Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación de 2044, de Eduardo Santiago
Do
domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.
– O martes 20 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntase a novela 2044, de Eduardo Santiago, publicada en Galaxia. No acto participa, xunto ao autor, Francisco Castro.
Fran Alonso: “Cando protagonizas os cambios saes beneficiado, cando te deixas levar por eles, arrástrante”
Entrevista
a Fran Alonso en Praza:
“(…) – Praza (P): Como é o teu proceso de traballo? Es un autor de multitarefa ou agardas a rematar un proxecto para meterte noutro?
– Fran Alonso (FA): Teño a particularidade de que moitas veces traballo á vez en varios libros, que avanzan en paralelo. Quizais é un pouco esquizofrénica a miña forma de traballar. Algúns proxectos crecen e fanse máis extensos e outros fanse máis pequenos e nese sentido Ninguén foi un libro que foi medrando e que tivo un proceso creativo de case dez anos, foi collendo cada vez máis forza até que nun momento algo che di que o libro xa está listo para engordar definitivamente. Pero debe ser a primeira vez que se me acumulan tantos libros como pasou agora, porque mesmo teño algún outro aínda inédito, que está agardando resposta dalgunha editorial ou está esperando a ser publicado. (…)
– P: Como están reaccionando as editoras aos cambios tecnolóxicos e de hábitos que se veñen producindo nesa industria?
– FA: Todo está relacionado. Esta crise prodúcese porque hai unhas novas tecnoloxías que permiten especular co diñeiro dunha maneira que non se podía facer antes. E para entender como solucionar esta crise e para entender o futuro, temos que entender as novas tecnoloxías. O mundo do libro está cambiando e vai cambiar de forma radical e só estamos asistindo ao comezo deste proceso. O ebook é unha realidade nova e para a industria editorial e para os propios autores trae incertezas. Temos que ser capaces de reaccionar e de adaptarnos ás novas circunstancias. Resistirse a isto sería como protestar porque o mundo cambia, sería como patalexar, non serviría de nada. Eu confío nas novas tecnoloxías, a ciencia e a técnica sempre nos axudou a crear un mundo mellor e máis xusto. Hai que afrontar ese cambios con protagonismo: cando ti protagonizas os cambios saes beneficiado, cando te deixas levar polos cambios, os cambios arrástrante. (…)”
A Coruña: coloquio dentro de CoruñaMayúscula
O
martes 20 de marzo, no Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, e dentro do programa CoruñaMayúscula, terá lugar, ás 19:30 horas, un coloquio entre Ángel de la Cruz e Juan Carlos Sanmiguel.
“A pegada de Eros”
Artigo en El País:
“Non hai en toda Europa outro poeta que, coma Martín Códax, conte dacabalo entre os séculos XII e XIII como unhas mozas se van bañar ao mar co seu “amigo”. Nin outro autor do tempo de Cunqueiro que poña a un fillo a meterlle a lingua na boca a súa nai, como en O incerto señor don Hamlet. Son só dous exemplos escollidos polo escritor Xosé Luís Méndez Ferrín para refutar a, ao seu ver, estendida lenda urbana sobre o cativo desenvolvemento da literatura erótica en galego. Un estereotipo cuxo obxectivo é, asegura, “o intento de presentar a nosa literatura como atrasada”. A etiqueta literatura erótica, reflexiona a escritora e profesora María do Cebreiro, puido ser “produtiva mediática e criticamente” a partir dos noventa. Iniciativas como os Contos eróticos de Xerais, o premio Narrativas Quentes de Positivas, o Illas Sisargas, o Máquina de Vapor ou o Ferve a Rede contribuíron a visibilizala. Mais calquera óptica sobre o tema bate co primeiro atranco da dificultade de delimitar o seu obxecto. “Non ten sentido ensaiar unha definición de literatura erótica que teña vixencia desde Platón a Yolanda Castaño”, advirte a autora dos poemas de (nós, as inadaptadas). Segundo o concepto de xénero erótico que se manexe, a súa presenza xúlgase de modo distinto. A profesora Dolores Vilavedra sinala n’A narrativa galega na fin de século o desenvolvemento serodio da novela erótica. Pero matiza que, vencido o “tabú”, xeneralízase a aparición de escenas de contido erótico. Convida, ademais, a non confundir literatura erótica coa que inclúe algunha descrición do acto sexual. O crítico Francisco Martínez conflúe con ela ao subliñar a demora do asentamento do xénero na narrativa. E propón como explicación a censura franquista. Porén, “a primeira novela erótico-sentimental galega, A modelo de Paco Asorei de Xoán Xesús González, foi publicada no 1933”, lembra. (…)”
“O libro infantil e xuvenil galego mantén o tipo”
A Coruña: conferencia Galiza no contexto mundial, por Artur Alonso Novelhe
O
martes 20 de marzo, ás 20:00 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11, A Coruña), Artur Alonso Novelhe falará, dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom, da A. C. O Facho, sobre Galiza no contexto mundial.
