Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019
Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.
Todos os Paseos comezarán ás 11:30 h.
Para se inscribir é necesario enviar os seus datos (nome completo, enderezo e correo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseos queren apuntarse. A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico. Prazas limitadas: 50 persoas.
Sábado 5 de outubro
Poden o escritor e a literatura modular sentimentalmente a cidade?
Con Adolfo Caamaño.
Sábado 19 de outubro
A cidade imaxinada: unha memoria familiar
Con MN Soutelo.
Sábado 26 de outubro
Pontevedra Dragaliana. Dragóns e recunchos máxicos na Pontevedra vella.
Con Elena Gallego Abad.
Ourense: “Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. (Entre)textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas”
O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. (Entre)textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas é unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O Ciclo, coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense – Universidade de Vigo), ten como obxectivo nesta quinta edición afondar no diálogo entre imaxe e texto e tamén en como a partir doutras expresións artísticas se configuran obras infantís.
Desenvolverase na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense) da Universidade de Vigo, todos os martes do mes de outubro, días 1, 8, 15, 22 e 29, sempre ás 18:00.
Recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección (en proceso). Inscrición, gratuíta, en imocino@gmail.com.
Entrada libre.
Este é o programa:
1 de outubro
María Solar.
Do que eu escribo ao que ti les. Imaxes, interaccións e recursos no proceso narrativo infantil.
8 de outubro
Ánxela Gracián
Escribir coa memoria prestada.
15 de outubro
Fran Alonso
Palabras deseñadas.
22 de outubro
Jacobo Fernández Serrano
En que forno estaba o teu ?
29 de outubro
Jorge Campos
Explorando narrativas alternativas.
Colaboración da AELG co Centro de Estudos Galegos de Lisboa. Visita de Carlos Labraña
A AELG colabora co Centro de Estudos Galegos de Lisboa cunha visita de Carlos Labraña o 28 de setembro. Trátase dunha iniciativa da AELG co apoio da Secretaría xeral de Política Lingüística, en colaboración co Centro de Estudos Galegos da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa.
Na súa estadía en Lisboa Carlos Labraña ofrecerá unha conferencia con formato de conversa aberta con título Da escrita à exibição da obra em Portugal e na Galiza. Será o sábado 28 de setembro, ás 19:00 na Fábrica Braço da Prata, con entrada libre.
Obradoiro de creación literaria A vida: unha narrativa, con Henrique Dacosta
O Obradoiro de creación literaria A vida: unha narrativa, impartido por Henrique Dacosta, e cunha sesión maxistral a cargo de Eva Loureiro Vilarelhe é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de San Sadurniño e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura e Turismo.
“Coa “pedra sol” e audacia, os viquingos alcanzaron terras descoñecidas. A narrativa é unha sorte de navegación a través dun mar de letras. Se o que queres é pór rumbo a ese territorio, enrólate connosco. Da realidade xurdirá a fantasía, coa imaxinación construiremos mundos modelados ao noso antollo, conseguiremos que os cegos vexan, veremos aos maos lles asomar o seu corazonciño, que nos entre o desacougo cando á protagonista lle espreita o perigo… Porque, o que non ten dúbida, é que a vida toda cabe no noso relato.”
Haberá 8 sesións de 2 horas e media cada unha, en horario de 11:00 a 13:30, que se celebrarán os sábados:
– 28 de setembro.
– 5, 19 e 26 de outubro.
– 2, 9, 16 e 23 de novembro.
Terá lugar nas aulas da Casa da Xuventude de San Sadurniño (Rúa Casal, 13 –como chegar-).
Hai 20 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude.
A inscrición poderá facerse, até o 27 de setembro de 2019, no correo electrónico anagavinmerlan@gmail.com ou ben no teléfono 652814144.
O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.
Vigo: presentación de Lobísimo do saco. Tres titiritadas, de Bernardino Graña
Ferrol: presentación de Castelao. Construtor da nación. I, de Miguel Anxo Seixas Seoane
O 27 de setembro, ás 20:00 horas, na sede do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol (Rúa Magdalena, 220), terá lugar a presentación de Castelao. Construtor da nación. I de Miguel Anxo Seixas Seoane, publicado por Galaxia.
