Madrid: participación galega no Festival Eñe 2025

No marco de Festival Internacional de Literatura e Creación Eñe, que ten lugar en Madrid, haberá a seguinte participación da literatura galega:
– O 15 de novembro, entre as 12:30 e as 13:30 horas, no Círculo de Belas Artes de Madrid (Alcalá, 42), Samuel L. París e Miriam Reyes falarán sobre O sitio da poesía.
– O propio 15 de novembro, entre as 19:45 e as 20:45 horas, tamén no Círculo de Belas Artes de Madrid, Su Garrido Pombo e Olga Novo intervirán arredor do poemario e Feliz Idade e o traballo musical Patios de Luz.

Estro Montaña e Pablo Escudero Abenza gañan o Torrente Ballester da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O XXXVII Premio Torrente Ballester de narrativa, convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, xa ten gañadores. Na modalidade en galego, o premio recaeu en José Montaña Louzao, ‘Estro Montaña’ (Betanzos) pola novela Non hai paz no paraíso, mentres que na modalidade en castelán o galardón foi para Pablo Escudero Abenza pola obra Biblioteca familiar.
O galardón busca recoñecer a excelencia narrativa tanto en lingua galega como en castelán, consolidándose como un referente literario. O premio está dotado con 15.000 euros para cada modalidade.
O xurado da modalidade en galego, composto por Ismael Ramos, Lara Dopazo, Ana Varela, Manuel Esteban e Loli Rodríguez (gañadora da pasada edición), salientou da obra gañadora o estilo coidado e o uso dunha linguaxe moi rica en matices. A peza ofrece un percorrido histórico pola sociedade galega da primeira metade do século XX, a través dunha serie de personaxes poliédricos que reflicten a complexidade política e social da época. (…)”