Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2022, con Marilar Aleixandre, o 28 de maio

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2022 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, que permiten coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

– Todos os paseos comezan ás 12:00 h., cunha duración aproximada de hora e media.
–  As inscricións faranse exclusivamente a través do correo electrónico inscricionslingua@coruna.gal desde o luns anterior a cada un dos paseos, ata que se esgoten as prazas. A duración é de aproximadamente unha hora e media. O lugar de saída para comezar o paseo comunicarase no correo de confirmación da inscrición.

28 de maio, ás 12.00 h. “As malas mulleres“, con Marilar Aleixandre.
A novela recibiu o Premio Blanco Amor en 2020, e con ela recuperamos a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Coruña, onde Concepción Arenal e Juana de Vega foron pioneiras.

Crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Susana S. Arins

Estas son algunhas das fotografías do Paseo imaxinario pola vida e obra de Luz Pozo Garza con Susana S. Arins, celebrado o pasado 21 de maio. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Lino Braxe, nomeado Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo

Desde Nós Diario:
“A Asociación de Actrices e Actores da Galiza (AAAG) anunciou que outorga o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo a Lino Braxe, todo un referente no sector teatral e un dos impulsores dos Premios María Casares.
Con este galardón, a entidade quere recoñecer a traxectoria e celebrar, segundo explican nun comunicado, “a vida dun autor multidiscipinar, un artista todoterreo cuxo compromiso coa cultura sempre foi un estandarte dende as diferentes frontes nas que militou”.
Braxe foi membro do grupo de persoas que a mediados dos noventa impulsou os Premios de Teatro María Casares e encargouse de contactar en varias ocasións para que a actriz, afincada en Francia, cedese finalmente o seu nome aos galardóns do teatro galego que neste 2022 alcanza a súa 26ª edición. (…)
Tamén estes días, Hércules Edicións presentou Sidi, unha viaxe cara a vida, o seu libro póstumo. No acto, realizado na Biblioteca do Fórum Metropolitano da Coruña, participaron María Braxe, irmá de Lino e autora das ilustracións; Xanina Fernández, viúva do escritor; a editora de Hércules, Laura Rodríguez, e Raúl Besada, delegado da ONG á que irán os beneficios da obra e coa que o Braxe mantiña colaboración.”