Vilaboa, Culleredo: presentación de A noiva e o navio, de Susana Arins e Mordida, de Eugénio Outeiro

A sexta feira 16 de novembro, ás 19:30 horas, no Pazo de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), preséntanse as obras A noiva e o navio, de Susana Sánchez Arins, e Mordida, de Eugénio Outeiro, publicadas por Através Editora. No acto participa tamén Mário Herrero.

Mercedes Leobalde faise co VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

“O sábado 10 de novembro, na Casa de Turismo Rural Casa Arpón de Malpica, tivo lugar a Cea das Letras organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños. Durante este acto presentouse a obra gañadora do VI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, Carnia Haikai da escritora Elvira Riveiro Tobío e deuse a coñecer o fallo do xurado do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O xurado deste Certame, composto por Elvira Riveiro Tobío, Antón Lois Noceda Carballo e Francisco Souto Barreiro, logo de ver as trece obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a obra titulada Chamádeme Eva, que resultou ser da escritora coruñesa Mercedes Leobalde García.
Chamádeme Eva estrutúrase en catro partes que se corresponden a diferentes momentos vitais dunha muller chamada Eva, sen mazá nin serpe. Nas primeiras dúas partes observase un forte contido erótico deixando para a terceira e a cuarta a presenza do desamor e a morte, fantasticamente personalizada na presenza do lobo. Un léxico claro, sinxelo, eficiente, un uso coidado da lingua e fermosas imaxes seduciron ó xurado para outorgarlle este premio.
Mercedes Leobalde García nace no ano 1967. Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa adícase á docencia, labor que compaxina co de tradución. Actualmente traballa no Equipo Lingüístico do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A finais do 2011, o seu paso polo obradoiro de escritura de Antía Otero intensifica o seu traballo literario. Animada a presentarse a certames literarios pola propia Antía, neste ano 2012, acada o 2º premio do Certame Ánxel Fole, cun relato titulado Fáltasme e 1º accésit no Manuel Murguía coa obra Taxi driver.” Desde Fervenzas Literarias.

Santiago: presentación de Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O venres 16 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda presenta o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012). No acto participan cinco dos seus autores, Xosé María Álvarez Cáccamo, Carmen Blanco, Ánxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer e Alberte Suras.

Víctor F. Freixanes: “A democracia tecnolóxica é unha grande mentira, canto máis ruído informativo máis garantía de non sabermos de nada”

Entrevista a Víctor F. Freixanes na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa (XC): En 1985 Paz-Andrade fixo o pregón da Feira do Libro de Vigo. Sostiña que os libros eran “a columna vertebral dunha cultura, medulada por unha lingua”. Segue vixente esa idea trinta anos despois? Cal é o estado da cuestión hoxe e que futuro ten o libro no medio desta treboada económica?
– Víctor Freixanes (VF): A industria editorial é unha das grandes industrias culturais do mundo. En España só esta por diante a televisión. Cunha facturación de case 3.000 millóns de euros anuais está a anos luz da radio (600 millóns) ou do cine, agora en caída libre, do que moito se fala pero só move da orde dos 300 millóns ou da prensa que factura 1.600 millóns por ano. No mapa simbólico das empresas de comunicación o libro representa o corazón da memoria, da estabilidade, da tradición, da identidade do grupo social e o acceso individual e culto ao coñecemento e á información. Es ti quen le un libro, mentres a tv responde ao consumo masivo. Esa característica do libro dálle forza de columna vertebral, ou nas palabras de Manolo Bragado, das que sempre me apropio, o libro é o pan da cultura. Cada vez máis detrás dunha película ou dunha serie de tv ou un cómic está un libro, unha historia contada en palabras. Como vai ser ese libro no futuro? Poderemos ler tamén en pantallas, pero a clave sempre estará na lectura, no acceso á información e o coñecemento a través do código que significa o alfabeto e a cultura. Aquelo que dicía o filósofo de que pensamos con palabras é certo, e a capacidade de organizar o pensamento está na linguaxe e a linguaxe está no texto, non na percepción sensorial ou emocional da imaxe ou no impacto da cultura do audiovisual que sendo importante é distinto. (…)
– XC: O libro como esqueleto dunha cultura, e dentro disto a lingua. O balance destes 35 anos democráticos é vizoso en moitos sentidos, pero cal é o futuro, porque hai unha incerteza, unha sensación de abismo.
– VF: O 99% da edición galega está feito de 1975 a hoxe, pero a sensación de futuro incerto é real e témola moitos. Se miras para atrás dáste conta que en apenas tres décadas o salto foi moi grande, en termos políticos, económicos, sociais, educativos e culturais. Con liberdades democráticas, con descentralización política, por limitada que se poida considerar, e polo tanto da xestión da autonomía e o que supuxo en termos de autoestima, porque houbo moita xente que descubriu Galicia neste tempo, e coa entrada na Unión Europea que agora pasa factura pero deixou miles de millóns que quizais non foron ben aproveitados. Produciuse tamén unha crise de crecemento e agora estamos na fase do sálvese quen poida do neoliberalismo. A acumulación trouxo consigo un cambio de valores: a nosa xeración alimentouse dun discurso épico da política e iso modificouse por completo, na maioría dos sentidos nós fomos de menos a máis e criamos unha xeración de rapaces e rapazas en xeral instalados na idea de que todo é posíbel collelo e é accesíbel sen maior esforzo. En termos de cultura e lingua galega houbo unha especie de renuncia a seguir construíndo pensando que era un edificio xa rematado. Nunha cultura castigada historicamente, que arrastra moitos prexuízos, aínda hai moito que consolidar, e o esforzo que fixemos temos que continualo porque non hai posíbel marcha atrás. Hai que pasar o Cabo de Fornos para chegar a outro mar pero a travesía vai ser moi dura: en facturación o sector do libro galego está hoxe con cifras menores que en 2005, pero mantendo a mesma produción sen apoios institucionais ou con algúns envelenados, como aqueles que che obrigan a facer un libro en 2012 para que o entregues en 2013 e o cobres en 2014. Algunhas editoras poden estar pechadas cando lle cheguen esas axudas que xa gastou.”

