Entrevista a María Canosa en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Por que a aposta pola temática de terror [Cando cae a luz]?
– María Canosa (MC): Sempre ando probando cousas novas, que é unha maneira de probarme a min mesma, para ver ata onde podo chegar, para experimentar. Ás veces, se non probas, non sabes que che achega, que sensacións che reporta. Entón, tiña ideas dende hai tempo para algún relato e fun apañando outras. Facer cousas diferentes é unha maneira de medrar como escritora.
– LVG: Como se sentiu nese xénero?
– MC: De pequena si que recordo ler moito nese xénero e tamén escribira algún relato, entón foi dicir: «¿Por que non seguir facendo algo disto? ¿Por que o abandonei completamente?». Ao principio, custoume arrancar, pero despois cando tes o motor quente vai mellor. Tiven que adaptarme ao vocabulario e, sobre todo, a crear os escenarios.
– LVG: Son trece relatos sen relación uns con outros.
– MC: Non teñen nada que ver, pero o fío condutor que intentei facer foi poñelos en situacións cotiás. O distinto deste libro, o que chama un pouco máis a atención, e o que nos afecta un pouco máis cando estamos lendo, é que son situacións cotiás, do traballo, da casa, de nais, de nenos adolescentes que saen do seu colexio. Son situacións que vivimos todos calquera día normal, que foi o que busquei e era o punto singular. Xa que non había un personaxe común nin un escenario igual, entón, o fío condutor é a cotidaniedade deles, que son situacións habituais en nós. Moita xente que o leu dicíame que o que máis lle asustaba na intriga era que se vía que lle podía pasar a calquera nun día normal. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Entrevista a Ramón Nicolás sobre Camiño aberto
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““A súa é a obra dun exiliado que vivía en Galicia”. Ramón Nicolás presenta Camiño aberto, o libro que pecha as actividades do Centenario Manuel Lueiro Rey. Pode accederse á entrevista aquí.”
Presentacións de Crónica córnica, de Francisco Coimbra
O escritor Francisco Coimbra, finalista do Premio Xerais de Novela 2016 coa novela Crónica córnica, visita Galicia na semana do 23 ao 27 de xaneiro de 2017. Polo de agora, esta é a axenda de actos:
– Luns 23, ás 20:00 horas: Presentación da novela na Libraría Couceiro de Santiago (Praza de Cervantes, 6). Con Fran Alonso.
· Martes 24, ás 13:00 horas: Conferencia Estudos Galegos no Brasil no Instituto da Lingua Galega de Santiago (Praza da Universidade, 4).
– Mércores 25, pola mañá: Presentación da novela no IES A Sangriña de A Guarda.
– Xoves 26, ás 12:00 horas: presentación da novela no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (Campus universitario As Lagoas, Marcosende). No acto, organizado en colaboración co Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, participan, xunto ao autor, Anxo Angueira, Xosé Henrique Costas, Xosé Luís Méndez Ferrín.
Cuestionario Proust: Daniel Asorey
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Daniel Asorey:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son idealista, ao cabo, medrei nunha matria que se botou ao mar para soñar.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O compromiso coas abaixadas e cos abaixados.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A estas alturas da vida, agarimo, comprensión e complicidade.
4.– A súa principal eiva?
– A desorde e a falta de organización.
5.– A súa ocupación favorita?
– Encántame viaxar, aprender das olladas doutros que, coma nós, comparten esta casa común.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Un mundo xusto e digno para todos os seres humanos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A dor, a enfermidade e a morte son inmensas desgrazas. Vaia, dixen tres polo prezo de unha.
8.– Que lle gustaría ser?
– Encantaríame ser habitante dun mundo xusto.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galiza, amo esta terra e por iso manca tantas veces no corazón.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello, sen dúbida.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A chorima, a flor do toxo. Unha flor humilde, miúda, salvaxe e brava, que é quen de medrar na vertixe e inzalo todo, mesmo os cumes máis altos e difíciles, eses que se protexen con laxes cortantes. Ata aló enriba chega. Precisamos máis chorimas para esta terra.
12.– O paxaro que prefire?
