Entrevista a Suso Moinhos en Sermos Galiza:
“Suso Moinhos (Vigo, 1970) acaba de publicar a primeira tradución ao esperanto da obra de Neira Vilas Memorias dun neno labrego. O tradutor, que tamén é poeta e escritor en esperanto, comezou a estudar esta lingua por casualidade con tan só dezaseis anos. Cursou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e actualmente está a realizar un posgrao de esperanto na Universidade de Adam Mickiewicz, en Polonia. Forma parte do equipo de redactores da revista literaria en esperanto Beletra Almanako e vén de publicar no ano 2016 o seu primeiro poemario, Laminarioj, escrito tamén nesta lingua.
– Sermos Galiza (SG): Como xorde a idea de traducir ao esperanto Memorias dun neno labrego?
– Suso Moinhos (SM): Eu traducira xa anteriormente un capítulo dunha obra de Neira Vilas, precisamente, de Memorias dun neno labrego, xa que os diferentes capítulos teñen unha unidade temática moi grande, o que permite presentalos de maneira autónoma. Ademais, ten unha estrutura circular, comeza máis ou menos como acaba, etc.
Neira Vilas animoume á que traducise ao esperanto o libro enteiro. O que pasa é que foi un camiño un pouco longo. Quixen preparame ben. Estiven dous anos estudando as traducións modélicas ao esperanto doutros autores e despois fun traducindo a obra. Máis adiante envieina a dous correctores de probas, un español e outro sueco, para que me desen as súas suxestións.
– SG: Á hora de traducir ao esperanto, hai poucas referencias?
– SM: Non, hai unha grande literatura. Hai unha literatura propia que ocupa o mesmo espazo cronolóxico que a literatura galega dende o rexurdimento até agora. Dende Rosalía até aquí está todo o que temos.
Na cultura do esperanto é moi importante a tradución, xa que sempre foi unha maneira de probar a lingua, de traer outras culturas para o esperanto, de vehicular outras culturas para o esperanto. Si que hai unha grande cultura de tradución nesta lingua. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
VIII Concurso de Relatos de Muller Matilde Bares
O cuarto de Arancha Nogueira
Artigo de Arancha Nogueira na Sega:
“Eu non sei cal é o meu cuarto. Se cadra por iso me custou tanto escribir este texto.
O meu cuarto foron moitos cuartos, e agora é un cuarto, e non sei cando será outro.
De pequecha, o meu cuarto estaba en Ourense, nun piso que agora habitan outros, uns outros que non coñezo, que farán o cuarto seu. O meu cuarto pasou por Madrid, por Porto, por Belfast. Paseou por Arxentina, por Balears, por Andalucía. Agora vive en Compostela. Pero non é o meu cuarto.
O meu cuarto sempre é caos. Supoño que coma min. Hai roupa no chan, roupa nos armarios, roupa enriba dos armarios e debaixo dos armarios. Servilletas con apuntes. Billetes de tren. Como se quixeran recordarme algo.
O meu cuarto é entropía.
Na cama si, na cama son eu. Escribo ás veces. Enriba dela, sempre enriba dela, como se houbese algo no chan. No chan hai roupa. Supoño que tamén hai medo, estrés, fatiga, dicir adeus, chorar, chorar soa, ir correndo, non almorzar, volver correndo, laca de unllas de hai moitas semanas. Talvez por iso sempre escribo enriba da cama, e por iso sempre levo o edredón a todos os cuartos que non son os meus cuartos. O edredón laranxa e o edredón verde, a todos os cuartos.
O meu cuarto ten ás veces as sabas suxas, as sabas limpas; a xanela aberta, a xanela pechada; botellas de auga baleiras, ou cheas; cinco libros enriba da mesiña e ás veces menos; a roupa do día seguinte pendurada da cadeira, e outras veces nada, e outras veces música.
Ás veces no meu cuarto estou eu soa; outras veces compártoo. (…)”
Niterói (Brasil): palestra Nélida Piñon. Origens galegas na literatura brasileira
Entrevista a Rafael Lema no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O investigador Rafael Lema fálanos do manuscrito en galego do 1452 recuperado dun arquivo familiar en Baio. Pode escoitarse aquí.”
