Convocado o XVIII Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López

BASES

PRIMEIRA.- Participantes.
Poderán concorrer anualmente ao Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López, todos os autores que o desexen, calquera que sexa a súa nacionalidade, admitíndose unha soa obra por categoría e autor.
SEGUNDA.- Requisitos das obras.
Os relatos terán unha extensión máxima de vinte folios, sen mínimo. As obras de poesía terá unha extensión máxima de 100 versos. En ambos casos, mecanografiadas (ou a ordenador) e a dobre espazo. Deberán ser orixinais, inéditos, non premiados en calquera outro tipo de concurso e estar escritos en galego ou en castelán, debendo estar rematadas con carácter previo á convocatoria.
TERCEIRA.- Presentación das obras.
O prazo de entrega dos relatos e da obra poética rematará o trinta de novembro de dous mil doce. As obras enviaranse por sextuplicado exemplar, sen sinatura e cun lema, ao seguinte enderezo:
CONCELLO DE PARADELA
Certame literario
(Modalidade Poesía/Narrativa)
Rúa Cabaleiros de Santiago, nº 15
27611 Paradela-Lugo
En sobre aparte e pechado, constará o lema que distinga o traballo, e no interior o nome e apelidos do autor/a, domicilio, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é axustada ás normas contidas na base segunda. Abriranse soamente os sobres dos traballos premiados. No caso de que as obras se remitan mediante correo electrónico, á conta concello.paradela@eidolocal.es, deberán enviarse no mesmo correo electrónico, dous arquivos en formato PDF, un co contido da obra e outro onde constará o lema que distinga o traballo, no que conterá, no seu interior, o nome e apelidos do autor/a, domicilio, teléfono, poboación de residencia, e declaración formal de que a obra é axustada ás normas contidas na base segunda. Este segundo arquivo será custodiado pola Secretaría do Concello, entregando unicamente ao Xurado a obra e o lema da mesma. No caso de participación en ambos apartados; deberase concursar en cada modalidade por separado, utilizando un lema propio en cada caso e presentando a obra por separado. Conforme ao disposto na Lei Orgánica 15/1999 de 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal, os seus datos serán tratados de forma confidencial. Poderán ser incorporados aos ficheiros do Concello de Paradela relacionados con este trámite, coa finalidade de utilizalos para as xestións municipais derivadas dos procedementos e consultas que inicia o interesado con esta solicitude. En calqueira momento poderá exercitar os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición comunicándoo mediante escrito que deberá presentar no Rexistro Xeral do Concello.
CUARTA.- Premios.
Establécese un Premio de seiscentos euros (600,00 €) para a obra que resulte seleccionada polo Xurado dentro do apartado de poesía e outro de seiscentos euros (600,00 €) para a obra que resulte seleccionada polo Xurado dentro do apartado de narrativa. O xurado reservase a facultade de conceder os accesits (carentes de dotación económica), que estime oportunos. O autor ou autores premiados convocaranse ao acto de entrega de premios, o día que estableza o xurado.
QUINTA.- Fallo do Xurado.
O Xurado designado polo Concello de Paradela emitirá o seu fallo no mes de abril de 2013 e farase público polos medios de comunicación e na paxina do web do concello; comunicándose persoalmente aos gañadores. O Xurado pode deixar deserto o premio nun ou nos dous apartados; e a súa decisión será inapelable.
SEXTA.- Dereitos sobre as obras presentadas.
O Concello de Paradela resérvase, en exclusiva, o dereito de edición das obras premiadas e accesits durante o prazo máximo de doce meses, contados dende o momento do fallo. As obras non premiadas, así como as súas correspondentes plicas, non serán devoltas, sendo destruídas despois da proclamación de gañadores do certame literario Manuel Oreste Rodríguez López – 2012.
SÉTIMA.- Prerrogativas.
A resolución de todas as cuestións que poidan xurdir ou formularse nesta convocatoria son de exclusiva competencia do Concello de Paradela e do Xurado.

