Compostela: presentación de A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville

OHéctor Cajaraville martes 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), en Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville, novela gañadora do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, 2015, publicada por Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pilar Ponte e Manuel Bragado.

Antón Riveiro Coello homenaxea a Carlos Casares en A ferida do vento

EntrevistaAntón Riveiro Coello de Xesús Fraga a Antón Riveiro Coello en La Voz de Galicia:
“O 11 de xaneiro do 2001 Carlos Casares acompañou a Antón Riveiro Coello na presentación da súa novela As rulas de Bakunin. Ese día os autores compartiron xantar e conversa sobre un sitio ben coñecido de ambos: Xinzo de Limia. Entre outros temas, o faladoiro xirou arredor dos tolos da vila, como recollería Casares na súa sección Á marxe en La Voz ao día seguinte. O que ficou fóra da columna foi o compromiso que adquiriu Riveiro Coello de escribir un libro de relatos a partir do «censo de tolos» que tiña do lugar. Malia empezar algún bosquexo, a idea durmiu nunha gabeta ata que no 2014 o escritor foi nomeado fillo predilecto de Xinzo. «Visitei a casa na que nacera, que fora o cárcere, e alí algúns amigos e miña nai contaron cousas que prenderon a faísca dunha historia», lembra.
O resultado é A ferida do vento (Galaxia), unha novela de iniciación que recupera aqueles toliños como personaxes secundarios, aos que se suma un moi especial, o propio Casares. «A historia transcorre en 1978. Carlos chega a Xinzo con Kristina [a súa muller] e busca historias para os seus libros», describe Riveiro Coello. A homenaxe queda tamén remarcada polo título, unha referencia clara ao Vento ferido de Casares. Se naqueles relatos abordaba o mundo da infancia, en A ferida do vento o foco asúmeo o tránsito á adolescencia. «En só uns poucos días o protagonista coñece o que é medrar a través do coñecemento da morte, a descuberta do amor e as primeiras experiencias do sexo, coa estrañeza que isto produce nel», relata o autor.
Neste sentido, A ferida do vento entronca cun libro anterior de Riveiro Coello, Casas baratas, co que comparte non só a localización en Xinzo, senón tamén a vocación narrativa pola sinxeleza e a claridade, trazos que caracterizaban a obra de Casares. O escritor subliña outra conexión: «É unha novela con moito humor, que funciona como curación fronte a morte e a dor. Esa mestura de ironía e tenrura, que intenta sacarlle un sorriso ao lector no remate de cada capítulo, creo que tamén se atopaba na escritura de Carlos».
Arredor desa historia de iniciación, que se centra nunha relación amorosa marcada pola traxedia, móvense os tolos que tanto fascinaron a Casares e seguen a poboar a lembranza de Riveiro Coello. «Meu pai, que era policía municipal, tiña que controlalos moitas veces cando se puñan agresivos. E moitos deles acababan xantando na nosa casa, algo que amolaba á miña nai. Eu mirábaos con abraio, porque os seus delirios eran unha mostra impresionante de imaxinación», rememora o escritor. Eran situacións que nacían da ausencia de atención para persoas que hoxe estarían ingresadas ou en tratamento farmacolóxico: «A medicina foi boa para a humanidade, pero mala para a literatura». (…)”

Casas literarias: Xosé Neira Vilas

fundacion-xose-neira-vilas-casa-do-romanoDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Xosé Neira Vilas naceu o 3 de novembro de 1928 na Casa do Romano, na parroquia de Santiago de Gres, Concello de Vila de Cruces. A vivenda é unha edificación labrega que se remonta ao século XVIII e que durante moito tempo foi albergue para os peregrinos que, polo Camiño Portugués, viaxaban cara a Santiago.
Na Casa do Romano naceron tamén tres irmáns do autor: María, Xesús e Mercedes. Foi este fogar o lugar no que viviu ata os seis anos, pois a partir de 1935, cos cartos que seu pai trouxo de Bos Aires (a onde marchara cinco anos antes), construíron unha nova vivenda na que foron morar os proxenitores, os catro fillos e os avós maternos destes. Foi nese novo inmoble onde naceron os outros tres irmáns de Xosé: Santiago, Manuel e Carmen. (…)
En 1992, logo de chegar a un acordo coas autoridades para a restauración da natal Casa do Romano, volveu ao seu Gres da infancia e a casa que o vira nacer ampliouse cun novo edificio deseñado polo arquitecto César Portela. Neste conxunto duplo é onde hoxe se atopa a sede da Casa Museo Xosé Neira Vilas, que alberga unha pequeno salón de actos, un museo etnográfico, unha biblioteca e a zona propiamente de vivenda, espazos todos que na actualidade coida con tesón admirable o padroado da fundación que leva o nome do escritor, dirixida moi competentemente por Luís Reimóndez.
De novo na Casa do Romano, a mesma que se ve na foto que figura na cabeceira destas liñas, Neira Vilas e Anisia pasaron o resto dos seus anos. No caso dela ata o seu pasamento no 2009. No del, ata hai agora un ano.”

Entrevista a Margarita Ledo sobre o Simposio Manuel María

DesdeMargarita Ledo o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Hai toda unha serie de aspectos (da obra de Manuel María) que enlazan con cómo lemos hoxe”. Margarita Ledo Andión é unha das coordinadoras do Simposio co que a Academia Galega pecha o Ano das Letras de Manuel María. Pode accederse á entrevista aquí.”

Coñécense as obras gañadoras do Certame Xuventude Crea

poesia_2016teatro_2016relato_breve

Licalaterna, gañador do 1º Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados

DesdePremio-Celso-emilio-2016_hz-1 a web da Fundación Celso Emilio Ferreiro:
“O Grupo Licalaterna (Andrea Souto e Óscar Iglesias) vén de ser escollido polo Xurado do 1º Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados como gañador do mesmo.
O tema premiado é o poema Mensaxe dende o silenzo, poema do libro O soño sulagado. O premio será entregado o sábado 3 de decembro as 11:30 horas no Espacio Foro do Culturgal en Pontevedra.”

Entrevista a Míriam Ferradáns no Diario Cultural

Desdemiriam-ferradans o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Os nomes do fume son eses nomes que nos obriga a tribu a facelos desaparecer, porque desaparece a persoa que os leva e se converten en palabras tabú”. Miriam Ferradáns fálanos do libro co que gañou o Premio de Poesía Xosé María Pérez Parallé. Pode accederse á entrevista aquí.”

A AELG vai organizar en 2017 un Congreso de Poesía Galega

O AELG Logo 2-2015Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou na súa última reunión a realización dun Congreso de Poesía Galega no inicio do outono do vindeiro ano 2017, que terá lugar na cidade de Pontevedra.

Con esta actividade preténdese facer unha revisión da poesía galega nos últimos 40 anos, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.

A Coruña: recital de Marga Do Val e Edwin Madrid no Ciclo Poetas Di(n)versos

AMarga do Val segundaedwin-madrid feira 28 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Marga do Val e o poeta Edwin Madrid. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos novembro 2016.