Isidro Novo: “Moitas palabras en uso non están recollidas en ningún dicionario”

EntrevistaIsidro Novo de Carme Vidal a Isidro Novo en Sermos Galiza:
“O escritor Isidro Novo é o autor de Palabras con memoria, a nova sección da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que Sermos Galiza comeza a publicar no seu número 140.
– Sermos Galiza (SG): Cando comezou a súa procura de palabras sen catalogar?
– Isidro Novo (IN): Foi no 2007 cando llo comentei a Cesáreo Sánchez Iglesias e botamos a andar o proxecto. Parecíame que había palabras que eu escoitaba a cotío e non estaban ningún dicionario dos que manexaba. Da inmensa maioría das 1260 entradas recollidas -palabras e tamén algunha expresión- podemos dicir que só unhas 40 parecen a tal altura en algún dicionario. Buscaba precisamente iso, rexistrar palabras que non estiveran reflectidas en ningún dicionario.
– SG: Como explica que sexan tantas as palabras que quedan fóra dos dicionarios?
– IN: As persoas que fan os dicionarios elixen entre as propostas dialectais aquelas que consideran máis determinantes e obvian as demais, creo que iso inflúe, mais non o teño moi claro. Sorpréndeme que hai palabras nas rúas de xente que fala galego e non están rexistradas.
– SG: Entre as palabras que non se recollen, detectou algún grupo en especial? algún campo semántico singular?
– IN: Moitas palabras relacionadas cos froitos ou con elementos relacionados coas colleitas e o agro non están recollidos. Mesmo na Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) abrimos unha sección que se chama “A verde”, relacionada coa nosa labranza. Aparecen, poño por caso, castes de mazás ou peras que non están no dicionario.
– SG: Como chegan a vostede esas palabras? Cal é o proceso de recollida?
– IN: Abrimos o correo palabra.con.memoria@aelg.org para recibir aportacións da xente mais a maior parte proveñen do trato persoal. Mesmo hai xente que se achega pola rúa e me ofrece novas palabras. Eu responsabilizo a persoa que a manda cando se publican, é dicir, aparece o seu nome alí e tamén a zona onde se escoitou. Á xente gústalle que se lle recoñeza o ter recollido a palabra.
– SG: Como vai ser a sección que publicará a partir de agora no semanario Sermos Galiza?
– IN: Ao decidir publicar a sección no semanario estiven fozando coas palabras e pensei que por campos semánticos podería ser moi formal. Optei por escoller unha palabra vínculo e publicar canda outras relacionadas con ela. Unha entrega da vaca, o pan, o viño… ese vínculo relaciona con cinco ou seis palabras que son as publicadas.
– SG: Coida que o seu traballo pode conducir a que, no futuro, esas palabras sexan recollidas nalgún dos dicionarios?
– IN: Quen se dedica a recoller palabras ten como fin rescatalas e que se volvan usar. Gustaríame que foran recollidas mais a min éncheme de satisfacción poñelas de novo en circulación e que non se esquezan. Este traballo pode contribuír a que os dicionarios glosen palabras que non empregaban. Ogallá que a xente que fai os dicionarios se convenza e as inclúa. A riqueza do noso vocabulario é inmensa.
– SG: Algunha palabra que lle chamase poderosamente a atención?
– IN: Pois, poño por caso, xa varias da primeira entrega como por exemplo aguch! Que é o termo que se empregaba para animar as vacas a beber.
– SG: Cómpre lembrar a súa condición de escritor que procura palabras. A riqueza léxica reflíctese na literatura ou tamén neste ámbito se está a recortar o número en uso?
– IN: Eu procuro coidar o léxico, encántanme as palabras e a toponimia e á hora de escribir tamén emprego algunha palabra que non está nos dicionarios convencionais, mais que os lectores sexan quen de interpretar porque, ao meu ver, é unha maneira de enriquecemento. Certamente, na literatura empréganse poucas palabras e iso é unha pena. Vai moito por modas tanto nas palabras como nos propios xéneros literarios. O sistema móvese así mais eu considero que as palabras están aí para se usar e non debemos deixalas enferruxar.”

Pontevedra: actividades do xoves 16 na Feira do Libro

OFeira do Libro de Pontevedra 2015 xoves 16 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa: Feira do Libro de Pontevedra 2015:

19:00 h. Manuel Lourenzo González asinará na caseta da Libraría Paz.
20:00 h. Elena Gallego Abad presenta Dragal IV. A estirpe do dragón, publicado en Xerais. Participan, xunto á autora, Manuel Bragado e Pablo García Freire (de Lectureka).

Xesús Constela presenta no Zigzag a súa nova novela: Apoteose das perchas

DesdeXesús Constela 2 o Zigzag da Televisión de Galicia:
“O escritor ferrolán Xesús Constela retorna á narrativa con Apoteose das perchas, unha historia rocambolesca en que se agocha unha lectura crítica sobre as aparencias e a identidade. Esta novela curta, que o autor define como “Divertimento napolitano”, conta a historia de Tommaso Bonnano, un mendigo que anda tirado polos barrios napolitanos. A entrevista completa pode verse aquí.”