– O pardal. Por algo semellante ao anterior, pois é un paxaro proletario, de traxe común e chíos humildes. Nunca esquecerei o día que, sendo eu neno, lle dixen á miña avoa, Carme de Candingas, que habiamos pillar un e metelo nunha gaiola. Ela contestoume que o pardal precisa ser libre para vivir, pois, se se prende, degoira morrer. Dende aquela, tiven envexa dese paxaro sen cadeas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitas e moitos. Iso é como escoller a irmá ou o irmán preferido… Mais gustaría de citar unha muller, Rachel de Queiroz, que denunciou a fame e a desigualdade do Nordeste Brasileiro no seu esmagador romance O quinze.
14.– E na poesía?
– Rosalía, polo escrito e pola valentía de facelo.
15.– Un libro?
– O Memorial do convento.
16.– Un heroe de ficción?
– Hai anos que o lin, pero moitas veces lembro do menino que aparece no fabuloso conto “O colchão da Mongólia”, do incrible escritor angolano Ondjaki. Un heroe, ese miúdo.
17.– Unha heroína?
– Non sei se se pode considerar ficción, mais penso na voz das mulleres anónimas do cancioneiro popular galego. Valentes, afoutas e libres. De non ser así, a voz radical e insubmisa da meniña gaiteira de Cantares Gallegos.
18.– A súa música favorita?
– Neste momento “A mulher do fim do mundo” de Elza Soares.
19.– Na pintura?
– Marc Chagall, un xenio que non deixou de soñar nunca coa súa patria, co amor e coa súa estirpe maltratada, e alén diso foi quen de pintar a música. Alguén dá máis?
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As e os migrantes de calquera lugar e condición, que sempre arriscan as súas vidas por soñar mundos mellores.
21.– O seu nome favorito?
– Aldara. En Melide, na terra de miña nai, “ser unha dona Aldara” empregábase, ben certo que pexorativamente, para designar unha muller espelida e libre. Ao parecer, fai referencia a unha muller nobre que viviu alá polo século XIV, e agardo que fose todo iso. Así pois, hoxe “ser unha dona Aldara” debía ser un orgullo e un soño para todas e para todos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A soberbia.
23.– O que máis odia?
– A desigualdade e a dor nas persoas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os conquistadores de calquera lugar, con rúas, prazas e estatuas no seu nome, en tanto que mortes, feridas e violacións nas súas costas.
25.– Un feito militar que admire?
– O 25 de abril, revolta sen (apenas) sangue para traer pan e liberdade.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A constancia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Pesimista. Aínda que a realidade adoita superarme para o malo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que teñan que ver co amor e coa paixón.
30.– Un lema na súa vida?
– Mudar o mundo!”
Homenaxe en Lisboa á unha grande dos estudos da lírica galego-portuguesa
Desde a Real Academia Galega (foto de Ivo Santos):
“A Real Academia Galega, da man da Facultade de Letras da Universidade de Lisboa (FLUL), presentou o 19 de xaneiro neste centro o libro que acaba de editar en homenaxe á profesora lusa Elsa Gonçalves, unha das figuras máis sobranceiras da lírica trobadoresca galego-portuguesa e doutora honoris causa pola devandita universidade. O volume xunta unha escolma de estudos da investigadora, que estivo arroupada no acto por colegas de distintos países.
Ao coidado do secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e dos filólogos lusos João Dionísio e Maria Ana Ramos, De Roma ata Lixboa. Estudos sobre os cancioneiros galego-portugueses recolle trinta traballos sobre lírica medieval da investigadora publicados entre 1976 e 2016, entre eles varios sobre a poesía do rei Denis, Martin Codax ou a Tavola Colocciana. Na presentación do libro, editado en colaboración coa FLUL, interveu tamén en nome da RAG o seu presidente, Xesús Alonso Montero.
Malia a calidade das achegas de Elsa Gonçalves, boa parte eran até agora de difícil acceso porque a súa non foi unha carreira académica convencional. “Por iso propuxemos homenaxeala rescatando os seus traballos”, explica Henrique Monteagudo, quen destaca a “ética profesional” dunha persoa “realmente entregada á investigación”. “Nunca buscou figurar nin facer unha carreira no sentido competitivo. Desenvolveu un traballo silencioso pero moi sólido, moi bo”, sintetiza.
