Proposta de Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras 2013

Damos noticia desta iniciativa dun grupo de persoas que está recollendo apoios para presentar perante a Real Academia Galega a proposta de que o Día das Letras Galegas de 2013 lle sexa dedicado a Roberto Vidal Bolaño.

Pódese mostrar a adhesión a través dos correos: antondobao@telefonica.net e robertovidalbolanho@gmail.com.

A seguir a exposición de motivos elaborada polos/as promotores/as da iniciativa:

Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas cumpriu 50 anos. Felicidades. Medio século ben empregado e sen facer moito teatro. Os tempos deberían ser chegados para ese xénero que segue sendo literario. Cincuenta anos pasaron polo Día e trinta polo teatro galego e a súa profesionalización. É tempo suficiente para ter comprobado a importancia do teatro na cultura galega e tempo suficiente para valorar como contribuíu a escena galega á revitalización da lingua e a darlle un uso actual, contemporáneo e habitable.
Cincuenta anos despois do Día e trinta anos despois da romería chegamos a 2013 e damos coa cifra, tráxica en calquera caso, dos 11 anos da morte, que non desaparición, de Roberto Vidal Bolaño. Igual cadran as contas porque para falar de literatura, de teatro e de lingua non hai exemplo mellor que Vidal Bolaño: practicou a lingua e o teatro, o teatro da lingua, a lingua do teatro con toda a contundencia que lle foi dado e, algunhas veces, moito máis. As súas necrolóxicas de hai máis dunha década xa o sentenciaron como o máis importante autor galego de teatro e, once anos despois, a súa obra non deixou de medrar. Unha obra que comeza cos símbolos e acaba na realidade, nun proceso de interpretación dese lugar onde o mundo se chama Galicia que poucos autores, de teatro, narrativa ou poesía, poden igualar. Ese é o camiño que vai de
Bailadela da morte ditosa a Rastros.
Hai motivos. Moitos. Un por cada espectador que RVB levou ao teatro no pasado e outro por cada espectador que levará no futuro. Pero hai outro fundamental que garda relación intensa co prexuízo de que é ou que deixa de ser literatura. Se colocamos nunha ringleira a obra toda de RVB:
Laudamuco, Bailadela, Saxo Tenor, Días sen gloria, Anxeliños, Animaliños, Criaturas, Rastros, As actas escuras, por exemplo, ¿hai moitas obras comparables? Escribir teatro tamén é de escritores.
Aínda habería máis porque RVB foi unha figura da escena e, polo tanto, foi actor e director, pero foi actor de televisión e de cine e esas circunstancias implican unha biografía pública próxima aos espectadores, unha biografía con moitos atractivos e cun obxectivo que aínda hoxe resulta útil ou, quizais, sexa hoxe máis útil que nunca: explicarnos para ben e para mal como é o mundo visto desde o teatro de aquí. Como é o mundo desde Galicia. Polo tanto.

