A Fundación Xosé Neira Vilas convoca o 6º Premio Arume de poesía para nenos

Co propósito de estimular a creación poética e de achegar ás nenas e ós nenos ó fermoso mundo da lírica, a Fundación Xosé Neira Vilas convoca o Premio Arume de poesía para nenos, coas seguintes bases:

1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos inéditos en lingua galega.
2. Os traballos enviaranse, en orixinal e dúas copias, á sede da Fundación Xosé Neira Vilas (36587 Gres – Vila de Cruces [Pontevedra]). Levarán un título. En sobre aparte, cerrado, deberá consignarse por fóra o mesmo título e dentro nome e apelidos do autor ou autora, enderezo e teléfono.
3. Cada libro que se presente ha de conter un mínimo de 350 versos.
4. O prazo de admisión de orixinais pecharase o 31 de outubro de 2011.
5. A Fundación Xosé Neira Vilas escollerá un xurado de recoñecido prestixio. O seu dictame será inapelable.
6. Entregarase o premio durante o mes de decembro de 2011.
7. O premio ten unha dotación de 1000 euros.
8. Edicións Embora publicará o libro premiado.
9. Os orixinais non premiados poden ser retirados polos respectivos autores no prazo de trinta días contados a partir da entrega do premio.
10. A participación no Premio Arume supón a aceptación destas Bases.

José Luis Cuerda levará ao cine Todo é silencio, de Manuel Rivas

“José Luis Cuerda volve á dirección (…) cun thriller ambientado en Galicia con guión de Manuel Rivas e producido por Gerardo Ferreiro: Todo é silencio. A película, que comezará a rodarse a finais deste mes, contará para os protagonistas principais cos actores Quim Gutiérrez, Miguel Ángel Silvestre e a actriz viguesa Celia Freijeiro. A historia, que Manuel Rivas realizou por encargo do produtor e terminou convertendo nunha novela que, co mesmo título, publicouse en outubro do ano pasado, fala do narcotráfico e das redes de contrabando que actúan na costa atlántica española e que acaban por controlar a vida dos pobos nos que recalan. Pero tamén é unha historia de amor a tres, dous amigos da infancia e unha muller que se dedican a explorar a costa en busca do que o mar arroxe, sen saber que o seu destino estará ligado ao omnipresente e corrupto “capo” galego, dono de case todo no seu pequeno pobo. “Cando ao falar te xogas a vida, todo é silencio”, explica Manuel Rivas sobre a súa obra. (…)”. Vía Galiciaé. Tamén recollido en La Voz de Galicia.

Yolanda Castaño seleccionada para unha bolsa de creación na Illa de Rodas (Grecia)

Yolanda Castaño é a primeira escritora galega seleccionada polo Centro Internacional de Escritores e Tradutores de Rodas nos seus 17 anos de historia, e xa está a desfrutar dunha bolsa de creación en residencia. Foi escollida polo comité deste centro dedicado ao aloxamento de escritores e tradutores de todo o mundo durante estadías de curta e mediana duración. Durante as mesmas, fornécese aos literatos/as dun entorno tranquilo e propicio para o traballo, así coma ocasións de intercambio con outros creadores. O Centro Internacional de Escritores e Tradutores de Rodas foi fundado en 1995 para impulsar o labor das persoas que se dedican a estas áreas en todo o mundo, e dende entón leva aloxado a autores e tradutores dos cinco continentes, especialmente de Europa e os países da antiga Unión Soviética. Yolanda Castaño ocupa un dos cuartos deste emblemático edificio situado nun outeiro fronte ao Mar Exeo durante dúas semanas, levando noticia da cultura galega ata a illa do Dodecaneso. Convive actualmente con outras persoas chegadas dende Rumanía, Suecia, Grecia ou a Ucraína. Na súa estadía, que dedicará principalmente ao seu traballo de creación, colabora tamén o Ministerio de Cultura.

Ourense: recital poético de Celsa Barja

O martes 16 de agosto, a partir das 20:00 horas, na Asociación de Veciños O Vinteún (Rúa do Vinteún, frente ao Instituto) de Ourense, Celsa Barja dará un recital poético, conmemorando a súa iniciación no mundo da escrita poética, no que contará coa axuda dun membro do grupo de teatro “Tarumba” e dun estudante da ASAD de Vigo, e a presenza musical do cantautor Israel Díaz.

