“Celebramos o Día das Escritoras coas Comadres das Letras”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“No Día das Escritoras falamos da escrita como ferramenta de expresión, comunicación, sororidade e autocoidado. Conversamos coa matrona Marta Conde e a docente Eva Teixeiro, que forman parte do colectivo ‘Comadres das Letras’, un grupo de mulleres que escriben, que xa publicou o volume Contármonos. A entrevista pode escoitarse aquí.”

A AELG lamenta o asasinato en Gaza da poeta palestina Heba Abu Nada

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) amosa o seu profundo pesar polo recente asasinato en Gaza da poeta e novelista palestina Heba Abu Nada, referente na loita polos dereitos das mulleres.

Heba Abu Nada faleceu o pasado 20 de outubro a consecuencia dun dos ataques realizados por Israel contra a poboación palestina. Na véspera, escribira: “Se morremos, saiban que estamos satisfeitos e firmes, e díganlle ao mundo, no noso nome, que somos persoas xustas do lado da verdade”. Tiña 32 anos, era bioquímica e nutricionista, ademais de poeta e autora de novelas como O osíxeno non é para os mortos.

O seu último poema testemuñaba a situación que está a vivir o pobo palestino:

“A noite na cidade é escura, excepto polo brillo dos mísiles,
silenciosa, excepto polo son do bombardeo,
aterradora, excepto pola promesa tranquilizadora da oración,
negra, excepto pola luz dos mártires.”

A AELG quere reiterar o seu total rexeitamento a calquera forma de violencia e a súa solidariedade cos milleiros de persoas palestinas, moitas delas crianzas, que seguen estando en perigo na franxa de Gaza, tal e como xa recolleu nun comunicado feito público o pasado 15 de outubro, que se pode ler integramente aquí.

Andrea Barreira gaña o certame de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade Agustín Fernández Paz

Desde Nós Diario:
“O Xurado do VII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba (comarca da Terra Chá) e Edicións Xerais, e formado por Don Manuel Bragado Rodríguez, Dona Beatriz Maceda Abeleira e Don Pablo Nogueira Campo. O Xurado acordou, por unanimidade, outorgar o premio á obra titulada Quen precisa unha avoa?, da autora Andrea Barreira Freije.
O dítame valorou na novela o novidoso enfoque sobre o idadismo (discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores), a toma de consciencia sobre as necesidades das avoas por parte das crianzas, así como a importancia da observación e os coidados nas residencias de maiores.
A conciliación familiar, o tecido da rede de afectos e a sororidade entre todos os personaxes son outros temas desta novela na que a autora a través do humor transmite dun xeito maxistral a complicidade entre diferentes xeracións. (…)”

Roteiro Construíndo a ciencia. Desmontando o corpo, con Andrea Barreira, na Coruña

O Roteiro Construíndo a ciencia. Desmontando o corpo, guiado por Andrea Barreira, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.

Debido ás inclemencias meteorolóxicas adversas, terá lugar o sábado 4 de novembro, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña, tendo como punto de saída a Escalinata da Domus (Rúa Ángel Rebollo, 91).

Cansa da pregunta de se es de ciencias ou letras? Son dous aspectos do coñecemento incompatibles? Co roteiro ao redor de Elisa e Jimena Fernández de la Vega, descubriremos varias cousas:
1.-Coñeceremos a vida das xemelgas, o que nos axudará a recuperar os referentes científicos femininos tan necesarios para non perder os elos de quen nos precede, para remediar a sensación de comezar sempre de cero (tamén no eido científico), para recoñecer o labor das mulleres na investigación. O ano 2021 foi adicado a Jimena Fernández de la Vega como científica galega, un roteiro pode ser un bo xeito de lembrar os seus fitos sen esquecer o traballo de Elisa.
2.-Poderemos descubrir a relación ciencia-letras a través de textos de autoras como María Canosa, Xela Arias, Marga Tojo, Estíbaliz Espinosa, Ledicia Costas, Cris Pavón… fiando a vida de Elisa e Jimena con fragmentos destas obras, entre outras.
3.- A necesidade de construír divulgación e ciencia en galego a través, neste caso, do título Construíndo a ciencia. Desmontando o corpo. As xemelgas Fernández de la Vega, escrito por Andrea Barreira Freije, da editoria coruñesa Baía Edicións, editora que promove a divulgación científica en galego.
4.- Aprender e desenvolver o coñecemento é algo divertido.
5.- Mergullarnos na Coruña máis científica.

Agradecemos que as persoas interesadas se inscriban previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.