II Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“A Fundación Celso Emilio Ferreiro (FUNCEF) entende que a expresión musical cumpre unha función clave no fomento e difusión da expresión poética en xeral e, nomeadamente, na divulgación do legado poético de Celso Emilio Ferreiro. A obra do poeta foi reiteradamente musicada nunha múltiple variedade de estilos ao longo dos últimos cincuenta anos.
Por iso, convoca con carácter bianual o Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados, co obxectivo de premiar a mellor canción con música orixinal e textos dun poema de Celso Emilio Ferreiro.
O creador ou creadora da composición gañadora recibirá un premio de 3.000 euros e unha peza de bronce coas ferramentas propias do apelido Ferreiro, obra da artista Alicia Ribas. Por outro lado o prazo de recepción das obras estará aberto ata o 1 de novembo de 2018 e o anuncio do veredicto do xurado darase a coñecer o día 4 de xaneiro de 2019 con motivo do aniversario do nacemento do poeta.
Pódese obter máis información premendo aquí.”

Carlos Negro recibe o premio dos Clubes de Lectura

Desde Cultura Galega:
Carlos Negro (Lalín, 1970) ten a honra de ser recoñecido como o autor máis lido polas lectoras e lectores que formaron parte dos Clubes de lectura no curso 2016/2017. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos vén de publicar a resolución pola que se concede este premio anual ao profesor e poeta Carlos Negro. O galardón seralle entregado o vindeiro 1 de xuño no marco da XI Xornada dos Clubs de Lectura. O recoñecemento ten como obxectivo poñer en valor o labor de autores galegos que facilitan coas súas obras a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das persoas que toman parte nos clubes, contribuíndo á construción de novos lectores e lectoras na etapa da adolescencia.”