XIII Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua

Tíralle da lingua é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, convertir o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. O proxecto TÍRALLE DA LINGUA consta de dúas fases: as Xornadas de Expresión Oral, dirixidas ao profesorado, nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula e un concurso de relato oral, dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebra no mes de maio en Compostela.”

XIII CONCURSO DE RELATO ORAL: TÍRALLE DA LINGUA
Bases do concurso

. As historias poderán ser de base popular, de base literaria ou creación propia.
. As historias contaranse en galego.
. Nas historias valorarase a calidade lingüística e o seu carácter construtivo e pedagóxico (linguaxe non discriminatoria, linguaxe non sexista…)
. Os/as participantes concursarán individualmente ou en grupo, pero sempre respectando o tempo máximo por actuación que será de 5 minutos. A superación dese tempo pode supor a descualificación. Poderán participar cun máximo dunha historia.
. O concurso vai destinado a tres niveis académicos.
1) Primaria.
2) 1º Ciclo de ESO.
3) 2º Ciclo de ESO e ensino postobrigatorio.
. O concurso farase en dúas fases con carácter selectivo:
1) A nivel centro de ensino.
2) A nivel nacional.
. Na primeira fase será o propio centro o que determine e se responsabilice dos posíbeis premios aos concursantes. O número de concursantes que pasarán da primeira á segunda fase determinarase en función da participación, o que se comunicará aos centros.
. A formalización da inscrición no concurso por parte dos centros realizarase antes do día 5 de abril enviando un e-mail a: informacion@as-pg.com, recibirán confirmación da inscrición e dos datos que deben completar.
. A fase final celebrarase a primeiros de maio en Santiago, en dous grupos diferentes: un para primaria e primeiro ciclo de secundaria e outro para segundo ciclo de secundaria e ensino postobrigatorio.
10ª. Na fase final concederase un primeiro premio por nivel cun valor de 250 euros e un segundo, se o xurado así o estima por valor de 150 euros. Os centros de ensino dos participantes gañadores recibirán un premio do mesmo importe.
11ª. O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes con experiencia nestas actividades, actuando de secretario/a un representante de Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
12ª. O xurado emitirá o ditame o mesmo día da celebración do concurso.
13ª. A participación no concurso supón a aceitación íntegra das presentes bases.

Padrón: presentación de Tonas de laranxa, de Manuel e María Lorenzo

O venres 16 de novembro, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Padrón, preséntase o libro Tonas de laranxa, de Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Miguens, que obtivo o Premio Xerais de novela 2012. No acto participan, xunto aos autores, Anxo Angueira e Manuel Bragado.

A AELG apoia a convocatoria de folga para o 14 de novembro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega apoia a convocatoria de folga para o mércores 14 de novembro, polo que esta Axenda Cultura non recollerá actos dese día.

Os horarios das manifestacións conxuntas son os seguintes:
– A Coruña: 12:00 h. Praza da Palloza – María Pita.
– Ferrol: 12:00 h. Praza do Inferniño – Praza de Armas.
– Santiago de Compostela: 12:00 h. Praza Roxa – Praterías.
– Ribeira: 12:00 h. Estación de autobuses – Praza do Concello.
– Lugo: 12:00 h. Edificio de sindicatos – Praza de Santa María.
– Monforte de Lemos: 19:30 h. Praza de España – Praza da Estación.
– Burela: 12:00 h. Estación de servizo Vista Alegre – Praza do Concello.
– Ourense: 12:00 h. Pavillón dos Remedios – Subdelegación do Goberno.
– Pontevedra: 12:30 h. Praza da Ferrería – Praza de España (Concello).
– Vilagarcía de Arousa: 12:00 h. Casa do Mar – Praza de Ravella.
– Vigo (central): 11:30 h. Praza de España – Praza de América (As Travesas).