Bases do 12º Premio Novela por entregas. Relatos de verán de La Voz de Galicia

BASES

1.- La Voz de Galicia, S.A. e Canal Voz, S.L. convocan un concurso para elixir a novela por entregas que se publicará durante o mes de agosto do 2012 na edición impresa de La Voz de Galicia e na súa páxina web.
2.- Poderán participar todas as persoas que presenten unha novela inédita e que non opte a outros concursos, escrita en idioma galego e que responda ás seguintes características:
· Deberá constar de 31 capítulos destinados á súa publicación diaria ao longo de todo o mes de agosto do 2012.
· Cada capítulo terá exactamente a mesma extensión, que se fixa en 3.500 caracteres, con espazos incluídos.
3.- As obras presentaranse en catro copias, impresas a dobre espazo e por unha soa cara. Ademáis, requírese o envío dunha copia do escrito en versión PDF grabado nun CD. Os orixinais faranse chegar a 12.º Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono Industrial de Sabón (15142) Arteixo (A Coruña) polo sistema de plica cerrada, introducindo nela os datos do autor que permitan poñerse en contacto con el no caso de resultar finalista ou gañador. Os orixinais que non sexan reclamados no prazo dun mes a contar desde o momento do fallo serán destruídos.
4.- O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto deica o 15 de xuño do 2012, incluido.
5.- O xurado, designado pola organización do premio, darase a coñecer conxuntamente co seu fallo, que será inapelable e que se fará público antes do 25 de xullo do 2012 no xornal e na páxina web.
6.- Establécese un único premio, que estará dotado con 6.000 euros, cantidade que estará suxeita á normativa do IRPF e, en particular, á retención que legalmente corresponda a conta do devandito imposto. O premio levará aparellada a publicación da novela nas páxinas de La Voz de Galicia ao longo dos 31 días do mes de agosto do 2012 e, simultáneamente, a súa aparición na páxina web. Establécese tamén como pago dos dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora para o caso de que sexa La Voz de Galicia quen a publique en formato libro dentro do ano 2012. Noutro caso, o autor quedará facultado para negociar a edición libremente.
7.- Os participantes responsabilízanse da autoría real e orixinalidade da novela, así coma dos seus contidos, que non poderán ser ilícitos, ofensivos ou discriminatorios, nin lesionar bens ou dereitos de terceiros. O feito de participar no premio implica a cesión non exclusiva polo autor premiado a La Voz de Galicia, S.A. dos dereitos de explotación sobre a novela, incluindo os dereitos de reproducción, recopilación en libro, transformación, distribución e comunicación pública, para todo o mundo, polo máximo prazo de tempo que recoñece a lei aos titulares dos dereitos e por calquera medio ou soporte. Así mesmo, o autor premiado cede en exclusiva a La Voz de Galicia, S.A. os dereitos de edición da obra durante o ano 2012, nos termos indicados no apartado 6º.
8.- Os datos remitidos polos autores conservaranse nas plicas cerradas ata o fallo do premio e, unha vez fallado, incorporaranse ás bases de datos de La Voz de Galicia, S.A. Ao participar, os autores consenten expresamente que La Voz de Galicia, S.A. trate os seus datos para xestionar o premio e ofrecerlles periodicamente información sobre os seus produtos, actividades, servizos e accións, aínda logo de finalizada a actuación. Igualmente, o consentimento outorgado considérase prestado para ceder os seus datos a outras empresas do Grupo ao que pertence La Voz de Galicia, S.A. relacionadas cos sectores editorial, de medios de comunicación e investigación de mercados, mercadotecnia e opinión, que pode atopar referenciadas na web, co fin de informar dos seus produtos ou servizos e facer ofertas comerciais. Os autores poderán en calquera momento oporse, acceder, cancelar e rectificar os seus datos ou oporse ao seu tratamento con fins promocionais a través do e-mail lopd@lavoz.es ou dirixíndose á dirección indicada no apartado 3, acreditando debidamente a súa personalidade.
O nome e imaxe do gañador e dos finalistas poderá ser obxecto de comunicación pública nas actuacións que poida levar a cabo La Voz de Galicia, S.A., sempre que a comunicación pública estea relacionada coa súa participación no concurso.
9.- A participación nesta convocatoria implica a total aceptación das súas bases. Os organizadores do concurso resérvanse o dereito de interpretalas ante calquera dúbida que puidese xurdir.

Samuel L. París: “O humor é mellor que a coherencia, o compromiso, a evasión e o lambeconismo”

Entrevista a Samuel L. París en Letra en Obras:
“Fago un esforzo para imaxinar como puido parir Samuel L. Paris (Muros, 1984) este seu libro de poemas que leva por título Inflamable (Edicións Positivas, 2012). Venme á mente a imaxe dun poeta pechado nun piso de corenta metros cadrados que en vez dunha pluma, unha máquina de escribir ou un computador emprega unha thermomix para compoñer os versos. Tamén vexo ciscado polo chan da cociña a Gran Enciclopedia Galega, coleccións enteiras de poesía, os xornais de maior tiraxe do país e gasolina, moitas latas de gasolina. Da banda sonora ben pode encargarse Sepultura ou mesmo Terbutalina. (…)”

A pexa do sexismo

Reportaxe en El País:
“(…) Houbo, desde o principio, voces disidentes. A mediados do século XIX, a mera presenza de sinaturas femininas na literatura “ataca os alicerces do dominante poder masculino que se baseaba na súa ocultación para garantir a súa hexemonía. Tíñano en común os sistemas literarios que nos rodean (castelán, francés, portugués…); mais nós temos unha singularidade que nos sitúa na vangarda da creación literaria, política e feminista de todo o XIX occidental: Rosalía de Castro”, salienta a profesora Celia Armas. Pero non só Rosalía. Nese tempo tamén publicaron, en castelán, outras mulleres concienciadas coma Filomena Dato, Sofía Casanova, Maria Vinyals ou Maria Barbeito, reivindicadas pola profesora Aurora Marco.
A invisibilización das mulleres continuou, malia todo, no discurso dominante. “A muller quedou apartada, como suxeito, dos debates intelectuais do galeguismo levada a cabo polos homes das Irmandades e os homes de Nós. Nese momento créase un imaxinario potente, debido ao seu carácter fundacional: a mitificación da muller-Nai, a utilización masculinizada do celtismo, etc. É posíbel atopar algunha representación alternativa, moi condicionada polos modelos realistas que seguían a visibilizar un modelo de muller oprimida. A vítima pasiva da emigración de Castelao ou Dieste nos seus relatos, ou a Marquesiña, de Castelao, poderían ser exemplos”, reflexiona a profesora María Xesús Nogueira. (…)”.

