Lois Pérez: “Cando escribes, o que agroma sempre é a nosa experiencia do mundo, mesmo negándoa”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Lois Pérez en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela o reconciliou coa literatura?
– Lois Pérez (LP): Nunca me anoxei tanto coa literatura como para ter que reconciliarme con ela. Pero, por exemplo, hai un par de anos encadeei seguidas Moby Dick, de Herman Melville e Sen novidade na fronte, de Erich Maria Remarque. Despois pasei un par de meses sen poder ler nada, volvía ás páxinas marcadas destes dous libros unha e outra vez. (…)
– B: Escribirá as súas memorias?
– LP: Non, sería un exercicio reiterativo. Dalgún modo, iso está presente no que un mesmo escribe, dun ou doutro xeito, malia que sexa unha ficción. Melville, por exemplo: Moby Dick pasou desapercibido cando o publicou, morreu na pobreza absoluta. Pero sería impensábel que escribise nada diso se non tivese traballado nas aduanas marítimas ou nun barco baleeiro. O que agroma sempre é a nosa experiencia do mundo, mesmo negándoa.
– B: Que autor/a considera responsable de que vostede se dedique á literatura?
– LP: Polo Darío Xohán Cabana, agora seino, sempre tiven unha vaga idea do que implicaba ser escritor e era algo que me atraía, aínda antes de pensar en escribir nada. Supoño que mitifiquei esa actividade desde neno. Despois, Jorge Luis Borges ou Bob Dylan. Así de claro. Sen as súas cancións e os seus libros eu non tería comezado nada. Non digo que leve eu gran cousa tampouco. (…)”

Entrevista a María Solar na Radio Galega sobre A culpa

Entrevista a María Solar no Galicia por Diante da Radio Galega:
“María Solar irrompe cunha nova e trepidante historia, A culpa, premio Xerais de Novela. “Exploro nun sentimento que nos atrapa”. “Escribo como me peta: penso nos protagonistas, no público e en min mesma”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Gondomar: obradoiro Na agra da poesía, impartido por Javier Rodríguez González

Desde o Instituto de Estudos Miñoráns:
“O Instituto de Estudos Miñoráns, coa colaboración do Concello de Gondomar, organiza o obradoiro literario Xeracións de poesía, impartido por Javier Rodríguez González, gañador do XIV Certame de poesía Victoriano Taibo.
O obradoiro, de carácter gratuíto, comezará ás 11 horas do sábado 14 de xaneiro de 2023, na sede do IEM en Gondomar.
A esta sesión presencial seguiranlle 6 sesións online, todos os luns de 18 a 20 horas. O obradoiro pecharase o sábado 11 de marzo cunha derradeira sesión presencial. O prazo de inscrición comeza o luns 2 de xaneiro e permanecerá aberto ata completarse as prazas dispoñibles.
Preténdese que o obradoiro sexa eminentemente práctico, onde as/os asistentes poidan crear novas composicións ou incluso mellorar as que xa teñen, mediante o análise e uso das técnicas que levaron a Javier a vencer na última edición do xa senlleiro certame miñorán.
O grupo PUGA do IEM espera que o obradoiro serva tanto para a promoción do uso do idioma galego mediante a poesía así como a creación dunha canteira de poetas da que poidan saír futuras/os participantes e gañadoras/es do Certame de poesía Victoriano Taibo.
As inscricións faranse preferentemente no formulario da ligazón seguinte.
En caso de ter algún problema pódese chamar ao número de teléfono 687553651 para recibir axuda.”