Convocadas as bases do III Certame Literario Voces da Terra
Os
Comités da Facultade de Filoloxía da USC, presentan a terceira edición do Certame de poesía e relato curto Voces da Terra. Este ano, co gallo do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o material editado para este certame literario presentará vinculación con dita temática. Coa convocatoria deste Certame pretendemos darlle voz a todas e todos aquelas novas/os escritores que utilizan o galego para expresar a través das letras e que, desgrazadamente, non teñen os medios necesarios para darse a coñecer en Galiza. Estas son as súas bases:
“– Idioma: Galego.
– Temática: libre.
– Idade: A partir de 16 anos:
– Modalidades:
– Poesía: composicións de extensión máxima 50 versos.
– Relato curto: extensión entre 1500 e 2500 palabras.
– Presentación: Cada participante poderá presentar un máximo de un traballo en cada modalidade (orixinais, non presentados a ningún outro certame literario pendente de resolución e inéditos).
As composicións entregaranse vía email indicando o título e a seguinte información persoal: nome, apelidos, idade, enderezo e teléfono de contacto. En ningún caso lle será facilitado aos membros do xurado. O traballo,en formato pdf, xunto aos datos anteriores serán enviados ao seguinte correo-e: filoloxia.usc@comitesabertos.org
– Prazo: do 15 de marzo ao 20 de abril.
– Premios: editaranse os dous primeiros premios de cada modalidade. Ademais, as e os gañadores recibirán diverso material da nosa organización. O xurado gárdase o dereito de declarar deserto algún dos premios se considera que os traballos recibidos non son da calidade suficiente.
– Xurado: estará composto por profesores universitarios de recoñecido prestixio.
– Fallo: Darase a coñecer nun acto especial de entrega de premios ao redor do 15 de maio de 2012.
– Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes.”
Leipzig, Alemaña: éxito da lectura de María Reimóndez na Feira do Libro
“Un
nutrido número de persoas astiron onte á lectura e debate ao redor da novela Pirata de María Reimóndez na Haus des Buches organizada polo Departamento de Tradución e Lingüística Aplicada e o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Leipzig. A autora foi presentada pola lectora de galego, Diana García Couso, e o catedrático de Lingüística Iberorrománica, o Prof. Dr. Carsten Sinner. Tras a lectura de varios fragmentos da obra en galego e alemán houbo un animado debate entre a autora e o público. María Reimóndez ficará en Leipzig ata o sábado e o venres impartirá unha conferencia como actividade final do curso intensivo de galego inicial que se está a realizar nestas datas, ao que asisten máis de corenta participantes. O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Leipzig e o seu correspondente lectorado naceron en outubro de 2010. Dende entón organizan actividades culturais de difusión relacionadas con Galicia e a lingua galega, ademais de encargarse da docencia de materias de lingua e cultura galegas, e tamén de tradución entre o galego e o alemán. Leipzig é o único lugar fóra de Galicia onde se pode estudar galego dentro da carreira de Tradución.
A autora atópase na cidade no marco da Feira do Libro de Leipzig, que é o evento literario máis importante de Alemaña despois da de Frankfurt. Esta feira conta cun programa que inclúe miles de actividades, tanto para o sector profesional como para a cidadanía ao redor do libro e da lectura. Este ano María Reimóndez é a única escritora galega presente na feira.” Vía Xerais.
Dolores Vilavedra: De memoria e memorias
Artigo
de Dolores Vilavedra en El País:
“(…) Mario Regueira ensaia en Outono aquí ese xénero escorregadío que é a novela curta. Mais tanto ten neste caso: a densidade da escrita tece moitos vimbios nun cesto de aparencia enganosamente modesta mais de contido ricaz. Temas aparentemente abstractos como a memoria ou a loita por atopar a propia identidade vertébranse de xeito fluído cunha trama ben enxebre, que mestura herdanzas, liortas veciñais e violencia; no trasfondo, a alienación por mor da desvertebración das formas tradicionais de vida, rurais ou urbanas. Personaxes anódinos, que pelexan por seren eles mesmos e que atopan, sobrevivindo no cotián, a súa grandeza. O comezo da novela, fortemente climático, sementa a inquedanza e permite xa intuír a potencia narrativa que o texto agocha. (…)
Volta Rexina Vega, demostrando aos escépticos que quere ser algo máis ca unha escritora ocasional. En Dark butterfly aposta por un rexistro ben distinto, aínda que seguimos a identificar a mesma vontade literaria, parello afán de atopar voz propia e singular no actual concerto narrativo. Vega asómase agora ao mundo da esquizofrenia, ensaia a escritura como terapia, como áncora de salvación, como botella ao mar. Optando polo collage de modelos discursivos como fórmula semiotizadora para a alienación da protagonista, Vega convídanos a unha viaxe cuxa fin podemos adiviñar mais non por iso menos impactante. Descenso aos infernos pautado por alustres de esperanza, con algunha concesión ao tópico (a absenta, o ambiente da escola de Artes e Oficios), o conxunto resulta desoladamente convincente. (…)”
