O
venres 19 de agosto, ás 21:00 horas, na Cidade da Cultura, dentro do programa Atardecer no Gaiás, terá lugar o recital Nove en pedazos coa participación poética de María Lado e a musical de Mig Seoane, baseado no libro Nove.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Soutelo de Montes: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O
venres 19 de agosto, ás 20:30 h., no Auditorio de Soutelo de Montes, preséntanse os libros Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia, e O bestiario máxico do abade Eliseo e outras narracións insólitas, de Francisco Rozados, Rochi. No acto, no que o autor estará acompañado por David Raposeiras Correa e Xosé Luna Sanmartín, haberá tamén unha actuación musical a cargo do dúo de guitarra e voz Andrea e Xavi.
Convocado o III Concurso de relatos eróticos Punto e seguido polo Concello de Soutomaior
O Punto de Información e asesoramento afectivo-sexual da Concellería de Igualdade, Servizos Sociais e Sanidade do Concello de Soutomaior, no marco das actuacións previstas no II PIOM 2008-2011, na área de fomento da saúde, deporte e benestar, organiza o III Concurso de relatos eróticos Punto e seguido, co obxectivo de promover a educación e a saúde afectivo-sexual, e favorecer a eliminación de tabús e estereotipos sexistas.
BASES
1. Poderán participar na presente convocatoria persoas maiores de 18 anos que nacesen, residan, desenvolvan a súa actividade laboral ou académica en Galicia (será obrigatoria a xustificación documental que acredite tal circunstancia).
2. As obras presentaranse por triplicado (orixinal e dúas copias) en fonte Arial 12, a dobre espazo e por unha soa cara, en tamaño DIN A4, grampadas, cosidas ou encadernadas. Irán acompañadas dun sobre pechado contendo os datos persoais da autora ou autor (nome e apelidos, idade, enderezo, teléfono de contacto, correo electrónico, fotocopia do DNI ou pasaporte e a xustificación da residencia en Galicia no caso de que esta non coincida coa que figura no DNI). Rexeitaranse aqueles traballos nos que figure algún dato que permita identificar ao/á autor/a destes. Os traballos enviados por correo postal enviaranse do mesmo xeito sinalado anteriormente co compromiso dende a Concellería de Igualdade de destruír o sobre de correos onde obrigatoriamente debe constar o remitente. Nos tres exemplares da obra e no exterior do sobre figurará o título da obra, o pseudónimo (opcional) e a lenda III Concurso de Relatos Eróticos.
3. As obras deberán ser orixinais, inéditas e escritas en galego, cunha extensión máxima de 600 palabras, sen contar o título, quedando excluídas do concurso todas aquelas que a sobrepasen. Poderanse presentar un máximo de dous traballos por autor ou autora. Valorarase que o texto reflicta actitudes e valores igualitarios, e a ruptura de estereotipos sexistas, especialmente os relacionados co erotismo e a sexualidade.
4. O prazo para a presentación de orixinais comeza o 1 de agosto e remata o 4 de novembro de 2011 ás 14:00 horas. Os traballos entregaranse persoalmente ou por correo certificado ao: Centro de Información á Muller, no Centro Multiusos de Arcade (Rúa Peirao, nº 8, Arcade (Soutomaior), C. P. 36690).
5. O Xurado será nomeado desde a Concellería de Igualdade e estará presidido pola Concelleira de Igualdade, Servizos Sociais e Sanidade en comparecencia ou en quen delegue, e estará composto por profesionais relacionados/as coa literatura, actuando como secretaria, con voz pero sen voto, a responsable e directora do Centro de Información á Muller de Soutomaior. A composición do Xurado darase a coñecer ao emitirse o fallo, que será inapelable e farase público na primeira quincena do mes de decembro de 2011.
6. Establécese un único premio gañador dunha fin de semana para dúas persoas no Castelo de Soutomaior, que inclúe estancia e media pensión. A entrega do premio farase na segunda quincena do mes de decembro de 2011, e será anunciado e notificado oportunamente. A non presenza no acto de entrega suporá a renuncia a este. A xuízo do Xurado os premios poderán ser declarados desertos.
7. A concesión do premio implica a aceptación por parte do/a gañador/a do dereito de publicación do relato por parte da Concellería de Igualdade, Servizos Sociais e Sanidade, así como a difusión noutros medios de comunicación como, por exemplo, internet. As obras que non resulten premiadas quedarán depositadas no fondo documental do CIM e da Concellería de Igualdade, Servizos Sociais e Sanidade, e estarán a disposición dos/as usuarios/as do mesmo para a súa lectura ou consulta (salvo que no interior do sobre pechado conste o expreso desexo do/a autor/a de recuperar a obra, que neste caso deberá ser retirada do CIM nun prazo máximo dun mes a partir da data de entrega do premio).
