O mércores 11 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), comezan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Arte e a Literatura, onde participan como relatores Miguelanxo Prado e Xavier Seoane. No acto intervirán, previamente, Ana María Fernández Gómez, concelleira de Cultura, e o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Vigo: presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas
O
mércores 11 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas (Avenida Martínez Garrido, 21), de Vigo, Xosé Neira Vilas presenta a súa nova novela, Esperando o leiteiro, publicada por Galaxia. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes e Isaura Abelairas. No acto a actriz Uxía Blanco realizará a lectura dalgúns fragmentos da obra.
Crónica posterior en Galaxia.
Marcelino Fernández Mallo: “As palabras caen en terra seca, é tempo de pasar á acción”
Entrevista
a Marcelino Fernández Mallo en Dioivo:
“Marcelino Fernández Mallo acaba de presentar a súa nova novela, Pallarega (Toxosoutos). Froito de sete anos de traballo, a obra acompaña o proceso de superación e desenvolvemento persoal de Nicolás, un rapaz criado no franquismo que, coma moitos outros membros da súa xeración, tira para adiante sendo quen de manter a súa autonomía de criterio por enriba da propaganda ideolóxica oficial. Non é un heroe, senón máis ben un supervivente, que non se cuestiona moito sobre a xustiza dos réximes ditatoriais cos que convive. Coma tantos outros. (…)
– Dioivo (D): Dalgún xeito o libro é unha homenaxe a unha xeración, dis, “admirable”, criada na ditadura e capaz de loitar, resistir, ir alén da submisión e a ignorancia na que querían confinalos. Podes explicar un pouco máis isto?
– Marcelino Fernández Mallo (MFM): Para os galegos nacidos nos anos 20 e 30, o mínimo nivel de educación foilles un ben de luxo. Ademais de medrar nunha contorna de carencias enormes, foron sometidos a un ambiente de represión xa non física, senón sobre todo espiritual, emocional e intelectual, malia o cal souberon conservar o seu talento innato e mesmo prepararse inconscientemente para a transformación que haberían experimentar no ocaso das súas vidas. Por todo isto, coido que son unha xeración a reivindicar e a recoñecer.
– D: Unha das cuestións que aparecen no libro é a lingüística: a relación de Nicolás coa súa propia lingua e cultura. Por onde querías levar a reflexión, nun tempo, o actual, de ataques a ambas?
– MFM: A lingua é parte dun ser. Nesa lingua expresa as súas ideas, sentimentos e intencións. Nicolás ten conciencia deste feito e utiliza a lingua coma un instrumento. Vai a Madrid é emprega o galego para manter a ligazón coas súas orixes, pero tamén como método para transmitir inocencia, por exemplo, cando é necesario. En Cuba, mantén o uso da lingua para adquirir unha posición de dominio en determinados espazos, como pode ser a bodega. A importancia da lingua como elemento de idiosincrasia e diferenza é incuestionable malia os intentos actuais de banalización por parte dalgunhas poderosas organizacións e colectivos. (…)”
Santiago: recital Picaversos sobre os Adictos
O
martes 10 de abril, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Adictos, coa participación de Gonzalo Hermo, Maite Dono e O Leo i Arremecághona.
Vigo: mesa redonda sobre Valentín Paz Andrade
O
martes 10 de abril, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, terá lugar unha mesa redonda sobre Valentín Paz Andrade, que, coa presentación e coordinación de Miguel Anxo Seixas Seoane, reunirá a Tucho Calvo, Xan Carballa e Charo Portela. Crónica posterior en Galaxia e no blogue de Ramón Nicolás.
