Sanxenxo: gala de entrega de premios do VII Certame Literario IES Sanxenxo, con María Lado, Lucía Aldao e Xosé Neira Vilas

O venres 10 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo terá lugar a gala de entrega de premios do VII Certame Literario IES Sanxenxo, dentro da que haberá un recital poético-musical con María Lado e Lucía Aldao. Como escritor convidado estará Xosé Neira Vilas. Crónica posterior en Galaxia.

Santiago: concerto Camelias para Cunqueiro, por Amancio Prada

O venres 10 de xuño, ás 21:00 horas, no Salón Teatro (Rúa Nova, 34) de Santiago de Compostela, e con entradas a 10 euros, terá lugar o concerto Camelias para Cunqueiro, no que Amancio Prada interpretará poemas do grande autor mindoniense. O concerto forma parte da programación conmemorativa 2011, Ano Cunqueiro, e está organizado conxuntamente por Agadic e o Consello da Cultura Galega. Amancio Prada estará acompañado por Hilary Fielding ao violonchelo e Josete Ordóñez á guitarra e mandola.

A Coruña: presentación de Lidia Senra. Historia dun liderado entrañable, de Tareixa Ledo Regal

O venres 10 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña, preséntase o libro Lidia Senra. Historia dun liderado entrañable, de Tareixa Ledo Regal, publicado en Laiovento. Participarán no acto, acompañando á autora, a propia Lidia Senra e Carme Freire.

Xosé Fernández Ferreiro: “Todos somos perdedores”

Entrevista a Xosé Fernández Ferreiro en Galicia Hoxe:
‘Fernández Ferreiro cre que falta por escribir “a gran novela do urbano, do rural e da emigración”. Entre algunhas obras sobresalientes que abordaron estas temáticas, o autor de Nogueira de Ramuín apunta A esmorga ou La catedral y el niño de Eduardo Blanco Amor pero considera que aínda non foron tratados pola literatura galega coa complexidade que precisan.
O escritor declárase “namorado do xornalismo por vocación e pola literatura”. Logo de estudar esta carreira en Marid, trasladouse a Santiago para traballar no xornal La Noche e despois noutros diarios como Faro de Vigo, El Correo Gallego ou La Voz de Galicia. En 1985 recibiu o Premio Galicia de Periodismo polos centos de artigos que publicou ao longo da súa vida. “O xornalismo deume unha gran facilidade para escribir. Eu sei sintetizar moi ben os textos. Iso dáche moito xogo, tamén na literatura”, asegura.
A súa outra gran paixón foi o cine. “Sobre todo, gustábanme as películas do oeste”, apunta. De feito, mentres estaba en Madrid chegou a traballar na produtora cinematográfica fundada polo galego Cesáreo González. “Traballaba no departamento de publicidade até que me chamaron de Faro de Vigo e regresei a Galicia”, lembra.
Todas as súas novelas están ambientadas no rural galego agás as de ciencia ficción. “Unha das miñas obras está ambientada na zona da Amazonía, é unha obra bestial porque nela vertín todas as ideas sen coutar nada. Simboliza o mundo de hoxe no que pairen o poder, o sexo e o diñeiro”, afirma’.
O día seguinte hai unha resposta no mesmo medio de Helena González.

Indignadas contra a Real Academia Galega

‘Outro dos rostros visibles do manifesto pola entrada das mulleres na Real Academia Galega, a poeta Yolanda Castaño, considera “unha mágoa” que a RAG “non aproveite este momento para tratar de reflectir un pouco mellor a realidade da sociedade no seu seo”. Para ela, unha vez que non se conseguiu o obxectivo, pode que a solución “estea na ampliación do número de cadeiras, ao estilo da Real Academia Española, pois as actuais son escasas”.
Por último, a profesora María Xesús Nogueira, tamén asinante d’O xogo das cadeiras, pensa que “non se trata dunha persoa, senón dun problema estrutural da Real Academia”, e considera que dende a RAG “se fan oídos xordos” ao sentir da sociedade galega.’ Desde (Xornal). Tamén neste medio aparece un artigo de Helena González.