María Rei Vilas gaña o Premio García Barros 2020

Desde Galaxia:
“Reunido o 17 de xullo, por videoconferencia debido á situación sanitaria creada polo COVID-19, o xurado do XXXII Premio de Novela “Manuel García Barros (Ken Keirades), decidiu declarar gañadora a novela Flores de ferro, de María Rei Vilas.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, despois de ler os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, acordou, por maioría conceder o XXXII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema “Escoitar a Briana”. Logo de abrir a plica, o dito lema correspóndese coa obra Flores de ferro da autoría de María Rei Vilas.
O xurado destacou desta novela que a protagonista, Camila, volve ás terras da infancia para pescudar nas orixes familiares e recuperar un período mediatizado polo pai. Alí ten que recompoñer a súa identidade, á vez que afronta desde o presente dos anos 80, a etapa da Guerra Civil. A orixinalidade radica tanto na estrutura narrativa ambiciosa que acompaña o crebacabezas persoal; coma na dosificación da intriga que anima a lectura. Así mesmo, destaca o protagonismo das mulleres como vítimas silenciadas, mais tamén como axentes que se enfrontan ao novo réxime.
(…) O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Flores de ferro será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.”

Os premios Ínsua dos Poetas recoñecen Pilar García Negro, Sés e o persoal sanitario

Desde Nós Diario:
“A XII edición da Festa da Palabra conmemorará este domingo no Carballiño o centenario da revista Nós (1920-2020). “Será un acto para pór en valor o legado de persoas como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Otero Pedrayo e outros destacados intelectuais ourensáns daquela época”, dixo o presidente da Fundación “Insua dos Poetas”, Luís González Tosar.
Os premios “Insua dos Poetas” recoñecerán entre outras a traxectoria investigadora, ensaística, docente da profesora Pilar García Negro; o compromiso coa lingua da cantautora María Xosé Silvar, Sés, o presentador Xosé Manuel Piñeiro; así como Regina Jallas, que leva a cabo un importante labor de coidado e atención a anciáns galegos en Rio de Janeiro.
A nivel de colectivos, os galardóns premiarán o Cine Club Carballiño, fundado en 1969; a asociación pola liberdade afectiva e sexual Alas da Coruña, que desenvolve un importante labor social e cultural no colectivo LGTB dende o compromiso co galego e a Festa da palabra tamén recoñecerá aos traballadores sanitarios da residencia dos Milagros, en Baños de Molgas, polo esforzo, na súa loita en primeira liña contra a pandemia da COVID-19.”

Redondela: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 18 e 19 de xullo

O 19 de xullo finaliza a Feira do Libro de Redondela (na Alameda, con horario 12:00 a 14:00 horas, e de 18:00 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 18
13:00 h. Ana Abad de Larriva asina A sombra das árbores, publicado por Galaxia.
20:00 h. Lorena Conde asina O perfil da boca, publicado por Urutau.

Domingo 19
12:00 h. Manuel Pérez Lourido asina Pásame un cabalo polo peito, publicado por Urutau.

Redondela: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 17 de xullo

O 17 de xullo continúa a Feira do Libro de Redondela (na Alameda, con horario 11:00 a 14:00 horas, e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Xavier Castro asina Servir era o pan do demo, publicado por Galaxia.
– 18:00 h. Elba Pedrosa asina O que non sabías, publicado por Xerais.
19:00 h. Elisabeth Oliveira asina Náufragas no mar e na terra, publicado por Urutau.
20:00 h. Manuel Esteban asina A vinganza dos homes bos, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.