A Coruña: obradoiro Todo nada poesía, dirixido por Antía Otero

Todos os mércores, de 18:00 a 20:00 horas, a partir do 2 de febreiro, e até o mes de abril, na Librería Cascanueces (Rúa Cordonería, 10, baixo) da Coruña, terá lugar o obradoiro Todo nada poesía, dirixido por Antía Otero. Este obradoiro de creación literaria/artística trata de achegar aos participantes ao entramando poético dende unha visión actual e contemporánea. No proceso aportaranse chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora da cotidianidade, do inmediato, do pequeno… facendo pé na grandeza do poético. Para matricularse e ter máis información, pódese chamar ao teléfono da Librería, 881887939, ou no correo eltallerdelcascanueces@zaerasilvar.es

A Coruña: presentación de O soldadiño de chumbo

O domingo 29 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Biblioteca do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n), preséntase o libro O soldadiño de chumbo, de Hans Christian Andersen, adaptado por Xavier Senín, e publicado en Galaxia. No acto, onde se proxectará igualmente a curta que acompaña a publicación, intervirán Virginia Curiá, Cristina Ameijeiras e Francisco Castro.

Arteixo: recital poético-musical de Versus, coa participación de Óscar de Souto

O sábado 28 de xaneiro, a partir das 22:00 horas, no Café de Fábula (Rúa Uxío Carré, 17 -Praza do Balneario-) de Arteixo, terá lugar un recital poético musical, coa actuación en primicia de Versus, palabra e guitarra a cargo de Antón Borrazás e Miguel Queipo, e a colaboración, entre outros poetas, Óscar de Souto, que aproveitará para presentar poemas inéditos do seu último traballo literario Laios d´alma.

Vigo: manifesto sobre o feche do Arquivo Pacheco

A TODA A CIDADANÍA

Diante do feche do ARQUIVO PACHECO por parte da Concellaría de Cultura de Vigo, feito acontecido o pasado dia 31 de decembro de 2011, desexamos manifestar:

1. Prodúcese, máis unha vez, a clausura do ARQUIVO PACHECO dependendo dun cambio de goberno municipal. Dita actitude priva ao pobo de Vigo da utilización do arquivo, ficando, desta maneira, conxelados proxectos que van desde o simple lecer á investigación académica.

2. Execútase o feche despois do período probabelmente máis frutífero de traballo do Arquivo. Por primeira vez desde a súa adquisición, o ARQUIVO PACHECO estaba sendo conducido por un grupo humano que procedía do mundo da fotografía e posuía un proxecto integral e coherente para o legado. As persoas que ali traballaban posúen titulacións de especialistas, licenciadas e doutoras en imaxe, mesmo con teses de doutoramento realizadas sobre o ARQUIVO PACHECO, e teñen artigos da súa autoria aparecidos en revistas galegas e internacionais, así como libros publicados en editoriais de rango europeo, con todo o que iso supón de proxección internacional do nome de Pacheco e da cidade de Vigo. Entre todas as persoas arbitrariamente despedidas, contabilízase, a dia de hoxe, unha experiencia consolidada de 80 (oitenta) anos dedicados á práctica, o estudo, a análise e a docencia, mesmo no seu nivel universitario, da fotografía.

3.  Algúns datos, sen desexo de exhaustividade, axudarán á comprensión do traballo realizado: publicación de tres Axendas fotográficas e 2 libros de grande calidade sobre a figura de Pacheco; inauguración de tres exposicións monográficas; convocatoria, por primeira vez, do Premio Pacheco de fotografía, compromiso adquirido hai 21 anos polo Concello vigués que só até a chegada do equipo sinalado se cumpriu; ordenación, limpeza e clasificación de case 60.000 fotografías que se achaban desordenadas; confección de bases de datos e introdución, catalogación e documentación nelas de 25.000 fotografías; asesoramento na realización de traballos de pesquisa universitaria, de investigación sobre os arrabaldes e parroquias viguesas feitos por Asociacións de Veciños e Culturais; asistencia a empresas do ámbito privado ou de apoio a institucións públicas, constituíndo un total de 100 proxectos, así como visitas a particulares para recoller fotografía viguesa do século XIX, doada xenerosamente polos seus propietarios e articulación dunha rede estábel de informantes que enriquecían, desinteresadamente, o coñecemento sobre o pasado da cidade.