João Dionísio apunta na mesma liña que De Roma ata Lixboa é unha compilación de estudos “marcados tanto por unha grande humildade como por unha argucia e saber singulares en relación ao que hai de descoñecido ou incerto ao respecto da lírica galego-portuguesa”. “Elsa Gonçalves é certamente unha das estudosas que máis contribuíu, co rigor da súa análise, ao coñecemento da lírica galego-portuguesa”, conclúe Maria Ana Ramos, quen sinala como un dos seus traballos máis emblemáticos a edición interpretativa de Tavola Colocciana. “Renovou todo o que conxecturabamos sobre a tradición manuscrita galego-portuguesa, sobre todo no relativo á confección dos cancioneiros copiados en Italia (Cancioneiro Colocci-Brancuti e Cancioneiro da Vaticana).”
A Coruña: recital de Rosa Enríquez e Nimrod no Ciclo Poetas Di(n)versos
A segunda
feira 23 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Rosa Enríquez e o poeta do Chad Nimrod. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos xaneiro 2017.
Bases do XVII Certame Literario de Relatos Curtos Os Viadutos
O galego, lingua ártica, por Rosalía Fernández Rial, no LGx15
Cuestionario Proust: Raúl Dans
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Raúl Dans:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Conciliador.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-Xenerosidade, sentido do humor, empatía.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
-Veño de descubrir que son máis preguiceiro do que cría. E túzaro.
5.– A súa ocupación favorita?
-Confesable? Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Ver felices as persoas que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Quitando perder as miñas fillas, que ninguén me quixese.
8.– Que lle gustaría ser?
-Un escritor deses que se seguen lendo dentro de cen anos.
9.– En que país desexaría vivir?
-Galicia non está mal, aínda que cadra un pouco lonxe de todo.
10.– A súa cor favorita?
-As do outono.
11.– A flor que máis lle gusta?
-A flor do lirio.
12.– O paxaro que prefire?
-No mar, as gaivotas; nos parques, pombas e estorniños; o merlo, o pardal e a pega, no eido. E así.
13.– A súa devoción na prosa?
-Sempre me asombrou que Jan Potocki puidese escribir o seu Manuscrito atopado en Zaragoza sen usar metáforas nin comparacións.
14.– E na poesía?
-Emily Dickinson.
15.- Un libro?
-Un que lin recentemente: Stoner de John Williams.
16.– Un heroe de ficción?
-Gulliver. Todo o que viaxa. E a min hai que me sacar da casa a empurróns.
17.– Unha heroína?
-Alicia. As cousas inquietantes que lle pasan e con que enteireza as afronta a rapariga. Se son eu, nin con terapia electroconvulsiva me recupero de semellante pesadelo.
18.– A súa música favorita?
-Ramones, Patti Smith, Leño… Bach, Mozart, Schubert…
19.– Na pintura?
-O Bosco, Van Gogh, Pollock… Hai dous cadros que me gustan especialmente: “A orixe do mundo” de Courbet e “Nachtmahr” de Füssli.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-De cativo coñecín un heroe: Esparza. Salvou un amigo meu de morrer afogado no río.
21.– O seu nome favorito?
-Os nomes así, sen persoa, non me din moito.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Impuntualidade.
23.– O que máis odia?
-Non poder comer todos os doces e as lambonadas que me pete.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Os ditadores e os xenocidas.
25.– Un feito militar que admire?
-A vitoria aliada na batalla das Ardenas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Saber pintar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Morrer? Quen? Eu?
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Bastante murcho ultimamente, pero adoitaba ser un tipo alegre e disposto.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Na ficción practicamente todos, pero na vida real cada día aturo menos até o defecto máis insignificante.
30.– Un lema na súa vida?
-Deixa vivir.”
Entrevista a Daniel Asorey en Zig-zag
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Nordeste, de Daniel Asorey, é dunha novela que se ocupa da interconexión entre Galicia e o Brasil a través dunha ucrónica República galega de expansión ultramariña e da que terras coma Bahía, Río Grande do Norte e o mesmo São Paulo son colonias. Pode accederse á entrevista aquí.”