O FIOT Carballo levanta este venres 27 o pano da súa 28ª edición
Desde Erregueté:
“Carballo convértese, a partir deste venres 27 de setembro, no corazón das artes escénicas de Galicia. Esta fin de semana comeza unha nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro, a número 28 do FIOT, unha cita que ateigará as rúas e escenarios da localidade con 38 espectáculos e numerosas actividades para todos os públicos ao longo de cinco semanas.
Como adianto, o xoves 26, chegan as primeiras funcións nos centros escolares de Carballo do FioTEEN, o ciclo que achega as artes escénicas á mocidade a través de propostas singulares e espefícas para o público adolescente. O primeiro espectáculo que se representa é Por unha peseta, da nova compañía Apatacón [na foto], formada pola vocalista Faia Díaz (De Vacas ou Coro Encaixe) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa). A peza é un traballo onde voz narrada e cantada achéganse para abordar historias de vida recollidas na contorna, e que se achega, con moita retranca, ao humor, á sensibilidade e á tenrura da nosa xente e a os seus saberes e tradicións.
Ademais de Por unha peseta, o ciclo FioTEEN ofrecerá á xuventude a posibilidade de asistir, nas vindeiras semanas, aos ensaios xerais de dúas das estreas absolutas desta edición co-producidas polo FIOT, como son Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas, e O electo, de Contraproducións e Focus. Ademais, as mozas e mozos terán a oportunidade de ver, por vez primeira en Galicia, o espectáculo Dados, de Ventrículo Veloz, obra gañadora do Premio Max 2019 ao Mellor espectáculo para público infantil, xuvenil ou familiar. Dados, que chegará a Carballo o martes 8 de outubro, aborda as dificultades da adolescencia, que se incrementan especialmente polo feito de ser trans. En todos estes espectáculos, ademais, a mocidade tamén terá a oportunidade de participar en encontros das compañías co público para achegar visións sobre as propostas escénicas.
Na fin de semana, o venres 27, ábrese o pano do 28º FIOT para o público xeral cos espectáculos da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que este ano celebra a súa 21ª edición. O primeiro en saír á escena será Pedro Brandariz, coa estrea absoluta da súa nova peza Un conto de michos. As entradas para esta proposta pódense reservar, gratuítamente, na Biblioteca Rego da Balsa, espazo no que terá lugar a función contra ás 18:00. Xa pola noite, a partir das 21:00 no Café Valle Inclán, o dinamizador cultural e músico Xurxo Souto presentará O océano de dentro, unha peza na que ducias de historias e os contos do mar inundarán as rúas de Carballo. De seguido, ás 22:30, a compañía coruñesa ArtesaCía, conformada por Laura Villaverde e Roi Fernández, presentarán no Casino 1889 a súa creación Chola a it girl, na que unha “it girl rectificada” explicará que o rural e o auténtico tamén poden ser tendencia. Esta ecléctica e singular noite pecharase coa música ao vivo do dúo Blues do País, que ofrecerán versións en galego, e con xeito, de grandes éxitos da música internacional.
Xa na noite do sábado 28, Carmen Conde presentará os Premios Darwin, unha selección natural das historias máis curiosas vinculadas a mortes absurdas que a artista recolleu por toda Galicia. Logo desta sesión de ateigada de humor negro, e cuxa entrada é libre, Conde dará paso ao Tito Rober, quen dará a coñecer na Cervexería Beos a Vida e milagres do zume de laranxa. O espectáculo, cuxo acceso tamén é gratuíto, ten como protagonista a un rapaz dunha familia humilde de Ourense que chega a un colexio de privado no que lle acontecerán miles de aventuras. Finalmente, o humorista Oswaldo Digón pechará esta sesión da Rúa dos Contos ás 00:00 no Mesón do pulpo co seu espectáculo Anecdoloxía, no que recolle e ironiza arredor con aquelas escenas da vida cotiá que calquera pode vivir nun ascensor ou sala de espera.
Por último, o domingo 29 Carlos Blanco revisará, no 2º andar do mercado municipal, os seus mellores monólogos nun espectáculo no que se darán cita grandes éxitos como As bravas de Arousa (queres kiwis?), As grandes frases das nosas avoas e avós ou A dobraxe porno, narracións nas que o actor incluirá, como é habitual nas súas intervencións, elementos de actualidade. As entradas para a función, que comezará ás 20:00, están xa esgotadas.