Paradela, 2012.”

Vigo: presentación de Nântia e a Cabrita d’Ouro, de Concha Rousia

A sexta-feira 19 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Cartabón de Vigo (Rúa Urzaiz, 125), preséntase Nântia e a Cabrita d’Ouro, de Concha Rousia, publicado en Através Editora. No acto, xunto á autora, participa José Gorís.

Santiago: O berro de Lord Byron: obradoiro de creación literaria, impartido por Carlos Negro

Froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), convócase para os vindeiros meses un Obradoiro de escrita creativa.

Carlos Negro será o encargado de conducir este obradoiro de escrita creativa que, baixo o título O berro de Lord Byron pretende lograr que os participantes adquiran o hábito da escritura como outra maneira de gozar do tempo libre, á vez que afondará na afección pola lectura e na valoración do feito literario como produto lingüístico, estético e sociocultural.

O Obradoiro vaise realizar no Centro Sociocultural de Conxo, comeza o sábado 27 de outubro ás 11 da mañá e desenvólvese en dez sesións de dúas horas cada unha.

A inscrición é de balde ata completar as 20 prazas para persoas adultas que se ofrecen, e cómpre formalizala dirixíndose ao Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago:
981 54 24 09
dlg@santiagodecompostela.org

Vexa aquí o cartel do obradoiro.

Vigo: Mesa redonda de teatro e ensaio con Quico Cadaval e Carlos Callón, no VII Ciclo Escritoras/es na Universidade

O xoves 18 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, finaliza o VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Por que(n) escribir / Para que(n) escribir, cunha Mesa redonda de teatro e ensaio, que contará coa participación de Quico Cadaval e Carlos Callón.

Pontevedra: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O xoves 18 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa de Don Filiberto, 9-11) de Pontevedra, o Ateneo de Pontevedra e Edicións Xerais presentan o ensaio biográfico Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Constela, Luís Ferreiro (fillo de Celso Emilio) e Manuel Bragado.

Vigo: nomeamento de Agustín Fernández Paz como Socio de Honra de Gálix

“O xoves 18 de outubro, ás 11:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Cultural Novagalicia Banco (antigo Teatro García Barbón) de Vigo, Agustín Fernández Paz recibirá o nomeamento oficial de Socio de Honra de GÁLIX 2012, galardón que recoñece a aqueles autores e autoras que teñan destacado especialmente durante a súa traxectoria traballando a prol da Literatura Infantil e Xuvenil galega. O propio autor anunciou que vai agasallar aos presentes cun conto inédito. A compañeira do autor durante moitos anos no ensino público, a orientadora escolar Paz Raña Lama, será quen lea a Laudatio. Un número moi importante de escolares vigueses, acompañarán ao noso homenaxeado durante esta xornada que esperamos ditosa para el e para toda a Literatura Infantil e Xuvenil galega.” Desde Gálix. Crónica posterior en Faro de Vigo.

Santiago: presentación de Fragmentos e comentarios do diario íntimo, de Cristina F.

O xoves 18 de outubro, ás 20:30 horas, no bar As Dúas (Praciña da Oliveira), en Santiago de Compostela, preséntase o libro Fragmentos e comentarios do diario íntimo, de Cristina F., publicado en Estaleiro. No acto, xunto á autora, participa Miguel Mosqueira.

Rianxo: obradoiro Divorciando a Poesía, por Elías Portela, os 19 e 20 de outubro

O poeta Elías Portela desenvolverá en Rianxo o obradoiro Divorciando a Poesía. O obradoiro desenvolverase o venres 19 de outubro (de 20:00 a 21:30 h.) e o sábado 20 (de 12:00 a 13:00 h.) na Biblioteca Municipal de Rianxo, e será de asistencia libre e gratuíta, previa inscrición enviando un correo electrónico antes do día 19 ao enderezo cultura@concelloderianxo.es, indicando nome e apelidos e co asunto Obradoiro de Elías Portela.