Francisco Rodríguez: “Non entendo que se tiren pedras contra o propio tellado, e iso fano as institucións galegas oficiais”

Entrevista de M. Obelleiro a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que supón para ti a concesión do premio, con unanimidade e a participación de tantas entidades culturais?
– Francisco Rodríguez (FR): Eu agradezo ese premio, pero non como un premio á miña persoa. Agradézoo porque, primeiro, significa que hai un sector social do país que é capaz de valorar, sen discriminacións sectarias, o que as persoas fan. Segundo, porque hai un sector social e cultural nacionalista, e recibir recoñecemento daqueles cos que comparto esforzos e obxectivos, e dos que son produto, paréceme o mellor que me pode pasar. Terceiro, creo que se deixa constancia de que non todo é oficial e que non todo o que o oficial recoñece é o único existente e o único con valor. Nunha palabra, significa a existencia de recoñecemento social, á marxe das institucións oficiais ou oficialistas. Pero o máis importante é o feito de que se vexa que hai cultura de base nacional galega e de base popular e que pode estar máis ou menos debilitada, mellor ou peor, pero ten consistencia e criterio propios. Espero que o premio teña continuidade e se dea a persoas e organizacións que fan algo ben intencionado e valioso, contra corrente. (…)
– SG: E está tamén a túa preocupación por situar Rosalía no lugar que merece como escritora galega e como clásica universal.
– FR: Vén pola a sensación de que se estaba cometendo unha inxustiza brutal, e enriba a costa da deformación do propio país, como se aquí non se puidese facer nada que tiver unha transcendencia que non for puramente localista. Como é posíbel tanta literatura destinada a enterrala, acoutala nesa visión tan limitada? Para min a pregunta do millón era, entón Rosalía era nacionalista? Que era, unha parva que acertou por casualidade para facer dous libros? Nada casaba. Era tamén poñer en solfa se realmente o país non podía dar máis que unha imaxe enxebrista, limitada, choromiqueira, ou había realmente unha cousa máis complexa que se nos estaba furtando. E cada vez, o cabreo era maior. Teño a satisfacción de, a pesar de que no mundo académico máis penoso se fai un auténtico silencio da miña obra, unha persoa que si estudou o tema, e de maneira ben orientada, como Catherine Davies, no último congreso sobre Rosalía no Consello da Cultura Galega, dixera: “A min o libro que me gustaría ter escrito é o de Francisco Rodríguez Análise Sociolóxica da obra de Rosalía de Castro”, cousa que aquí non se di, senón que furtan, manipulan e aproveitan material e nin citan. Como pode escribir alguén agora “Rosalía escribía para vivir”, como novidade? Esa idea está estudada, traballada e publicada desde hai moitos anos, vostede non pode aparentar que é unha análise nova. (…)
– SG: Como ves o estado da cultura na actualidade?
– FR: Penso que no caso galego é moi difícil separar cultura do estatus e da situación do país. Na medida en que Galiza non avanza, senón que, máis ben, está nun impasse ou retroceso, pois todo se resinte. Caracterizaría o mundo cultural galego pola atomización, polas meritorias iniciativas individuais, polo intento de modernizala a través de internet, pensando que a presenza na internet é un bálsamo que vai solucionar o problema non só do salto á modernidade, senón o da popularización, e non é así. Penso que estamos facendo unha política de resistencia sen ser consciente moita xente de que é unha política de resistencia. A cultura de base, a popular, por exemplo, o que é o baile e o canto, a canción, a música en xeral, viven na marxinalidade. E iso non creo que o vaiamos superar unicamente cos medios tecnolóxicos. Isto esixe un traballo de base, e unhas mudanzas políticas, nunha dirección nacionalista. Creo que estamos despistados, desnortados e un pouco con leiriñas. (…)”

Raúl Gómez Pato: “Cando escribes poesía para nenos, tes que entrar no seu universo e amoldarte”

