polifacético, nomeado hai tres anos Fillo Adoptivo do Concello de Caldas de Reis por ser o seu orixinario da vila galega.
Trátase dunha figura fundamental no desenvolvemento científico do estado americano e tamén é un prócer da independencia de Colombia en 1819 por ter sido executado uns anos antes, na “reconquista” dese territorio polo exército español. É unha personaxe moi querida en Colombia, e por iso é coñecido como o “Sabio Caldas”. Licenciado en Dereito, foi botánico, astrónomo, físico, xeógrafo, cartógrafo, enxeñeiro militar e editor dunha revista de divulgación científica, o Semanario del Nuevo Reino de Granada. En Ecuador estudou case 5.000 plantas, levantou planos de moitos territorios e dirixiu o primeiro Observatorio Astronómico de América, o de Santa Fe de Bogotá. O seu traballo como editor, aínda que breve, tamén foi moi destacábel.

Domingo Tabuyo inaugura o palmarés do Premio de Poesía Camiño de Santiago

Desde a Academia Xacobea:
“A primeira edición do Premio de Poesía Camiño de Santiago convocado pola Academia Xacobea co patrocinio de Edicións Carena e a colaboración de Secretaría Xeral de Política Lingüística estreouse cunha boa acollida e un gran nivel de calidade. Un total de 18 obras enviadas desde distintos puntos de España e América concorreron a este certame co que a entidade con sede en Santiago de Compostela afonda no seu afán de dar presenza ao Camiño e ao fenómeno xacobeo no eido da literatura.
Tras examinar e valorar todas as obras, o xurado acordou por unanimidade conceder o galardón a Das viaxes maiúsculas, o orixinal presentado polo profesor do IES Asorey, de Cambados, Domingo Tabuyo baixo a plica Das reflexións imperfectas. O xurado valorou a súa “brillante imaxinería poética e a súa innegable capacidade simbólica, que invita ao lector a adentrarse no cosmos xacobeo a través dunha escritura fondamente conceptual e suxestiva, que se serve con mestría do endecasílabo branco e o verso libre”. (…)
O catedrático Eduardo López, como presidente; o editor Jose Membrive, a escritora Rosalía Morlán Vieites, o crítico literario Armando Requeixo Cuba e o xornalista e poeta Jose Manuel Blanco (Pati Blanco), como vogais, e Ulises Bértolo, como secretario, foron os integrantes do xurado.
O gañador recibirá un premio económico de 1.500 euros e a obra será publicada nunha edición bilingüe en galego e castelán. (…)”

Compostela: obradoiro “Astronautas dun planeta imaxinario” con Ledicia Costas

Desde a Cidade da Cultura:
“Este obradoiro está pensado para que a rapazada constrúa un planeta imaxinario dun xeito lúdico: describirán o espazo, nomearán lugares e habitantes, debuxarán o mapa e crearán unha historia.
Sempre coa idea do xogo como punto de partida e coa palabra como ferramenta fundamental, case sen decatarse, estarán aprendendo a construír espazos e a deseñar e caracterizar personaxes.
A actividade centrarase en crear desde cero ese planeta imaxinario, empregando diferentes técnicas que estimulen a súa creatividade mediante o traballo en equipo.”
Terá lugar o sábado 5 de outubro, ás 17:00 horas, na Sala I, Biblioteca e Arquivo de Galicia, da Cidade da Cultura. A inscrición é de balde, previa inscrición aquí, cunha duración de 90 minutos, dirixido a un público de entre 8 e 12 anos. O número total de prazas é de 30.”