O
luns 24 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, organizada polo Club Cultural Valle-Inclán, terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza, con Marica Campo, Rubén Lois, Néstor Rego, María Reimóndez e Olalla Rodil.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Armando Requeixo: Cunqueiro e o Camiño de Santiago
Artigo
de Armando Requeixo no seu blog Criticalia:
“No día de onte achegueime ata Palas de Rei para participar no VIII Congreso Camiño de Santiago. (…) Pois ben, no marco desas xornadas fun convidado a impartir unha conferencia baixo o título Álvaro Cunqueiro, señor da palabra e dos camiños. (…) As palabras que seguen son un fragmento dun dos capítulos da miña intervención, onde resumo os que entendo son os principais trazos definitorios desa particular percepción. Velaí:
(…) En efecto, a visión que Cunqueiro gardaba do Camiño era ahistórica porque nela —como en xeral en toda a obra do de Mondoñedo— se producía unha abolición da sucesión cronolóxica, de tal xeito que todo o relatado formaba parte dun fresco panhistórico, unha sorte de background sincrónico no que todos os personaxes da Historia da Humanidade convivían nunha mesma e única dimensión presentista. E isto era así porque para Cunqueiro era moito máis importante na ficción esa esfera do imaxinario transreal ou pararreal que a propia vivencia empírica, de maneira que non é estraño ver por xunto como peregrinos do Camiño a persoeiros de tempos e lugares moi afastados, que, porén, conviven, rememoran e dialogan como se tal veciñanza fose o máis esperable e lóxico. Directamente vencellado co anterior está a percepción paradisíaca e ata edénica do propio Camiño. Para Cunqueiro o Camiño de Santiago era un camiño de camiños, un camiño de vida no sentido de que era sentido por el como un camiño de historias, non como un roteiro. Por tanto, o mindoniense despraza o centro de atención dende o viario sociohistórico ata o experiencial individual. Ao escritor non lle interesan os fitos do Camiño, a súa paisaxe como tal paisaxe, senón que vai máis alá. Cunqueiro quere sempre pór de relevo o que no Camiño de Santiago hai de etnopaisaxe (visión antropolóxica), de sociopaisaxe (visión sociolóxica) e mesmo de metapaisaxe (visión teórica). Porque o que verdadeiramente importa non é tanto o que o Camiño é en por si coma o que representa como vía de acceso a unha instancia superior: a do Paradiso no que todos os seres que o transitaron algunha vez habitan, ese espazo edénico, fóra de toda lóxica convencional onde son posibles todos os (re)encontros, todas as maxias, todas as linguas e as cousas todas, pois é o nimbo cunqueirián resultante da sublimación case neoplatónica dos imperfectos pasares terreais ata unha ultrarrealidade idealizada. Ese, e non outro, é o sentido último do Camiño de Santiago para Cunqueiro.”
O Concello de Tomiño nomea fillo predilecto ao escritor Xosé Luís Franco Grande
“A
proposta de todos os grupos e, por unanimidade, a corporación de Tomiño decidiu o venres 21 de outubro en sesión plenaria nomear fillo predilecto do concello ao escritor Xosé Luís Franco Grande. Nado na parroquia de Tebra, no concello de Tomiño, no ano 1936, Franco Grande, que estudou Dereito na Universidade de Santiago e exerceu a avogacía como asesor xurídico da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, é unha das figuras senlleiras do galeguismo. É polas súas importantes achegas á cultura galega e pola súa traxectoria intelectual que se lle nomea fillo predilecto. Foi autor no ano 1968 do Dicionario galego-castelán de Galaxia, libro que serviu de guía ás primeiras xeracións de estudantes de galego. Tamén afondou na poesía, no teatro e no ensaio, chegando a gañar o Premio Eduardo Pondal. A corporación tomiñesa celebrará proximamente un acto para formalizar o nomeamento.” Vía La Voz de Galicia.
A Coruña: conferencia de José Manuel Barbosa, A mudança do paradigma historiográfico na Galiza
O
martes, terza feira, 25 de outubro, ás 20:00 horas, na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, José Manuel Barbosa falará, dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom da A. C. O Facho, sobre A mudança do paradigma historiográfico na Galiza.
Castro Caldelas: entrega do XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais a Carlos Callón
O
sábado 22 de outubro, ás 12:00 horas, no salón nobre do castelo de Castro Caldelas, terá lugar a entrega do XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, dotado con 6000 euros, e organizado polo Concello de Castro Caldelas, o Concello de Allariz, a Fundación Sotelo Blanco e a Fundación Vicente Risco, e que se lle outorgou, nesta edición, a Carlos Callón pola obra titulada Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media.
Mañá, 22 de outubro, Polafía no Museo Pazo de Tor (Monforte)
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Rede Museística da Deputación de Lugo, o grupo musical O Trícole e a Asociación Cultural O Colado do Vento (Sober), organiza unha nova edición das Polafías no Museo Pazo de Tor de Monforte de Lemos o sábado 22 de outubro, ás 18:00 horas.
¡Ouh, Casa de Tor,
onde eu soupen o que era vivir nun pazo!
Música, contos, cantos e memoria das tradicións do propio pazo e dos arredores. Contará coa participación de Mini e Mero, O Trícole, Isidro Novo (que lerá poemas de Uxío Novoneyra, Manuel María e Lois Pereiro), as lendas de Alfonso Campos, os contos de Quintín, as historias do pazo de Ángeles Rivada González, a historia do pazo e do museo de Encarna Lago, a memoria de ilustres antergos da casa pacega de Xosé Lois García, os recitados de Marisa Álvarez, as historias dos franceses de Antonio Eirexe e moitas veciñas e veciños da contorna co seu saber contar e cantar.

