“O
xoves 5 de xullo, ás 18:30 horas, na Biblioteca da Cidade da Cultura, a Xunta de Galicia organiza unha homenaxe institucional a quen foi cofundador da Editorial Galaxia en 1950, o ilustre galeguista Xaime Isla Couto, falecido en Vigo o pasado 25 de abril. No acto intervirán, ademais do presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, o presidente de Editorial Galaxia, o rector da Universidade de Vigo (institución que concedeu a Isla Couto o doutorado honoris causa), o presidente da Real Academia Galega, un representante da Fundación Isla Couto e un representante da familia. (…)” Vía Galaxia.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A edición en galego diminúe un 10,2 %
“Os datos aportados polo Informe Comercio Interior do Libro 2011 feito público pola Federación de Gremios de Editores de España dá conta dun sector en crise que, no conxunto do Estado, viu como a súa facturación descendía nun 4,1% o que o pon á altura das cifras do 2002. “Nin o editor máis optimista ou afortunado pode negar a profunda crise dun sector que nos últimos cinco anos perdeu o 20,3% das vendas dos seus exemplares” anota no seu blog o editor Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores. Lamenta Manuel Bragado a disminución da edición de libro galego que descende nun 10,2%, “un fenómeno que hai tempo viñamos anunciando”, anota. Como positivo, destaca o aumento lixeiro de facturación en librerías e cadeas de librerías onde se venden o 55,5% dos exemplares. Máis información no blog de Manuel Bragado“. Vía Sermos Galiza.
Vilagarcía de Arousa: edición de xullo da Mesa das verbas
Vigo: actividades destacadas do xoves 5 de xullo na Feira do Libro
Continúa
a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do xoves 5 de xullo son:
– 19:30 h.: Pedro Feijoo asinará exemplares de Os fillos do mar, publicada en Xerais.
– 20:00 h.: presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira, publicado en Xerais. Intervirá, xunto ao autor, Manuel Bragado.
No centenario de Manuel Leiras Pulpeiro
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Con motivo do centenario do pasamento de Manuel Leiras Pulpeiro prepárase un amplo abano de actividades en recordo da figura do poeta da Paula, organizadas principalmente pola Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte de Santiago e mais o Excelentísimo Concello de Mondoñedo, axudados inestimablemente pola Deputación Provincial de Lugo.
Entre as iniciativas que tales entidades promoven quero hoxe destacar aquí tres:
— As V Xornadas do Peregrino en Homenaxe a Manuel Leiras Pulpeiro polo Centenario do seu Pasamento.
— O ciclo cultural Que non calen os eidos!.
— E mais a elaboración dun Roteiro Leiras Pulpeiro.
A primeira destas actividades desprega un nutrido feixe de eventos entre os que se contan diversas charlas sobre a vida e obra do autor, alén doutras de carácter lúdico e deportivo que han servir para lembradoiro deste persoeiro da cidade que tanto fixo pola cultura e a sociedade mindonienses. Se premedes na imaxe que figura acompañando estas liñas atoparedes cumprida conta do programa de actos, que se desenvolverán entre o 6 e o 8 deste mesmo xullo.
Os amantes do teatro que queiran regresar ás raíces das representacións verdadeiramente populares poderán gozar da peza As verbas do ramo, que representan alternativamente os grupos O Bordelo (de Cervo), Ardora (San Cibrao), O Batán (Cangas), Raiolas (Alfoz) e mais A Adala (Fazouro) dende o pasado xuño e ata setembro nas diferentes parroquias mindonienses, en locais públicos habilitados para a ocasión onde os nosos paisanos terán a oportunidade de achegarse á literatura dramática que deles naceu e que, deste xeito, regresa a eles, facendo da escrita e da cultura un ben próximo ás xentes, como sempre defendeu —¡e practicou!— o propio Leiras Pulpeiro. Tamén neste caso, se clicades na imaxe que ilustra estas liñas acharedes información precisa no blog do tamén mindoniense Marcos Candia.
