Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Santa Cruz, Oleiros: presentación do libro-disco Cadros dunha exposición
Lugo: Letra das Festas: Lembranza de catástrofes e desastres naturais, o mércores 7 de outubro
Letra das Festas: Lembranza de catástrofes e desastres naturais é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a coordinación e presentación de Antonio Reigosa e Isidro Novo. É a quinta edición desta “revista de literatura oral ao vivo” que sae sempre polo San Froilán, e na que este ano interveñen persoas que rememoran catástrofes e desastres naturais.
Terá lugar o mércores 7 de outubro, a partir das 18:00 horas, no Círculo de las Artes (Praza Maior, 23) de Lugo, con entrada libre.
Ciclóns como o Hortensia (1984) e o Klaus (2009), terremotos como o de 1997 (que acadou 5,1 de intensidade, sendo o seu epicentro no triángulo Sarria-Triacastela-Becerreá), galernas (como a de 1961, con 83 mortos, que castigou especialmente a Celeiro), así como riadas, inundacións, nevaradas, sarabiadas e tormentas con maior ou menor sona que teñan dado lugar a unha aventura ou vivencia digna de ser contada. Sucesos de aquí e de alá como os que nos van narrar dalgunhas catástrofes en Nicaragua desde a ONG Axunica.
Contan:
– Bernardino Pardo Teixeiro.
– Paco Nieto.
– Antón Grande.
– Xerardo Pardo de Vera.
– Ana Vila Montero (da ONG Axunica).
Música:
– Mini e Mero.
Coordinan e presentan:
– Antonio Reigosa / Isidro Novo (Sección de Literatura Oral da AELG).
Miguel Anxo Fernández fala sobre O espido de Gina
A Coruña: presentacións de Eli Ríos, Francisco A. Vidal e Uxío-Breogán Diéguez
Basilio Losada: premio Ramón Piñeiro e novo membro de honra da RAG
Desde Sermos Galiza:
“(…) O profesor, tradutor e crítico literario de Láncara, Basilio Losada Castro, primeiro catedrático de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona e embaixador da cultura galega en Cataluña, dedicou o sábado 3 de outubro o seu discurso de ingreso na RAG como académico de honra ás primeiras novelas de Rosalía de Castro, que foi respondido polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. (…)
Na mesma semana pasada, a Asociación Cultural Val de Láncara anunciou tamén que é o gañador do XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País. O xurado valorou o labor deste lugués en favor da lingua e cultura galegas e a súa contribución á difusión da identidade galega por diferentes países.”
Manifesto da NPG, por Armando Requeixo
Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“Existe un lugar no mundo onde todo se derruba en lus, onde o Tempo desorballa os prados, as estrelas arden sobre o medo e o mal e treman as bágoas nos budios escuros. Existe esa xeografía escolleita por un anxo e salvada nalgún intre de amor desesperado. Existe e chámase os Vilares.
Esta terra trapaceira entretece fías de soños e palabras. Aquí o leite, o centeo e a lus da aurora nutren o berce dos poetas para que oian pacer canto hai. Por iso non causa estrañeza que no Vilariño, pé do río do Requeixo, medrase un neno capaz de domear a verba, de infundir co seu alento o drama cheo que as cousas precisan, darlles rostos pra que se conozan e palabras para que se entendan.
Ese reino de Terra Verde e Mar de Orballo é o que herdaron Mar Beres, Luz Campello, Xosé Antonio Cascudo, Fátima Fernández, Judiña de Lea e Jaki Quintela. Algúns por seren estas terras ou as contiguas as que coñeceron as súas andainas infantes e mozas, outros por radicar nestas landas a memoria do seu sangue, tamén a mandorla á que regresan sempre e mais despois.
Este sexteto non é unha xeración literaria, non precisa selo. Nin sequera é un colectivo formalmente constituído. É, iso si, un grupo que sente o vencello da terra, o urro telúrico do sangue dos devanceiros comúns, a lentor da chaira que lles agabea polo peito e os reclama para a tribo guitirica, poetas párracos, xente de ollada longa e largacío sentir, envisos nas lombas de Arxán cando o solpor oculta Lourenzo. (…)”
Marcelino Agís gaña o X Premio de Ensaio Manuel Murguía
Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado da décima edición do Premio de Ensaio Manuel Murguía, convocado pola Deputación da Coruña, decidiu premiar a obra Historia do pensamento galego contemporáneo, do profesor Marcelino Agís Villaverde.
O xurado composto por Rosario Sarmiento, Purificación Galán Boutureira e Gonzalo de la Huerga Fidalgo, con Elisardo López Varela como comisario, destacou da obra gañadora o ser un percorrido ameno, preciso e ben documentado polos distintos movementos filosóficos da contemporaneidade así como das principais figuras do pensamento filosófico galego. (…)
O gañador, Marcelino Agís Villaverde, é profesor da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago.”
Compostela: presentación de Agosto de memoria e morte, de Xoaquín Fernández Leiceaga
O mércores 7 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación da novela Agosto de memoria e morte, de Xoaquín Fernández Leiceaga, publicada en Xerais. No acto participarán, xunto ao autor, Dolores Vilavedra e Manuel Bragado.
Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil por Escarlatina, a cociñeira defunta
Desde Xerais:
“A escritora Ledicia Costas acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil pola súa novela Escarlatina. A cociñeira defunta. Esta novela, publicada por Xerais ao gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, recibiu xa outros importantes recoñecementos como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores, os Premios Fervenzas Literarias (votados polos internautas) ao Mellor libro infantil e Mellor portada de LIX (Víctor Rivas). (…)
O xurado do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil estivo composto polo autor galardoado na edición 2014, Diego Arboleda; o autor galardoado na edición 2013, César Mallorquí; a Real Academia Española, Carme Riera; a Real Academia Galega, Rosario Álvarez Blanco; a Real Academia da Lingua Vasca, María Asunción Agiriano; o Instituto de Estudos Cataláns, Vicenç Llorca; a Organización Española para o Libro Infantil y Juvenil (OEPLI), Montserrat Pena; a Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE), Gemma Lluch; a Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), Concha Barrigós; a Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Paula Izquierdo; o Centro de Estudos de Xénero da UNED, Marina Sanfilippo; e designada polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Teresa Corchete. Estivo presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturales y del Libro, José Pascual Marco, e actuou como vicepresidenta, a subdirectora xeral de Promoción del Libro, la Lectura y las Letras Españolas, Mónica Fernández.”