Manuel Rivas: “O problema da literatura galega é o golpismo lingüístico”
Entrevista
a Manuel Rivas en La Opinión:
“- La Opinión (LO): Por que editar agora unha recopilación dos seus contos [O máis estraño]?
– Manuel Rivas (MR): A intención, aínda que hai inéditos, era reunir todos os contos nun mesmo volumen, porque hai algúns que estaban esgotados, outros publicados en coleccións xuvenís -e por estar nese nicho moita xente non os leu-, outros non se atopaban ou estaban espallados… Había esa necesidade de facer unha edición conxunta, revisada e ordeada. É unha revisión lixeira, sempre que te pos a reler existe esa tentación de reescribir pero procurei conterme e tocar o mínimo.
– LO: Hai moitos escritores que din que é máis fácil escribir unha novela de 400 páxinas que un relato breve. Que opina vostede?
– MR: Para min o máis difícil é facer un haiku, un poema breve, e se teño que responder coido que escribir un conto bo é máis difícil que facer unha novela, aínda que non é doado facer ningunha das cousas… Son intensidades diferentes: o conto é como un misto, que o prendes e termas del mesmo ata que che queima os dedos; unha novela é unha mecha longa que vai ardendo na que é máis difícil manter en vilo todo o rato ao lector.
– LO: O libro sae en galego e en castelán. Non lle resulta raro traducirse, tendo en conta que concibe eses contos en galego?
– MR: Eu escribo e teño que oírme en voz alta, como falan os personaxes, para min é importante a sonoridade que ten a lingua e algunhas ironías do galego, pero é unha cuestión de como trasladalo, porque todas as linguas teñen as mesmas capacidades. Parte da diversidade do mundo é poder facer esas transmigracións, iso é unha sorte.
– LO: Teme polo futuro da literatura en galego?
– MR: Os problemas da literatura non son de creación; penso que cada vez é máis plural e hai máis escritores. O problema son os condicionamentos do Goberno autonómico, que realizou unha especie de golpismo lingüístico cando chegou, cando xa había un Plan de Normalización Lingüística consensuado e chegárase a unha situación de equilibrio. Agora todo son atrancos e, sobre todo, o que é un discurso penoso é que un goberno que naceu dunha autonomía histórica -que saíu adiante con esa condición de histórica por ter unha lingua propia-, dea a entender que a súa lingua é inútil, precisamente cando estamos nunha situación idónea para entendernos con todos os países castelánfalantes e cos de lingua portuguesa. (…)
‘Manuel Rivas reúne no libro O máis estraño relatos coñecidos e outros inéditos’
“Manuel Rivas
reúne en O máis estraño (Xerais), o seu novo libro, unha colección de contos nos que inclúen algúns dos relatos que acadaron identidade fóra dos libros, como A lingua das bolboretas, e outros textos que aínda non viran a luz dos lectores. Rivas presentou onte en Madrid a tradución ao castelán deste mesmo volume (Lo más extraño, publicado por Alfaguara) e presentará o vindeiro mércores en Santiago a súa edición en galego. Segundo o autor, os contos incorporados a esta recompilación de textos non están “reescritos”, pero si que se presentan aos lectores “cunha revisión estilística” para que vaian cos tempos. En calquera caso, Rivas, segundo explica, non quixo volver escribilos. “Tamén resistín a tentación de deixar de lado aqueles que xa non me gustan como cando os escribín”, afirmou o escritor. (…) O escritor, nomeado recentemente doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, acaba de regresar de Serbia, onde presentou a versión para ese idioma da súa premiada novela O lapis do carpinteiro, sinalou en Madrid que os relatos “son a sombra dos soños e por iso o último dos relatos que inclúe este novo libro leva ese título”. É un dos tres inéditos que ofrece o volume, xunto co O espertar da criada e O misterio de Uz. (…).” Vía La Voz de Galicia.
Os Diálogos Galiza-Brasil rematan solicitando novas estratexias de cooperación
“O
presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o representante da embaixada de Brasil en Madrid, Márcio Catunda, fechaban onte o encontro Conexões IV. Diálogos Galicia-Brasil que se desenvolveu estes días no Consello da Cultura en Compostela. Como conclusión do evento, salientaron a necesidade de procurar novas estratexias de cooperación mútua en materia cultural entre Galicia e Brasil. No encontro incidiuse nas posibilidades que abren os puntos comúns entre as dúas comunidades, especialmente a nivel lingüístico. Na súa intervención, Villares lembrou que para a institución que preside é unha aposta fundamental establecemento de conexións cos países de lingua portuguesa e nomeadamente co Brasil.” Vía Cultura Galega.
Ramón Villares recibe a medalla da Universidade de Lisboa como “investigador honorario”
“O
catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, recibirá este xoves 20 de outubro a medalla do Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa como “investigador honorario”. Segundo informou a USC nun comunicado de prensa, o profesor Villares, que será presentado por José Sobral, recibirá a mención da institución no acto de apertura do ano académico. Doutor en Historia (1980) e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dende 1987, foi tamén investigador principal de cinco proxectos de investigación (CYCIT e Xunta de Galicia), así como de varios convenios de asistencia técnica.” Vía Galicia Hoxe.