Filmanova levará ao cine a obra Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal

“Cinco anos tivo que esperar o dramaturgo Rubén Ruibal para ver a súa obra máis recoñecida e premiada sobre un escenario. Limpeza de sangue, co Premio Álvaro Cunqueiro e co Premio Nacional de Teatro, non fora representada até que a compañía Espello Cóncavo a converteu en realidade a temporada pasada. (…)
A produtora Filmanova está a desenvolver o proxecto para que a obra teatral escrita por Ruibal chegue á gran pantalla. Polo momento, a futura película está nunha fase inicial e estase a levar a cabo a adaptación do guión. “Jacobo Paz está a traballar no guión e imos a facer todo co máximo respecto á historia do texto orixinal. Imos facer unha película cuxa produción sexa 100% galega”, explica Antón Reixa, de Filmanova, que engade que a intención da produtora é comezar a rodaxe “en 2012 ou en 2013, como moi tarde”.” Vía Xornal. Tamén en El Progreso.

Viveiro: actividade máis destacada do martes 16 na Feira do Libro

Remata a 15º Feira do Libro de Viveiro, que se celebra nos Xardíns Noriega Varela até o martes 16 de agosto, con horarios de 12:00 a 14:00 h. polas mañás e de 18:00 a 22:00 h. polas tardes.

A actividade máis destacada deste último día é a seguinte:
20:30 h. Presentación do libro A vida fóra, de Miguel Sande, publicado en Galaxia. Xunto ao autor participa no acto Carlos Nuevo.

Viveiro: actividades relevantes do luns 15 na Feira do Libro

Continúa a 15º Feira do Libro de Viveiro, que se celebra nos Xardíns Noriega Varela até o martes 16 de agosto, con horarios de 12:00 a 14:00 h. polas mañás e de 18:00 a 22:00 h. polas tardes.

As actividades máis destacadas do domingo 15 de agosto son as seguintes:
19:00 h. Cunqueiradas. Monólogo humorístico a cargo do actor Cándido Pazó, a partir de textos de Álvaro Cunqueiro.
20:30 h. Presentación do libro A lúa deitada en Porto Norte, de Vicente Míguez (autor e editor). Xunto co autor, participarán no acto Carlos Nuevo, Cronista Oficial da cidade e Ramón Reimunde Noreña, Capitán da Marina Mercante.

Viveiro: actividades destacadas do sábado 13 e domingo 14 na Feira do Libro

A 15º Feira do Libro de Viveiro celébrase nos Xardíns Noriega Varela até o martes 16 de agosto, con horarios de 12:00 a 14:00 h. polas mañás e de 18:00 a 22:00 h. polas tardes.

O sábado 13 de agosto terá lugar a inauguración da Feira, coa lectura do pregón a cargo de Miguel Anxo Fernán-Vello.

O domingo 14 de agosto destacan as seguintes actividades:
20:00 h. Presentación do nº 6 da revista Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial. Participarán no acto Luis Rei, escritor e director da revista e Emílio Xosé Ínsua López, escritor e membro do consello de redacción da revista.
21:00 h. Presentación do libro A Mariña 43º latitude norte, do fotógrafo Xulio Villariño, publicado pola Deputación Provincial de Lugo. Xunto co autor, participará no acto Mar García.

Claudio Rodríguez Fer: “Seremos universais se non renunciamos a ser galegos”

Entrevista a Claudio Rodríguez Fer en Xornal:
“- Xornal: Se falamos de Galicia, hai un discurso de poder belixerante coa lingua e a cultura do país. Estes días escoitamos, na boca da concelleira de Cultura da Coruña, unha frase que, quizais, resume un discurso de poder moi claro: hai actividades culturais demasiado galegas. O espírito libertario pódenos valer para superar este discurso?
– Claudio Rodríguez Fer: Evidentemente hai que superar estes discurso porque é unha forma de autoodio racista. Non podemos opoñer o galego ao universal. O universal é universal porque inclúe o galego. O galego non nega o universal, porque forma parte del. Iso foi unha gran tradición do galeguismo, que foi esencialmente universalista. Penso que o mellor do galeguismo foi o universalismo, porque o Partido Galeguista vía en Galicia unha célula de universalidade. Opoñer unha cousa e outra é mostra de ignorancia. Seremos universais se non renunciamos a ser galegos. Do mesmo xeito que seremos galegos se non renunciamos a ser universais. Neste volume que veño de presentar na Coruña hai todo un libro, Os paraísos eróticos, que está escrito fóra de Galicia. Vivín en Nova York e en Bretaña e viaxei por outros lugares con estancias de traballo. A maioría dos contos dese libro están escritos neses lugares, pero todos están escritos en galego. Aínda que eu estea fóra de Galicia, no mundo, estou nese mundo como galego. Non podo evitalo.”