Marilar Aleixandre gaña o XI Premio Raíña Lupa coa novela A filla do Minotauro

Desde a Deputación da Coruña:
“A novela A filla do Minotauro da escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XI Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña. A escritora é a primeira muller que gaña o certame de literatura infantil e xuvenil.
Un xurado composto por Héctor Cajaravillegañador da edición anterior–, Charo Pita, Antonio Reigosa, Pilar Sampedro e María Solar, coa vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta do xurado e a xefa de sección da área, Manuela Muñiz, como secretaria decidiron, por unanimidade, premiar a novela de Marilar Alexandre como gañadora do XI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.
A obra, titulada A filla do Minotauro e presentada co lema Siracusa, relata unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. O xurado destaca “a mestura de tempos históricos” da novela e a súa “relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural”. A través da aventura que protagoniza a obra pódense facer, segundo o xurado, “moitos niveis de lectura”. Ademais, destacan a “calidade literaria da obra” nunha convocatoria cun “alto nivel das obras publicadas”.
O xurado decide seleccionar como finalista a obra Como bágoas de dragón da escritora Andrea Maceiras e recomenda a súa publicación. A novela xira arredor do acoso escolar. Nesta edición presentáronse ao concurso un total de 48 obras, case o dobre do pasado ano que foron 27 as que concorrían ao galardón. A gañadora recibirá 6.500 € do premio máis a publicación da obra. (…)”

A Coruña: presentación de Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán, de Beatriz Maceda

O xoves 23 de novembro, ás 20:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32, baixo), na Coruña, preséntase Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán, de Beatriz Maceda Abeleira, publicada por Trifolium. A autora estará acompañada por Emma Pedreira.

Obras gañadoras do XXXI Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro de Cornellà

“O sábado 18 de novembro, celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) que este ano acada a súa XXXI edición, e no que xe lle concedeu o primeiro premio a Amauta Castro polo seu poema “Da pel sae o escuro”.
O acto de concesión dos premios foi precedido da presentación, na sala de actos de Asociación do libro Corpo de Antiochia, de Tamara Andrés Padín, editado por Galaxia, unha recolleita de poemas cos que autora gañou diversos premios.
Asemade tamén se presentou a serie cinematográfica “La ultima piedra” unha webserie creada pola escritora Tamara Andrés e a súa parella Adrián González, e consta de seis capítulos de historias de xénero.
Pola noite e no transcurso dunha cea celebrada no restaurante da Asociación Galega de Cornellà, e presidade por Oliver Fernández, á que asistiron numerosos socios e amigos, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a sociedade de Cataluña e Galicia, ademais de representantes da Corporación Municipal de Cornellà e delegacións doutras entidades galegas de Cataluña, o presidente do xurado do certame, composto por: Presidenta: María Xesús Lama López; Vicepresidenta: Tamara Andrés Padín; Vogais: Xulio Simón, Xosé Lamela, Xosé Carlos García; e como secretario o profesor Xulio Cougil Vázquez, deu a coñecer aos gañadores deste ano 2017 na 31 edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, que foron os seguintes:
– Primeiro premio: Amauta Castro, de Girona, polo seu poema titulado “ Da pel sae o escuro”.
– Segundo premio: Juan Lorenzo Collado López, de Albacete, polo poema “Nas pestanas da rúa”.
– Terceiro premio: Arsenio Iglesias Pazos, de Bilbao, polo seu traballo “Principio ou final do poema”.

Cornellà, 18 de novembro de 2017″