Teatro de Rúa
Ademais da Rúa dos Contos, o 27 de setembro tamén comezará a programación do Teatro de Rúa, o ciclo vinculado ás artes circenses, acrobacias e clown que ten lugar a ceo aberto no espazo público de Carballo, e que nesta edición contará con catro espectáculos. O primeiro deles terá lugar este venres ás 20:00 na praza do Concello e chegará da man de Xampatito Pato, que ofrecerá Só, unha creación de malabares imposibles que desafían os sentidos apta para todos os públicos. O seu intérprete e creador é o artista galego Jesús Velasco, que conta cunha importante traxectoria internacional e que está a ser unha das revelacións dos festivais de novo circo da tempada.
O Teatro de Rúa continuará a vindeira fin de semana, coa participación da compañía Sincronacidas, que presentará as súas OhLimpiadas (Premio Fetén 2019 ao Mellor Espectáculo de Rúa) o venres 4 de outubro, ás 20:00, e do recoñecido clown Jean Philippe Kikolas, que estreará en Galicia a súa nova creación, Calor (sábado 5, ás 19:30). O ciclo pecharase o sábado 12 de outubro, ás 19:30h, coa singular DistanS, o traballo da compañía andaluza Vol’e Temps, repleto de numerosas acrobacias nun espectáculo emocionante, único e divertido con música en directo.
Unha noite no teatro
Outra das liñas de programación que se inicia este venres 27 é O Fiotiño, a serie de actividades paralelas do FIOT dirixidas á xente miúda para achegar o mundo das artes escénicas. En concreto, esta fin de semana desenvolverase A noite branca no teatro, unha sorte de campamento infantil que terá lugar no propio Pazo da Cultura, e no que as e os participantes se mergullarán nunha auténtica experiencia teatral. Baixo o acompañamento do coñecido narrador Caxoto, o grupo vivirá unha noite con obradoiros e talleres de creación, que lles permitirá estrear ante o público de Carballo unha nova creación, no propio Pazo de Cultura, o sábado 28, ás 11:00. A obra xirará arredor das #MIRADASFIOT e de temáticas como o feminismo ou o medio ambiente. As prazas para participar nesta actividade están completas desde a semana da apertura do prazo de inscrición.
Entradas esgotadas para diversos espectáculos
O pasado venres, 20 de setembro, saíron á venda as entradas e abonos para o público xeral do Programa de Sala, OTNI e Rúa dos Contos. Na primeira xornada esgotáronse tanto os abonos como os billetes para asistir ás funcións de Fariña, Jauría e La Golondrina, incluídas na programación do Pazo da Cultura, así como de Carlos Blanco, quen actúa este domingo no mercado municipal de Carballo. As entradas para o Hamlet da singular Companhia do Chapitô están tamén esgotadas desde onte.”
Pastoriza (Arteixo): representación de Porlier en Pastoriza, idea orixinal de Xabier Maceiras, con guión de Miguel Sande e Henrique Rabuñal
Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As liñas no espello
O Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As liñas no espello é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG e o Concello de Rianxo.
“Se gustas de converter en materia estética a realidade cotiá…
Se queres inventar coa palabra outros mundos máis interesantes….
Se aspiras a que na túa imaxinación as persoas volvan nacer, talvez mellores e máis fermosas do que en realidade foron…
Se desexas que a literatura faga vida en ti e, por que non, nas lectoras e lectores… Agardamos por ti.”
Impartido por Antón Riveiro Coello, e cunha sesión maxistral a cargo de Inma López Silva.
10 sesións de 2 horas cada unha, en horario de 11:00 a 13:00, que se celebrarán os sábados:
- 5, 19 e 26 de outubro.
- 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro.
- 7 e 14 de novembro.
Terá lugar na aula grande do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo (como chegar).
20 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude. Terán preferencia aquelas persoas que non participasen na primeira edición deste obradoiro, en 2018. Establécese un mínimo de 8 prazas cubertas para a súa realización.
A inscrición, gratuíta, é en liña ata o 26 de setembro de 2019, ás 14:00 horas, no espazo especialmente destinado a este efecto na web do Concello de Rianxo, aquí.
O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.