4. Perante a decisión da Concelleira de Cultura, decisión que pensamos só procede dunha actitude despreciativa frente a calquera obra realizada por outros; egoísta, porque non ten en conta o tesouro cultural que existe no ARQUIVO PACHECO nin a frustración humana de miles de persoas, e inconsciente, porque ignora o profundo dano que a docentes, movemento asociativo veciñal, investigadoras e investigadores e público en xeral causa, as persoas que asinamos este documento pedimos a toda a cidadania viguesa que reflicta nas causas da decisión tomada pola Concellaría de Cultura e se pregunte os verdadeiros motivos de expulsión do equipo talvez máis coherente e profisionalizado que, desde o ano 1991, traballou na mellor colección fotográfica de Vigo e de Galiza, a cal coñecemos polo nome de ARQUIVO PACHECO.

Vítor Vaqueiro
Isabel Llantada
Pilar Abades
Pablo Pardo

As persoas interesadas en apoialo, poden anotar no cadro de abaixo o seu nome e apelidos, número de carné de identidade e profesión, e logo enviar a resposta ao correo electrónico caccamo@telefonica.net

APOIAN O PRESENTE DOCUMENTO AS SEGUINTES PERSOAS
NOME E APELIDOS NUMERO CARNÉ DE IDENTIDADE PROFESIÓN
     
     

Santiago: presentación de Retomando a palabra, de David Rodríguez

A sexta feira 27 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro, de David Rodríguez, publicado por Estaleiro. No acto, acompañando ao autor, participan Manuel M. Barreiro e Isaac Lourido.

Convocado o XII Certame de Poesía Anduriña Voandeira

A Irmandade de Centros Galegos en Euskadi convoca un ano máis o seu Certame de Poesía Anduriña Voandeira, coas seguintes bases (pódense descargar tamén en .pdf aquí: Bases Anduriña Voandeira):

I. Poderán participar tódolos autores de calquera nacionalidade que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega.
II. Os traballos non terán unha extensión superior a cen versos e deberán ser inéditos.
III. O presente Concurso está dotado cos seguintes premios: Primeiro premio: 600 € | Segundo premio: 150 €. Os premios poderanse declarar desertos.
IV. As obras mecanografadas por unha sola cara e a dobre espazo, enviaranse por correo, sen remite, á:

IRMANDADE DE CENTROS GALEGOS EN EUSKADI
C/. Pablo Picasso, nº4 – 48012 BILBAO

De cada obra mandaranse cinco copias. A presentación farase polo procedemento de lema e plica. No exterior indicarase o título e o lema escolleito. No interior incluíranse os datos persoais do autor: este sobre terá que vir pechado. Na parte superior dereita da primeira folla da obra repetirase o lema.
V. O prazo de admisión das obras rematará o día 10 de maio ás vinte horas. A resolución farase pública o Día de Galicia en Euskadi a celebrar o 16 de xuño de 2012 en Sestao, e as obras premiadas poderán ser publicadas nas revistas dos Centros Galegos en Euskadi.
VI. A Irmandade de Centros Galegos en Euskadi reservará os dereitos de publica-las obras premiadas cando lle conveña, sen prexuízo de que o autor tamén as poida publicar.
VII. O feito de participar neste concurso supón a aceptación total destas Bases.

Bilbao, 28 de decembro de 2011.

Pregámoslles o espallamento das presentes bases. Moi agradecidos.

Gondomar: presentación de Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase o libro Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, reedición, corrixida e aumentada, editada nesta ocasión por Biblos, a editorial que dirixe Tucho Calvo. No acto, organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, participan o fillo de Valentín Paz Andrade, Alfonso Paz Andrade, e Marta Dacosta.

Rianxo: presentación de Poñente, de Pere Tobaruela

venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira, s/n), preséntase o libro Poñente, de Pere Tobaruela, publicado en Xerais. O acto, coorganizado pola editora, o Concello de Rianxo, La Voz de Galicia e a Asociación Cultural Barbantia, contará coa participación de Ana Isabel Boullón, Manuel Bragado, Xesús Laíño, Carlos Mosteiro, Adolfo Muíños e o propio autor, e será completado cunha actuación musical a cargo de Antón Alcalde e Iago Hermo (da Escola de Música de Rianxo). Ese mesmo serán inaugurarase a exposición Castelao Vive. Esculturas de Nuco Losada.

Vigo: visita guiada á mostra O fermoso rostro do país, por Carlos L. Bernárdez

A sexta feira, 27 de xaneiro, ás 17:30 horas, na Pinacoteca do MARCO de Vigo, terá lugar unha visita guiada á mostra O fermoso rostro do país, proposta inaugural da Pinacoteca Fernández del Riego, a cargo do seu comisario, Carlos L. Bernárdez. O acto está organizado polos Amigos do MARCO.