Celanova: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O xoves 25 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala da Lareira da Fundación Curros Enríquez (Rúa Curros Enríquez, 37) de Celanova, terá lugar a presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola propia editorial e a Fundación Curros Enríquez, intervirán, xunto ao autor, Luís Ferreiro, José Luís Ferro e Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei

A quinta feira 25 de outubro, ás 20:00 horas, no local da Asociación de Veciños da Agra do Orzán (Rúa Entrepeñas, 38) da Coruña, preséntase o libro Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Ramón Freixeiro Mato e Carlos Martínez.

Ramón Nicolás: “Longa noite de pedra non encaixou con parte do establishment galego da época”

Entrevista de Montse Dopico a Ramón Nicolás, en Praza:
“(…) – Praza (P): En Conversas con Celso Emilio Ferreiro, un libro que publicaches no 2009, traballabas xa con cartas, entrevistas e textos do autor de Longa noite de pedra. Naceu nese tempo a biografía [Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro]?
– Ramón Nicolás (RN): A idea de abordar a biografía parte dun traballo que fixen para unha edición facsimilar de Longa noite de pedra, de Xerais, no ano 2002. Previamente traballara sobre O soño sulagado. Pouco despois de acabar a carreira fixera unha busca de textos na hemeroteca do Faro de Vigo… Así, o contacto viña de atrás, e o libro de conversas foi o primeiro paso, pero o proxecto da biografía, en concreto, tomou corpo hai uns sete ou oito anos. (…)
– P: A súa poesía social non foi entendida por todo o mundo na súa época. Citas no libro críticas de persoas que a consideraban panfletaria…
– RN: É certo que o libro Longa noite de pedra non encaixou con parte do stablishment galego da época, que non soubo ver a importancia dun libro que se converteu en parte fundamental da historia da literatura galega. A súa poesía de corte social non era o modelo de Pimentel, nin do propio Aquilino Iglesia. É singular, neste sentido, que Longa noite de pedra demorase tanto en reeditarse, e que non o fixese Galaxia, senón El Bardo, en edición bilingüe. (…)
– P: O seu Viaxe ao país dos ananos sentoulle mal a moita xente, que o entendeu como un ataque a toda a comunidade de emigrantes. Non lle perdoaron, no seu tempo…
– RN: E hai xente que aínda hoxe se sinte ferida e doída por ese libro. E iso que mesmo Seoane recoñeceu que o que Celso Emilio dicía sobre Caracas era moi semellante á realidade de Bos Aires ou doutros sitios. Porque había, si, moitos ananos entre os emigrantes. Hai que ter en conta que os mesmos que o chamaron para traballar na Hermandad Gallega acaban non só expulsándoo, senón facendo o posible para que non atopase outro traballo, para que o botasen do país… Foi unha etapa moi dura para el.
– P: Ademais da dimensión social-realista da súa poesía, reivindicas outras, como a irónica ou a intimista, ás que se lles presta menos atención.
– RN: Creo que foi Alonso Montero quen dixo que Celso Emilio foi, con Quevedo, o gran autor crítico e sarcástico. A parte intimista está en Onde o mundo se chama Celanova, en O soño sulagado, e nalgúns poemas de Longa noite de pedra. En O soño sulagado xa atopamos moitos dos elementos que se desenvolveron en Longa noite de pedra.”

Santiago: presentación do libro Premios Pedrón de ouro 2010-2011

“O xoves 25 de outubro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Premios Pedrón de Ouro, publicado por Toxosoutos, volume que engloba os relatos premiados nas edicións correspondentes aos anos 2010 e 2011. No acto intervirán Agustín Agra, Xosé Alfredo Naz, Amancio Liñares, David Otero e Xosé Ramón Fandiño, e posteriormente haberá unha sesión de contacontos con Celso Fernández Sanmartín.” Desde Fervenzas Literarias.

Xosé Ramón Pena: “Cando fago ficción, o que máis me interesa son as emocións”

Entrevista a Xosé Ramón Pena en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Sorprende, de primeiras, que, para argallar unha ficción, parta Vde. dun debate político-ideolóxico real tan concreto como foi o do que facer que se plantexou no galeguismo nos anos 60. ¿Por qué esta elección?
– Xosé Ramón Pena (XRP): A idea inicial da novela [Como en Alxeria] naceu dunha serie de reportaxes que o Faro de Vigo me encargou sobre a figura do histórico galeguista Ramón Piñeiro. Daquela, a base de consultar todo tipo de documentación, batín no só coa “historia obxectiva” dos feitos, senón tamén con cartas, documentos e testemuñas persoais que, máis aló desa “historia oficial”, interesáronme moitísimo porque reflectían a parte humana e afectiva de todo o que se estaba a vivir naqueles anos. A partires da confluencia deses dous aspectos comecei a confeccionar o meu relato, un relato que, sen faltar á realidade e poñendo por diante todo o que atingue as emocións humanas, puidese ao mesmo tempo permitirme a licencia de inventar feitos e personaxes que só existen na miña imaxinación. (…)
– FdV: Queda claro que, agás o que atingue ao debate político, Como en Alxeria é unha ficción, pero como Vde. acaba de confesar que no seu traballo de documentación atopou moitas historias persoais ¿Esta novela tamén conta esas historias reais ou, cando menos, perfís persoais auténticos aínda que anónimos?
– XRP: Os personaxes de Como en Alxeria non son trasuntos de persoas reais, porque iso sería contar unha farsa. Agora ben, o que si é certo que tanto a ficción dos acontecementos como a ficción dos personaxes están construídas partindo de referentes reais porque ésta é unha novela realista e polo tanto precisa ter verosimilitude interna. De maneira que, xuntando o que lin co que me contaron, a documentación publicada coa inédita e as testemuñas privadas coas públicas, creei un feixe de personaxes que, si, teñen que ver con xente real, pero que están construídos con trazos da procedencia máis diversa. E o que pasa cos personaxes acontece do mesmo xeito coas cousas que conto na novela. (…)”.

Rianxo: recital-performance de Elías Portela

O xoves 25 de outubro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal de Rianxo, o poeta Elías Portela realizará un recital-performance baseado no seu último libro publicado en galego, O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, publicado en Barbantesa. A entrada será de balde.

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG: “Non nos van derrotar a esperanza de que os galegos e as galegas gobernemos a nosa terra”

Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Cal é a súa valoración dos resultados?
– Cesáreo Sánchez (CS): Veñen momentos moi duros para a cultura e o idioma galegos. Agardamos que a pesar dos resultados ter a capacidade de manter o idioma e a cultura vivas. Non nos van a derrotar a esperanza de que os galegos e as galegas gobernemos a nosa terra.
– SG: Que supoñen para o sector da Cultura?
– CS: Dada a dinámica actual as repercusións son negativas. Seria sorprendente que se atendera doutro xeito a nosa actividade. Os escritores e as escritoras de Galiza saberemos estar a altura do que o país necesita. Non só reivindicando seguir sendo escritor@s en lingua galega. Agardamos que unha cultura milenaria como a nosa siga forte.”

Santiago: presentación de Tinta, de Inma López Silva

O mércores 24 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, Inma López Silva presenta o seu novo libro, Tinta, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada por Víctor F. Freixanes e Cándido Pazó.