Parada, O Courel: III Festival dos Eidos
Monforte: actos destacados da Feira do Libro no sábado 26
O sábado 26 de agosto finaliza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 13:00 h. Isidro Novo asina exemplares de O tabú na traslenda, publicado por Urco, na caseta da secretaría.
– 13:00 h. Presentación de Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans, publicado por Fervenza.
– 18:00 h. Contacontos e presentación de Gombó e o medo á escuridade, de Ánxela Gracián, con ilustracións de Christian Villamide, publicado por Fervenza.
– 19:00 h. Presentación das actividades do colectivo Lemos Le, relacionadas co fomento do libro e da lectura ao longo de cinco anos de andaina (2012-2017).
– 19:00 h. Estefanía Padullés asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Agrasar.
A Coruña: Libros a monte 2017
Emma Pedreira: “O día que non sinta nervios e non me emocione cun premio será o que deixe este oficio”
Entrevista a Emma Pedreira en El Progreso:
“(…) – El Progreso (P): Como foi recibir esa chamada na que lle din que gañou o Certame Literario de Vilalba?
– Emma Pedreira (EP): Non contas. Non pensaba nin en que tivese un 10% de posibilidades, presenteime no último momento e da peor forma posible, por correo electrónico, que non sabes nin se chega. Case o daba por perdido, nin lembraba terme presentado así que aínda estou aterrando e vendo a repercusión que tivo nas redes, que é a parte máis bonita.
– P: Que a levou a participar?
– EP: Este é un premio vello, ten máis anos ca min, cunha nómina moi solvente, pero quizais era moi local. Agora está nun proceso de apertura, cunha maior publicidade das bases nas últimas edicións. Creo que é bo que un premio con tanta traxectoria trate de ser un dos grandes, non só pola dotación, tamén polo espírito. Para os autores é un faro, ver a luz ao final do túnel da crise literaria.
– P: O premio inclúe publicar a obra, o que para moitos é máis importante que os cartos. É desa idea?
– EP: Si, os cartos están ben e o público mide a categoría do premio pola contía, pero os cartos vanse e ter a obra publicada nunha boa editorial e cunha boa distribución é o que eu miro. Alvarellos é un selo potente co que aínda non publiquei e apetecíame facelo. Ata onte (polo luns) non sabía ben nin a contía do premio, pero si que ía publicar con Alvarellos e iso é un soño cumprido. Xa me quixen presentar o ano pasado, pero non tiña obra. Este saquei este libro do lugar onde o tiña agochado. Non é actual, levo traballando nel bastante tempo, pensando onde podía encaixar.
– P: Contra que é o Antídoto?
– EP: Contra os prexuízos humanos a non ficar sós. Fala da soidade que non escolles, porque os seres que temos ao redor nos van deixando e non estamos preparados para iso, porque somos egoístas. É unha especie de diario dunha separación de parella, cunha segunda parte chamada Dúas veces na mesma pedra, que fala de como volvemos tropezar no mesmo. Falo de como cando chega esa soidade podemos aproveitala para laiar ou para definir ese 50% que queda eclipsado nunha relación e refacernos. (…)”
Burela: actos destacados na Feira do Libro 2017 para o sábado 26 e domingo 27
O domingo 27 de agosto finaliza a Feira do Libro de Burela, que terá lugar na Praza da Mariña, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes dous días:
Sábado 26
– 12:30 h. Pregón a cargo de Marica Campo.
– 17:30 h. Presentación de O misterio de Portomarín, de Antía Yáñez, publicada por Galaxia.
– 18:30 h. Presentación de Soños como Xógaras, de Xaime Oroza e Otero Regal, publicado por Círculo Rojo.
– 20:30 h. Mesa debate “A cultura como investimento produtivo (I)”, con Antonio Reigosa, Matías Escalera, Antonio Gregorio e Pablo Mosquera, moderados por José Díaz.
Domingo 27
– 12:00 h. Contacontos Xa voooou! (Editorial Bululú).
– 13:00 h. Caxoto contacontos: “Contos a pé de rúa”.
– 19:30 h. Presentación do libro Os nomes do terror, publicado por Sermos Galiza, con Xosé Ramón Ermida Meilán e Carlos Nuevo.
– 20:30 h. Mesa debate “A cultura como investimento produtivo (II)”, con Carlos Nuevo, Ramón Ermida, Vicente Míguez e Manuel Miranda, moderados por Pepe Peinó.