Pedro Feijoo: “A finalidade desta novela é abrirnos de novo á nosa propia historia”

Entrevista a Pedro Feijoo en Tempo de Lecer Ourense:
“Pedro Feijóo (Vigo, 1975) foi baixista dos grupos Los Feliz e Lamatumbá e o seu primeiro contacto co mundo da literatura foi no ano 1997, aínda que daquela dáballe ao ensaio. Agora, o músico e escritor vén de publicar a súa primeira novela, unha obra titulada Os fillos do mar e que está a ter unha moi boa aceptación entre o público. Falamos con Pedro Feijóo sobre este libro e sobre o seu protagonista, un arquitecto chamado Simón Varela ao que o seu autor define como “un personaxe entrañable, un valente despistado, un amante abandonado, unha persoa normal e corrente á que de verdade me gustaría atopar pola rúa para darlle a aperta que se merece”. Falamos tamén con el da trama e do lugar no que esta se desenvolve, Vigo, “unha cidade chea de historias por contar”. (…)”

O profesor Juan José Moralejo faleceu en Santiago

“En setembro do pasado ano, Juan José Moralejo Álvarez era homenaxeado pola Universidade de Santiago no seu setenta aniversario. Pouco máis duraría o que fora catedrático de Filoloxía Grega nas súas aulas e membro dunha saga que deu á institución educativa compostelá nomes como o de seu pai Abelardo ou seu irmán Serafín, experto no Pórtico da Gloria finado tamén en 2011. Moralejo é autor dunha ampla obra na que visitou a investigación en linguas clásicas, obras sobre lingua galega e outras nas que deita ironía sobre a súa outra paixón, a pesca. Entre os títulos da súa biografía, alén de traballos especializados, sobrancea a tradución para o galego da Política de Aristóteles e títulos como A lingua galega hoxe ou A lingua e os seus problemas. Da súa afeizón á pesca naceu As troitas, miñas señoras, publicado por Galaxia con limiar de Carlos Casares e epílogo de Álvaro Cunqueiro. Coñecedor de ríos e dos segredos das troitas, o libro responde, segundo Casares, ao “saber antigo, vello de moitos séculos, que se resiste a desaparecer e reclama, con dereito e con razón, un lugar no mundo”. (…)” Vía Sermos Galiza.

Ribeira: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O martes 29 de maio, ás 20:30 horas, na Aula Multimedia (baixo da Confraría) de Ribeira, a Asociación Altofalante e Barbantia presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, publicado pola AS-PG. No acto, xunto ao autor, participa Xesús Laiño.

De Navia ata o Brasil: o mapa do idioma segundo Paz-Andrade

Artigo en Dioivo:
“”O mapa do idioma de Camões e Rosalía exténdese a catro continentes. É a terceira en importancia entre as linguas neo-latinas. Despois do inglés e do castelán, é a falada por maior número de persoas no hemisferio austral. Pero os datos reveladores da expansión que alcanzou palidecen ante os que permiten deducir o desenvolvemento futuro do mesmo fenómeno. Abonda ter presente o índice de acelerado crecemento demográfico e económico de Brasil, e valorar o seu porvir como potencia mundial, para comprender que un auxe paralelo experimentará o censo dos que falan o idioma galego-portugués en América. E non só o censo directo. Imperativos de orde económica e cultural abriranlle cada día maiores cauces para o intercambio, nos países anglosaxóns. Ten, por tanto, brillantemente asegurado o seu destino entre os grandes idiomas atlánticos”. Son palabras de Valentín Paz-Andrade, recollidas no seu libro Galicia como tarea (1959). O homenaxeado neste 17 de maio concibía o galego e o portugués como dúas variantes dunha mesma lingua.
As citas son claras, ao respecto, na súa obra ensaística. En La marginación de Galicia, (1970), que amplía e complementa as reflexións de Galicia como tarea, asegura que “se quixeramos poñer lindes ao territorio lingüístico, básicamente uniforme, do galego-portugués, teriamos que situar o do Norte en Navia e o do Oeste en Corumbá, co Atlántico polo medio”. Por iso, pregunta máis adiante no mesmo texto, “O galego debe manter unha línea autónoma na súa evolución como idioma, ou debe ter a máis estreita similaridade coa lingua falada, e sobre todo escrita, de Portugal e de Brasil?”. (…)”