Manuel Portas: “Amor en alpargatas é unha historia de amor co país ao fondo”

DesdeManuel Portas o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“As palabras que titulan o apuntamento non son miñas, pertencen a Manuel Portas, e deixounas por escrito nunha dedicatoria persoal de Amor en alpargatascompártoas aquí pois esencializan o espírito do libro. Portas visitou onte o Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” do IES Valadares de Vigo e a súa presenza serviu para coñecer algunhas das claves deste libro que, ao meu parecer, está a pasar con certo e inxustificado silencio entre nós cando son dos que pensa que é un libro suxestivo, moi ben escrito, e que aborda con afouteza asuntos que aínda son tabú entre nós como, por exemplo, o independentismo. Disto falouse neste encontro, mais tamén do perfil de quen escribe, da concepción do traballo creativo e dese paso que nun momento dado o autor deu e que o converteu de lector a escritor.
Portas insistiu que esta non é unha novela política, basicamente é unha novela de amor, mais ao tempo é tamén unha proposta na que por toda ela paira o nacionalismo, testemuñando o que fixo unha xeración que lle leva a el uns dez anos, afondando nos seus éxitos e nos seus fracasos. Falouse, asemade, do mundo do libro -tan presente en Amor en alpargatas-, do intento que realizou para romper o mito xudeo-cristián do amor único e doutros temas como foron os seus novos proxectos, a presenza de Teis na novela, o mundo académico do escuro franquismo que se retrata, etc., todos eles agromando nun diálogo rico e intenso. Grazas, Portas, pola túa visita. (…)”

Suso de Toro no ciclo “Cara a onde?”: “a nosa é unha literatura enferma de minorización”

ArtigoSuso de Toro de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“Este pasado sábado celebrouse no CGAC a segunda sesión programada do ciclo Cara a onde? na que tiven a fortuna de participar. Foi, neste ocasión, Suso de Toro quen protagonizou este encontro que partiu, como é adoito, dun discurso da persoa convidada que se centrou, nesta ocasión e en esencia, en profundizar na “problemática existencial” dunha literatura como a nosa. Combinando claves de carácter persoal, que afondaban en experiencias particulares, con reflexións de índole máis xeneralista o certo é que deixou, ao longo da súa intervención,  un saibo acedo a abalar entre o pesimismo que se deriva da análise pragmática da  situación actual e a ausencia de perspectivas cara ao futuro, mais nun ton inequivocamente realista. O escritor, aseverou, “está nas mans da comunidade”, para continuar que “é un ente que, como ser vivo, quere permanecer, existir, expresar a súa existencia”. A devandita comunidade, isto é, o espectro posible do lectorado en galego determínase pola “ausencia de vontade de ser colectivo” e “pola carencia de apoio social” de onde nace un conflito pois a nosa é unha “literatura enferma de minorización, con todos os estigmas propios desta situación”.
Tratáronse, asemade, no diálogo co público e cos compañeiros Alfredo Conde, Quique Alvarellos e X. Antonio Silva, numerosos asuntos como foron os relativos á creación, e presenza literaria, en dúas -ou máis linguas-, a desaparición de espazos para o debate, o mundo editorial, a lingua galega no ensino e na sociedade, o proceso de institucionalización comercial,  a experiencia de subalternidade respecto doutras literaturas próximas, os métodos para exercer a censura ou o cambio de paradigmas que estamos a vivir na actualidade e que afectan á recepción das obras artísticas.
“Eu precisaba combate  e atopeino”, afirmou ao final da intervención en clave persoal. Oxalá que, como narrador, siga a buscalo, dea con novos retos e sinta a necesidade de envorcalos en palabras.”

Marilar Aleixandre publica Ovella descarreirada

DesdeMarilar Aleixandre o Zigzag da Televisión de Galicia:
Marilar Aleixandre publica Ovella descarreirada, composta por 33 poemas que convidan a abandonar o camiño agardado e que seguen a liña que xa é o fío común de boa parte da súa obra: a deconstrución e reelaboración de mitos. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Ferrol: presentación de Bibliotecarias e bibliotecarios “infames”, de Francisco X. Redondo Abal

OBibliotecasBibliotecariosInfames xoves 16 de abril, ás 19:30 horas, no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, preséntase o libro Bibliotecarias e bibliotecarios “infames”: a depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego, de Francisco Xavier Redondo Abal, publicado por Laiovento. No acto, será presentado por Eliseo Fernández.

Pontevedra: presentación do libro Pontevedra, laranxeiras e limoeiros

O mércores 15 de abril terán lugar dous actos paralelos aos Premios Estatais da Crítica que se resolverán o sábado 18 de abril en Pontevedra:
19:00 h. Na Casa das Campás (Pontevedra), preséntase o libro Pontevedra, laranxeiras e limoeiros, con Ana Acuña, Víctor Freixanes e Olivia Rodríguez.
19:30 h., tamén na Casa das Campás, terá lugar a conferencia Humanismo e crítica literaria. O Premio da Crítica, por Ángel Basanta, presentado por Ana Acuña.