Barcelona: conferencia de Miguel Anxo Seixas sobre Valentín Paz Andrade

O xoves 10 de maio, ás 19:30 horas, na Sala del Professorat, 5º andar da Facultat de Filologia Universitat de Barcelona (Rúa Aribau, 2), Miguel Anxo Seixas Seoane pronunciará a conferencia Valentín Paz Andrade. Galicia labra a súa imaxe. O acto será presentado por Adolfo Sotelo. Crónica posterior no blogue de Estudis Gallecs i Portuguesos.

Vigo: mesa redonda A familia na literatura infantil e xuvenil

O venres 11 de maio, ás 16:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, terá lugar unha mesa de editores no marco das II Xornadas Internacionais de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, coa participación de Manuel Bragado, Xosé Ballesteros, Nati de la Puerta e Francisco Castro.

Carballo: maratón de lectura As letras en voces, o 17 de maio

O xoves 17 de maio, de 11:00 a 13:30 horas, no Xardín Municipal de Carballo, e dentro dos actos do Mes das Letras organizado polo Concello de Carballo, terá lugar unha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que cada participante le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o pontevedrés Valentín Paz-Andrade. Os interesados e interesadas en reservar horario poden facelo no teléfono 981-704300; no fax 981-704302 e no correo cultura@carballo.org. O maratón As letras en voces contará, así mesmo, coa apertura musical da Banda Tradicional de Gaitas, que dirixe Xesús Moreira, e coa actuación das corais Riveiras do Anllóns e o coro da Asociación COEI.

O Grove: presentación de A Torre das Lavercas, de Daniel Ameixeiro

O venres 11 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei (Monte da Vila, 11) do Grove, preséntase o libro A Torre das Lavercas, de Daniel Ameixeiro, publicado en Xerais. O acto está coorganizado pola Casa da Cultura do Grove e a propia editora.

Santiago: presentación de Canto do pobo disperso, poemario inédito de Valentín Paz Andrade

O Consello da Cultura Galega presentará o xoves 10 de maio, ás 12:00 horas, na Biblioteca da institución, preséntase o poemario Canto do pobo disperso, transcrición e facsímile dun inédito de Valentín Paz Andrade, publicado polo propio Consello da Cultura, que contribúe así á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación dunha peza senlleira da figura homenaxeada. A edición estivo ao coidado de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, e autora do estudo introdutorio. Na rolda de prensa intervirán Ramón Villares, Rosario Álvarez e Alfonso Paz-Andrade.

Os escolares escollen os mellores libros nos premios Frei Martín Sarmiento

“Entregáronse os Premios Frei Martín Sarmiento nas tres categorías de educación primaria. As obras gañadoras foron: As espiñas do porco espiño, de Abraham Carreiro, publicado en A Nosa Terra, no primeiro ciclo; Xoa, de Antonio Yáñez Casal, publicada en Xerais, no segundo ciclo; e A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, publicada tamén en Xerais, no terceiro ciclo.” Vía Fervenzas Literarias.

Vigo: presentación de Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas

O xoves 10 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o novo poemario de Daniel Costas Infancia de vacas mortas, publicado por Barbantesa. No acto, xunto ao autor, intervirá Marta Dacosta.

Xosé María Álvarez Cáccamo: “A Igrexa segue a recorrer aos atributos malignos do Deus do Antigo Testamento para xustificarse”

Entrevista a Xosé María Álvarez Cáccamo en Dioivo:
“(…) Xosé María Álvarez Cáccamo opón (…) no seu último libro, A Boca da Galerna. Luz da materia contra o invento de Deus, a ciencia e a razón contra a superstición. A obra inaugura, xunto con Ruínas ao despertar de Manuel Vilariño, a colección Spiralia de Espiral Maior que, a través da edición bilingüe, trata de achegar as poéticas existentes nas distintas linguas do Estado español ao espazo iberoamericano. “A colección continúa o camiño iniciado con El otro medio siglo. Antología incompleta de poesía iberoamericana, explica o responsable de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán-Vello. “Ese libro recollía poesía galega, catalá, vasca, portuguesa, brasileira, e castelá, española e americana. A partir dese proxecto, o obxectivo é proxectar no exterior a poesía galega, con edicións bilingües con traducións ao castelán. A idea é, así, tentar actuar nun mercado externo, máis amplo, ao lado das outras linguas peninsulares. E tamén ensanchar o espectro da edición e a distribución de poesía no Estado, pois son unhas poucas empresas as que dominan todo o mercado”, explica. Deste xeito, -engade-, “nunha época de crise económica e cultural, Espiral tenta abrir novos espazos, ir máis alá, romper certo muro e crear unha nova corrente que ilumine algo o panorama. Porque tamén hai certo enclaustramento no mundo da literatura que non é bo”. A Boca da Galerna retrata un Deus extremadamente violento e vingativo, que lembra o do Antigo Testamento. “Non estou a falar só do Deus católico, senón de todos os Deuses. Só que, no caso da relixión católica, a Igrexa segue a recorrer a eses atributos malignos do Deus do Antigo Testamento para xustificar os seus puntos de vista. Esa imaxe de Deus non foi revisada”, asegura Álvarez Cáccamo. (…)”