8. A presentación a esta convocatoria supón a plena aceptación de todos os puntos das bases que regulan este concurso. Calquer dúbida sobre a interpretación das mesmas será resolta dende o CIM de Soutomaior (teléfono 986-701227, na súa páxina, e/ou nos correos electrónicos cim@soutomaior.es e info@ex-presion.com).
‘Cinema e poesía de Canadá en galego’
Desde Galicia Confidencial: “En outubro de 2007, Galaxia introducía na Literatura galega unha nova voz, a da canadense Erín Moure (Calgari, Alberta, 1955), unha das autoras centrais da poesía contemporánea daquel país, unha políglota que se atreveu a publicar poemarios bilingües en inglés e en galego, o idioma do seu bisavó, natural de Crecente (Pontevedra). No 2005, Moure presentou o seu poemario Little Theatres, premiado co A. M. Klein Prize da Federación de Escritores de Québec e finalista do prestixioso Griffin Poetry Prize. Traducido ao galego por María Reimóndez e publicado por Galaxia co título Teatriños ou aturuxos calados, neste libro atopamos o poema Homenaxe ao mineral do repolo, texto que inspirou a curtametraxe en stop-motion da tamén canadense Stephanie Dudley (…)”
Rosario Álvarez: ”O problema do galego non se resolve no ensino; cómpren medidas sociais profundas”
Entrevista
a Rosario Álvarez en El Progreso:
“Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) recolleu o 25 de xullo a Medalla de Ouro de Galicia coa que a Xunta distinguiu os 40 anos de traballo do Instituto da Lingua Galega (ILG) cun discurso preocupado no que reclamou medidas “eficaces” que garantan a supervivencia do idioma. É que nesas catro décadas houbo un avance “extraordinario” no seu estudo, impulsado en boa medida polo ILG, pero tamén retrocesos “preocupantes” nalgúns indicadores da súa saúde, como na transmisión familiar. Así as cousas, Álvarez -catedrática de Filoloxías Galega e Portuguesa, á fronte do ILG desde o 2005 e membro da Real Academia Galega– advirte de que “temos a obriga de defender a lingua e de transmitírllela enriquecida aos que veñen detrás” (…)”
Germán López Quiroga: ”Este libro é unha homenaxe a todos os compañeiros”
“Ferroviario
de profesión, Germán López Quiroga atopou na narrativa e na poesía dúas das súas grandes paixóns. Como presidente do colectivo Poetas da Ribeira Sacra considera que o seu labor está culminado coa publicación do libro Latexos da terra.
– El Progreso: Como xorde a idea de xuntar nun libro aos principais poetas da Ribeira Sacra?
– Germán López Quiroga: Foi durante a presentación dunha obra de Sara Cao. O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, propúxome como presidente do colectivo que sería interesante facer unha obra deste tipo e a verdade é que o reto motivoume. Hai un refrán que di que cando che dan unha ovella debes coller a corda e ir por ela, pero eu prefiro dicir que cando che dan a ovella hai que ir por ela directamente e despois recoller a corda por se fai falla. Así que iso foi o que fixen eu.” Vía El Progreso.
Vigo: actuación de Xardín desordenado, no ciclo Mércores no Solpor
O mércores 17 de agosto, ás 20:30 h., no Verbum (Avenida de Samil, 17) de Vigo, no ciclo Mércores no Solpor, terá lugar a actuación de Xardín desordenado, composto por Santiago Ferragud (voz, guitarra), Marlene Rodrigues (voz) e Isaac Garabatos (guitarra), que musicou poemas galegos de distintas xeracións e estilos, acompañados por algún dos poetas escolmados.
Roteiros literarios por Compostela: Marta Dacosta
O
martes 16 de agosto, a partir das 20:00 horas, na Porta Porta da Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, proseguen os Roteiros literarios por Compostela, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago, aos que a cidadanía pode sumarse sen necesidade de anotarse, axudando a coñecer a Compostela literaria da man dos nosos autores e autoras. Está previsto que este Roteiro, da man de Marta Dacosta, teña o seguinte percurso: Xoán XXIII, Escaleiras, rúa da Troia, Cervantes, Mazarelos, Rúa Nova, Toural e Alameda.
Vilariño, Cangas: nova edición de A hostia en verso
O
mércores 17 de agosto, ás 22:00 h., dentro do Festival Folk de Vilariño (na praia do mesmo nome en Cangas), terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. No acto participan Daniel Landesa, Laura Sáez, Xabier Xil Xardón, Daniel Costas Currás, Nolim González e Ledicia Costas, exercendo como mestras de cerimonias María Lado e Lucía Aldao, tamén coñecidas como “as desolemnizadoras da poesía”. A música correrá a cargo de Mig Seoane. O enfrontamento será entre Protóns e Neutróns.
Muros: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O
mércores 17 de agosto, ás 20:00 horas, na antiga fábrica de sel, en Porteliña, s/n., Muros, preséntase Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto participan, acompañando ao autor, Noelia Mancebo, Rosario Fernández Piñeiro e Eduardo Galán.