María Reimóndez: “Experimento co estilo”

Entrevista de Ramón Nicolás a María Reimóndez no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Coincide en que O club da calceta e Pirata únense por unha común preocupación pola identidade e polo papel da muller?
– María Reimóndez (MR): Creo máis ben que ambas as dúas se ocupan do poder. O club da calceta achégase ao poder no cotián e sobre todo ás formas de violencia sutil ás que nos enfrontamos as mulleres cada día dende un punto de vista optimista onde a unión na diversidade supera as dificultades. Pirata intérnase como ben di na identidade de xénero, de clase e de orientación sexual nunha viaxe pola Idade de Ouro da pirataría, pero nela hai tamén un cuestionamento da historia patriarcal e do papel que deixou, silandeiro, ás mulleres en xeral e ás lesbianas/bisexuais en particular.
– RN: E onde radicarían as diferenzas destas novelas?
– MR: As diferenzas destas dúas novelas creo que falan bastante das miñas inquedanzas como autora. Son unha persoa moi curiosa e gústame moito experimentar co estilo narrativo. Á parte das diferenzas obvias (unha é contemporánea, outra traslada un tema contemporáneo a outro tempo e lugar) creo que a diferenza central é a forma na que están escritas.
– RN: Igualmente escribe para xente máis nova, cal é súa experiencia neste ámbito?
– MR: Sen dúbida marabillosa. A literatura infantil é un espazo para falar de cousas importantes pero dun xeito diferente onde a imaxinación non ten fronteiras. Ademais, divírteme moito escribir para un colectivo tan esixente como entusiasta! (…)”.

Parlamento das Letras. Antonio Reigosa

Entrevista de Armando Requeixo a Antonio Reigosa, no blogue Criticalia:
“(…) – Criticalia (C): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Antonio Reigosa (AR): Sóbrannos prexuízos e fáltanos orgullo. Sóbrannos inimigos e fáltannos lectores e lectoras. Sóbranos marxinalidade e fáltanos visibilidade nos medios de comunicación, nas librerías e nas feiras do libro. Sóbrannos guetos e fáltanos recoñecemento social. Sóbrannos xestores culturais que militan no autoodio e fáltannos políticos cultos e orgullosos de xestionar a cultura do gran país que somos. (…)
– C: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AR: Máis alá do obviedade de que nunca antes a literatura galega tivo tantos e tan bos creadores e creadoras, cun sistema e cunha industria tan desenvolvida, tamén percibo que a calidade da lingua literaria perde comba. Seguramente é consecuencia da perda de calidade do galego como lingua de comunicación oral, tamén pode ser debido a certas présas por encher mercado… Preocúpame esa rebaixa de nivel do galego literario. (…)”.

María Xosé Queizán: “Meu pai vaite matar xurdiu dunha viaxe a Tierra de Fuego”

“A edición compostelana de La Voz de Galicia publica unha declaracións de María Xosé Queizán sobre a súa última novela, Meu pai vaite matar. A escritora aclara que «esta novela xorde dunha viaxe –da que poñerei imaxes na presentación– que fixen hai máis dun ano a Tierra de Fuego». Alí coñeceu un penal militar onde levaban aos criminais máis terribles, convertido agora en museo, que a deixou fascinada. María Xosé explica que a novela transita entre Galicia e a Arxentina, «reflectindo a través dos personaxes e acontecementos cousas, frases e pensamentos moi serios». A autora di que non ten nada de biográfica. «Eu –engade– quero divertirme ao mesmo tempo que escribo e sacar seres relucentes que non teñen nada que ver comigo».” Vía Xerais.

Entrevista con Rexina Vega no Diario Cultural

“O Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista con Rexina Vega sobre a súa última novela, Dark butterfly. «Interésame o feito de que o enfermo mental se agarre á linguaxe para non perderse», asegura Rexina Vega. A entrevista, en mp3, pode escoitarse ou descargarse aquí.” Vía Xerais.

Vigo: Poxa de Poetas

“Os creadores dos famosos recitais-combate da Hostia en Verso teñen “un estado na cabesa” e están xa imprimindo a súa propia moeda: os poetrodólares. Con ela poderedes mercar este sábado as almas das poetas Ledicia Costas, Lucía Aldao e Nolim González, nunha poxa que dirixirá María Lado e que se celebrará no Bar Hipólito (Avda. de de Castrelos, 26) de Vigo ás 22:00 horas. A entrada non só é de balde, senón que aínda os asistentes recibirán un sobre con pasta (os tales poetrodólares) para poder mercar a/o poeta que máis encha o ollo. E aqueles máis afoutos que consigan gañar a subasta levarán a almiña metida nun precioso obxecto poético deseñado por unha artista de excelencia. Todo isto estará amenizado polo desalmado músico Mig Seoane e conta coas mellores calificacións de Lehman Brothers e o Banco Europeo de Inversións. Todo un choio, vaia.”

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, coloquio sobre Lugares Máxicos

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 12 de marzo, ás 19:30 horas, no Salón de Actos do Pazo, terá lugar un coloquio sobre o tema Lugares Máxicos. Participan Vítor Vaqueiro e Antonio Reigosa, coa moderación de Calros Solla.

Kristina Berg: “Carlos atendía máis á cultura galega que ao seu labor literario”

Entrevista a Kristina Berg, viúva de Carlos Casares, en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Alén a faciana literaria, Casares representou sempre un papel conciliador na Galicia do cambio de século. ¿Está de acordo?
– Kristina Berg (KB): Si, o seu falecemento, que foi unha sorpresa porque se coidaba moito e non tiña ningunha enfermidade, impediu que culminase algúns proxectos. Por iso nós, dende a Fundación, pensamos que tiñamos que seguir o seu traballo. Eu moitas veces pensei que Carlos se dedicaba máis ao traballo pola cultura galega e por tender pontes entre diferentes posturas que ao seu labor literario. (…)
– LVG: ¿Está publicado todo o material literario de Casares?
– KB: A fundación está catalogando todo. Se hai cousas inéditas non o sei, é posible. Carlos era moi autocrítico e traballaba moito os seus textos. Para rematar un folio, escribía dez ou vinte. Se houbese algo inédito é moi posible que el non quixera editalo. (…)”.