Entrevista a Raúl Gómez Pato en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Que sentiu ao escoitar os seus poemas musicalizados por primeira vez [Cousas de papá]?
– Raúĺ Gómez Pato (RGP): Cando vou recitar un poema sempre digo que a música de Héctor o mellorou sustancialmente. Ao escoitalo por primeira vez, pensei que o poema estaba moi mellorado. Se a iso lle unimos as ilustracións, a sensación que tes como escritor é o dobre de gratificante.
– LVG: É profesor. ¿Len os nenos menos do que deberían?
– RGP: Na actualidade hai moitas actividades vinculadas coa lectura como os contacontos, que acostuman a estar cheas. Ao que non están acostumados, sen embargo, é a poesía. É curioso porque os nenos quédanse moito mellor cos versos. Pode verse nas cancións, facilítalles moito a tarefa de memorizar.
– LVG: ¿Son un público esixente?
– RGP: Para min e moito máis difícil escribir para o público infantil. Se escribes para adultos falo pensando no teu propio universo pero cando escribes poesía para nenos tes que introducirte no seu universo e amoldarte. A maiores, os nenos teñen moi claro o que lles gusta e o que non. (…)”

Felipe Senén: “Toda a obra de Castelao está en función da nación galega”

Entrevista de M. Obelleiro e Cilia Torna a Felipe Senén en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Até que punto podemos considerar a obra de Castelao como unha autentica crónica da Galiza da primeira metade do século XX e un auténtico fresco social do país?
– Felipe Senén (FS): Así é, e algo máis que iso. A obra creativa está fundamentada nunha ética e estética comprometidas. É arte militante, que seduce, sensibiliza e chega á xente a través dos medios, especialmente da imprenta, dos xornais. Para iso está cavilada, para reproducir e espallar. O resultado é fondamente nacionalista galego, a un tempo que moi dentro das ópticas modernistas, as de buscar a orixinalidade nas mesmas orixes, namentres outros se perdían no desenguedello orientalista e noutros ismos e movidas. E o asunto é facer o que se fixo, dignificando, fuxindo das tendencias folcloristas, “colonizadoras” ao esperpento, desde ese paso que teorizaba como “da arte dos canteiros construír o Pórtico da Gloria”. A nosa achega á universalidade. “Galiza célula de universalidade” era a paráfrase coa que se encetaba o Estatuto de Autonomía do 36. (…)
– SG: Vostede ten afirmado que Castelao non é un artista ao uso, a que se refire vostede con esta reflexión?
– FS: Castelao é un galego con ciencia e conciencia, con corazón e con razón, que abre e retoma camiños iniciados por Rosalía ou Murguía, faino no xeito de ser e desde un dandismo modernista, na novela, no teatro, na arqueoloxía e na etnografía, en todas as formas da arte capaces de seriarse… e, conseguintemente, na política que implica todas relacións. Castelao era un humanista integral e indicou que o nacionalismo galego era ese humanismo que implica homes e mulleres de onte e de agora, a relación da paisanaxe coa paisaxe… E toda a súa obra ten un fondo contido didáctico, eis a súas doses de sedución, algo que cómpre saber contextualizar na súa terra e no seu tempo, alicerce pois de futuro, como el fixo. Non hai un paso adiante sen o referente do paso xa dado atrás. (…)”

A coruñesa María Díaz Serantes gaña o XIV Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración

Desde a Deputación de Ourense:
“A ilustradora coruñesa María Díaz Serantes (Ferrol, 1994) foi a gañadora do XIV premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Ilustración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado asegurou do traballo galardoado que as ilustracións “denotan un profundo traballo de debuxo e transmiten a sensación de que detrás delas, hai unha grande artista con moita orixinalidade”. Asemade o xurado puxo de manifesto que “os personaxes teñen moita expresión e adáptanse moi ben ao público ao que vai dirixida a obra”.
Das obras presentadas ao certame na modalidade de Ilustración nesta edición, o xurado destacou o “inmenso traballo que hai detrás de todas elas e o seu alto nivel”.
Os traballos presentados ao certame nesta modalidade de ilustración foron obras inéditas e orixinais baseadas no texto gañador do premio de narración desta edición do escritor Antonio Yáñez Casal, titulado Do meu nome e outras trapalladas.
O xurado da XIV edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez. (…)”