Miguel Sande gaña o XXV Premio Johan Carballeira de Poesía do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
Miguel Sande resultou gañador do XXV Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario Brinde e desespero, que salientou de entre as cincuenta e sete obras presentadas. O xurado, que se reuniu este luns, 25 de abril, estivo conformado polo profesor e crítico literario Manuel Forcadela, a poeta e gañadora da anterior edición, Xandra Táboas, e o xornalista, crítico e editor César Lorenzo. Na acta, o xurado destacou que poemario aposta pola prosa poética, e parte da autoficción para presentarnos unha lectura sobre o cotián dende o ángulo do inesperado. A obra rompe con éxito a tensión entre pensamento e sentimento, e nel a realidade do cotián fala por si mesma, cunha expresión formal contida.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais. (…)”

Antía Yáñez, escritora: “Non sabemos como tratar e tratarnos canto a doenzas mentais”

Entrevista a Antía Yáñez na Televisión de Galicia:
“Na psicoloxía hai un efecto chamado o do elefante rosa. Trátase do control dos pensamentos. A sensación de que os pensamentos nos traizoan. Cada persoa pode vivilo de maneira diferente e, máis ou menos, obsesivamente. Se non queres pensar nun elefante rosa, inmediatamente o noso pensamento faise rebelde e aparece nel un elefante rosa…
Neste libro hai obsesións, pensamentos rebeldes e intención de controlalos. Non penses nun elefante rosa é a novela de Antía Yáñez que se acaba de publicar en Xerais.
A entrevista pode verse aquí.”

Blanca Millán e Ramiro J. Peralta gañan o II Premio Alberte Quiñoi

Desde Galaxia:
“O 22 de abril, na Casa do Concello da Estrada, reuniuse o xurado para escoller a obra gañadora desta II edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, formado por Andrea Jamardo Seijo, Sara Valcárcel, Rosa de Cabanas, Armando Requeixo, e Carlos Loureiro, como secretario.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza, o xurado acordou, por unanimidade conceder o II Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada As filloas de Manola, que se presentou baixo o pseudónimo “A saltarica mediaslongas”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Blanca Rodríguez Millán e Ramiro José Peralta Torres.
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado a impecable confección da súa aposta plástica e textual, que conforman un relato cheo de matices para soster unha historia que defende os valores da xenerosidade nas relacións interpersoais, ao tempo que nos introduce no mundo da nosa tradición actualizada.
Esta proposta, ganduxada con moita atención ao detalle, e asentada en estruturas narrativas de habelenciosa execución, logra transmitir unha mensaxe vitalista que nos reconcilia coa esperanza dun mundo máis solidario e afectivo.”