Fran Alonso presenta o seu novo poemario Terraza

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O poeta vigués Fran Alonso visita o ZigZag Diario para falar do seu libro Terraza, un poemario que aborda o paso do tempo desde a visión crítica dun home que contempla a vida desde a terraza dun bar mentres escribe poemas. Neste traballo o autor fai un aceno ás novas tecnoloxías ao incluír códigos QR nalgún dos poemas, que remiten a outras das súas creacións literarias. Por exemplo, a seguir os seus versos na rede, como os que compoñen o libro Estado de Malestar, que está a construír en Twitter. Pode accederse á entrevista aquí.”

Xosé A. Perozo asume a presidencia da OEPLI

Finalizado o mandato de Reina Duarte como presidenta da OEPLI asumiu esta representación o escritor e editor Xosé Antonio Perozo, actual presidente de GÁLIX. A OEPLI é a máxima entidade representante en España do ámbito cultural da Literatura Infantil e Xuvenil que aglutina todos os niveis (escritores, ilustradores, editores, bibliotecarios, libreiros, educadores, mediadores…). Está integrada por catro seccións: Consejo General del Libro, GÁLIX, ClijCAT e Galtzagorri, representantes das catro linguas oficiais: castelán, catalán, galego e vasco.

Mondariz: presentación de Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz

O venres 10 de marzo, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Mondariz (Rúa Meuroces, s/n), terá lugar a presentación da novela Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz, publicada por Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Isabel Blanco.

A Coruña: Conversas con Correa Corredoira. Mesa redonda co artista

O xoves 9 de marzo, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27), na Coruña, terá lugar a mesa redonda Días pintados, tempos de escrita, con motivo da celebración da exposición Correa Corredoira. Os días pintados. Intervirán Miguel Anxo Fernán-Vello, Lino Braxe e Ánxeles Penas.

“Palmira G. Boullosa, in memoriam”, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Soubemos da noticia do falecemento de Palmira González Boullosa o pasado 9 de febreiro e da preparación dun acto de lembranza para o vindeiro mes de maio. Mestra, escritora e lectora letraferida, Palmira foi unha das pioneiras esquecidas da Literatura Infantil e Xuvenil galega, tanto polo seu traballo como folclorista. moi atenta a recuperación da tradición oral, coma polas súas sorprendentes novelas de fantasía, na mellor tradición artúrica. Deuse a coñecer cos seus volumes de folclorista para os picariños, Adiviñas (1985), Mentiras (1986), Arrolos (1986) e ¿Quen panda? (1986), publicados por Galaxia na súa colección Tartaruga, que tanto e tanto utilizamos nas nosas clases de Preescolar de finais dos oitenta. Gañadora da segunda edición do premio Merlín pola novela A princesa Lua e o enigma de Kián (Xerais, 1988), á que seguiu Brandón, fillo de Ferreol (Xerais, 1993), traballaba devagariño en Brixit e Xenevra, co que remataría a triloxía, que bautizou de Cumiodouro.
Xaora, en Xerais lembraremos sempre a Palmira por Cando o rei por aquí pasou (1997), un libro fermosísimo (hoxe unha auténtica alfaia de bibliófilos), no que antologou os seus cadernos de folclore galego de toda unha vida e ilustrou con fermosas mariquiñas da que era coleccionista. Sabemos que deixa un extraordinario romanceiro galego inédito, que non quixo publicar, desque algún crítico dubidou da existencia do xénero na nosa lingua. Poeta serodia, en 1992 obtivo o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Asoladamente, o teu nome. Comprometida sempre coa renovación pedagóxica, foi, xunto a Mari Luz Liste, fundadora do Colexio Andersen e profesora do centro até 1987, onde puxo en práctica boa parte das súas ideas educativas sobre a lectura. As súas guías de lecturas para o Nadal constituíron un modelo de colaboración do centro educativo e as familias no fomento da lectura. Mestra das pombas e das palabras, nunca esqueceremos as súas frecuentes preguntas reflexións nas nosas presentacións en Librouro ou na Casa do Libro. Lembrarémola con saudades. Con todos os abrazos para as súas fillas.”