Finalmente, a amentada Asociación Abrindo Camiño, axudada pola corporación local e a deputación provincial, elaborou un moi interesante roteiro de lugares emblemáticos da biobibliografía do poeta que coordinou o seu presidente, Luís Fernández Ansedes. Un convite para visitar Mondoñedo cunha ollada diferente, que ten como guieiro os socalcos vitais dun dos nosos máis eximios escritores. Outra volta, se premedes nas imaxes deste e do seguinte parágrafo, poderedes contemplar, ampliado, o exemplar dixital dun dos dez mil dípticos impresos para a ocasión, inmellorable escusa para viaxar e coñecer unha das cidades máis fermosas de toda a Galicia norte.
Cónstanos que están a se preparar máis actividades en memoria de Leiras Pulpeiro dende Mondoñedo. Delas iremos dando oportuna conta segundo vaian materializándose. Mais non quero deixar pasar a ocasión de felicitar a todos os que, dende aquela pequena gran localidade, traballan a prol da cultura de noso, con medios moitas veces precarios, pero cunha ilusión e devoción admirables que encherían de orgullo ao propio Leiras Pulpeiro. Tal esforzo debería verse recompensado coa vosa participación. Se andades por Mondoñedo, polos seus arredores ou simplemente queredes saber o que alí agroma socioliterariamente falando, non deixedes de visitarnos, seredes máis que benvid@s.”
Cangas: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá
O
xoves 5 de xullo, na Capela do Hospital de Cangas, dentro da 29 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, realizaranse dous microespectáculos a partir dunha das Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá (publicadas en Laiovento). Un da actriz e performer María Roja, que conta coa colaboración no espazo sonoro de Berio Molina, e outro da actriz Paula Pier, con dirección e dramaturxia de Diana Mera.
Bertamiráns, Ames: presentación de Contrapicados, de Mariña Pérez Rei
Pilar Rodríguez, escollida presidenta da Federación de Libreiros de Galicia
“Tempada
de eleccións no sector do libro en Galicia. Pilar Rodríguez, da Libraría Padre Feijóo de Ourense, foi escollida Presidente da Federación de Libreiros de Galicia, tralas eleccións celebradas o sábado 30 de xuño. O vicepresidente será Xosé Antón Pedreira Mirás, da libraría compostelana Pedreira.” Vía Cultura Galega.
Sarria: entrega do XII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño e Roteiro literario a Lóuzara, o 7 e 8 de xullo
O sábado 7 de xullo, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria, terá lugar a entrega do XII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, organizado pola Asociación Cultural Ergueitos. No acto, xunto á autora premiada este ano, Cristina Ferreiro, participan Estevo Creus, Antía Otero, Francisco X. Fernández Naval e Xerardo Quintiá, coa colaboración da bailarina Amparo Novas e o músico Iván Ouro.
O domingo 8 de xullo terá lugar unha nova edición do Roteiro literario a Lóuzara, con saída ás 11:30 horas. Para inscribirse nel e ter máis información pódese contactar con María Casar (teléfono 678601550 e correo mariacasar@hotmail.com) ou con Xerardo Alvaredo (teléfono 677429225 e correo gerardoalvaredo@gmail.com).
Vigo: actividades destacadas do mércores 4 de xullo na Feira do Libro
Continúa
a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do mércores 4 de xullo son:
– Desde as 11:00 horas, durante todo o día, Antonio Piñeiro asinará exemplares da súa novela As fiandeiras, publicada en Galaxia.
– 19:30 h.: Agustín Fernández Paz asinará exemplares das súas obras.
– 20:00 h.: presentación de Dragal III. A fraternidade do dragón de Elena Gallego, publicado en Xerais. Intervirán, xunto á autora, Marcos Calveiro e Manuel Bragado.
– 21:00 h.: presentación de Atl , de Manuel Lourenzo González, publicado en Xerais, coa intervención de Manuel Bragado e o autor.

