Salvemos o Diario Cultural, salvemos a Radio Galega

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) diríxese á Dirección da Radio Galega e ao conxunto da cidadanía, para demandar a continuidade do Diario Cultural e quere mostrar o seu apoio a toda a equipa do programa dirixida pola poeta e xornalista Ana Romaní. Sen plataformas culturais públicas como o Diario Cultural, as escritoras e escritores galegos perderíamos a xa minguada visibilidade social que temos nos medios de titularidade pública. Eliminan un recoñecido programa, emblemático, e diminúe deste xeito a xa cativa programación sobre a nosa cultura e a nosa literatura

Mais, a clausura do único programa diario de información cultural que existe na actualidade na Radio Galega, e do mellor xornalismo cultural que ao longo de 28 anos se ven facendo na radio, pública e galega, levase a cabo ao tempo que os cambios que se anuncian a partir de setembro afectan gravemente ao conxunto dos contidos informativos, entre os que están os culturais.

Anúnciase tamén a desaparición dos dous informativos diarios, cos seus contidos culturais, que se producían e emitían desde as delegacións locais da Coruña, Vigo, Lugo e Ourense (hai uns anos xa fixeran desaparecer as delegacións de Ferrol e Pontevedra), contidos que agora se van diluír nunha programación xeral tutelada desde a redacción central en Compostela. As realidades locais, nas que se incardina tanta da nosa cultura, e os creadores e creadoras que dan forma e voz á nosa biodiversidade cultural, ficarían minorizadas.

Parece obvio que esta mudanza empobrece de xeito determinante o conxunto da Radio Galega e pode comportar o control político pleno de todo o que se emita pola Radio Galega en detrimento do plural da realidade cultural galega e do irrenunciable dereito xeral da cidadanía a obter dos medios públicos unha información obxectiva, próxima, plural e veraz, que respecte tamén os distintos ámbitos onde acontece a creación cultural.

#SalvemosODiarioCultural, #SalvemosARadioGalega

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
9 de maio de 2018

A Radio Galega elimina o programa Diario Cultural após 28 anos en antena

Desde Sermos Galiza (fotografía da CRTVG):
“O programa conducido por Ana Romaní era todo un referente na información cultural. Desaparece co formato actual.
O Diario Cultural tal e como se coñece desde hai 28 anos -cando se comezou a emitir- desaparece. Deixa de existir. Esta é a denuncia que fai Concha de la Fuente, produtora do programa, a raíz da xuntanza do Comité Intercentros en que a CRTVG presentou a nova programación da Radio Galega. Esta comezará o 10 de setembro. O informativo cultural emblemático dos medios públicos ten pois data de caducidade.
Recoñéceo De la Fuente en conversa con Sermos Galiza: “Din que agora van facer algo transversal, en todas as franxas horarias, con bloques informativos de cultura”, indica, mais, asegura, o certo é que o Diario Cultural como se coñece desde hai case tres décadas, morre, Ficará a marca, mais non o contido nin o espírito. “Tíñanlle gañas”, indica unha fonte da propia compañía en referencia a que desde a dirección non se apostaba no formato actual.
Diario Cultural levaba case tres décadas tomando o pulso á realidade cultural galega. Conducido por Ana Romaní -poeta e académica numeraria da RAG-, o programa é todo un referente no espazo cultural do país.
Cultura da Deputación coruñesa pide á RG que manteña o Diario Cultural na súa grella.”

Arteixo: entrega de premios do Certame literario Manuel Murguía

Desde O levantador de minas:
“Reunido o xurado, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 11 de maio, venres, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.
Reunido o xurado, composto por Begoña Paz (escritora representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Mario Regueira (crítico representante da Asociación Galega da Crítica), Teresa Moure (gañadora da 26ª edición) e Alfredo Ferreiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (agora por orde alfabética de autora):
Bochorno, de Charo Pita.
Unha praia na Polinesia, de Mercedes Leobalde García.
A Porta do Reconhecimento, de Tiago Alves Costa.
De todos os relatos recibidos, 63 foron admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases. Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 500 € para o segundo e 300 € para o terceiro.
A coordinación agradece un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.
O acto de entrega ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: a actuación musical de Aida Saco, compositora que interpretará a piano pezas do seu disco Atmosferas; ao mesmo tempo, o humorista gráfico Luís Davila nos deleitará cos seus deseños proxectados en directo. Rematado o acto, ofrecerase un viño de honra como fin de festa.
O evento incluirá unha lembranza da figura de María Victoria Moreno, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.”