O retorno ao recital
“Recitais en bares. Duascentas persoas reunidas para escoitar versos. Xente que paga unha entrada de dous euros para ver lecturas en voz alta. Nos últimos anos, unha vaga de propostas arredor da práctica de recitar poesía están a conseguir un importante seguimento social e preséntanse como un xeito cada vez con maior aceptación para se achegar a este xénero. (…)
Encol do éxito destas propostas, as súas promotoras apuntan a relativa facilidade da poesía para chegar ao público a través da oralidade. “Teño unha fonda fe no recitado poético como feito literario en si mesmo. A poesía ten unha capacidade oral e un carácter escénico que a diferenza doutros xéneros”, lembra Yolanda Castaño. “A lectura pública permítelle á xente descubrir un xeito máis directo e emocionante de se achegar á literatura”. No entanto, todas recoñecen que o fenómeno non é novo, e lembran a multiplicidade de recitais que existían no noso país durante os anos 90. “Daquela houbera un auxe moi grande que logo caeu. Dáse un certo movemento pendular que tamén vai por focos xeográficos, naquel momento era Santiago o que concentraba a maior parte das iniciativas”, lembra Castaño. Lado, pola súa banda, apunta que en xeral “está a se dar unha recuperación bastante grande dos recitais, logo do tremendo baixón que houbo. Hai moitas iniciativas e semella que a xente ten dentro a ansia de ver e de facer cousas”. Cociña, pola súa banda, coincide en que “antes había moitas máis iniciativas deste tipo, en Compostela mesmo se chegaba a dar contraprogramación. Agora si que é certo que se está a voltar un pouco ao recitado”. Encol da aceptación do público, apunta que “aínda que escoitar esixe concentración e estamos hiperestimulados, atopamos moita xente que, sen ter contacto previo coa poesía, descobren que lles gusta e repiten”.”
Antón Riveiro Coello: “Non abonda dicir o pasado, hai que tentar comprendelo”
“O
escritor Xesús Fraga entrevista nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia, ao autor de Laura no deserto, Antón Riveiro Coello. Na mesma, desgránanse polo miúdo algúns aspectos desta novela de exilio e segredos familiares. Podes baixar a conversa completa, en formato PDF aquí.” Vía Galaxia.
Estaleiro Editora: “Buscamos novas vías de achegarnos ao público”
Entrevista
a Estaleiro Editora en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): Como presentarías Estaleiro aos que non a coñezan?
– Estaleiro (E): Estaleiro é unha iniciativa de edición independente que procura editar dentro do sistema literario galego, empregando a norma que escolla cada autor. Procuramos así dar voz a quen normalmente non podería publicar nas vías tradicionais.
– D: Cal é a vosa dinámica de funcionamento?
– E: Temos uns estatutos que nos definen como organismo asembleario. Unha vez ao ano facemos unha escolma dos libros que queremos publicar para esa tempada. Dependendo das forzas na organización e da calidade da obra, tentamos publicar o que poidamos. Logo a corrección, maquetación e todo o traballo faino xente de Estaleiro. Votamos para cada libro e dependendo da vontade xeral, editamos os que poidamos. (…)
– D: Publicades traduccións como Cartas do cárcere, de Antonio Gramsci. Son necesarias máis traduccións ou considerades saturada a oferta neste terreo?
– E: É cuestión de buscar a necesidade. Depende da permanencia da traducción tanto no eido español ou no portugués. No caso das Cartas, Laiovento saiu cunha versión das outras cartas. As que publicamos nós eran unha escolma que ao non seren publicadas por outros, decidimos darlles saída nós. Creo desde o punto de vista literario, que a traducción é moi necesaria. Isto fai que o galego asuma retos lingüísticos e dálle unha vitalidade nova. Cos textos teóricos, non sei se ten esa función tan vitalista como na ficción. Vexo ben as traducións e logo hai que ver se pode funcionar economicamente. (…)”
Andrés Torres Queiruga ve “mal orientado” o “toque” que lle deron e que o galego na Igrexa retrocede
Entrevista
en Galicia Hoxe a Andrés Torres Queiruga:
“O teólogo Andrés Torres Queiruga defendeu que a súa teoloxía é “tremendamente ortodoxa e moderada” e manifestou que o “toque” que lle deron “vai mal orientado” porque “o grupo que elaborou o documento non entendeu” a súa obra. (…)
Por outra banda, preguntado polo emprego do galego no seo da Igrexa, Torres Queiruga comentou que “houbo un retroceso” e afirmou que “non hai unha situación normalizada”. “Hoxe a Igrexa está por detrás da universidade e do mundo oficial, é unha pena porque a Igrexa por natureza, por vocación e por presenza é das institucións máis populares en Galicia, pero non está a ser suficientemente fiel a esta vocación”, lamentou. (…) “Unha Igrexa que non se obedece a si mesma non pode pensar que a van obedecer os demais. O Concilio Pastoral instou a que había que aumentar moito e con intensidade a presenza do galego na liturxia e na vida da Igrexa e iso non se cumpre”, concluíu.”
Gondomar: Anabel Alonso participa no Clube de lectura Sete Vidas
O
martes 10 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova edición do Clube de Lectura Sete vidas, que xirará arredor da novela Café só, publicada en Morgante, contando coa presenza da súa autora, Anabel Alonso.
