Entrevista de Sandra Faginas a Pilar García Negro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Podemos falar dun Castelao feminista?
– Pilar García Negro (PGN): Teño bastantes reservas para aplicar o adxectivo feminista, porque hoxe está tan devaluado! Sempre lembro unha sentenza moi axustada de Xosé Chao Rego, grande escritor, que dicía: «Os homes deixamos de ser machistas teóricos para converternos en masculinistas prácticos». Iso ten moito de verdade. No caso de Castelao hai un mérito indiscutíbel, porque contravén unha tendencia histórica e milenaria de moitos autores varóns sobre as mulleres, que se concentra en dúas palabras: cegueira e xordeira. E o que eu denomino tamén a práctica da ventriloquia. Personaxes femininos na literatura universal hai a esgalla, pero o que proxectan é a fantasía masculina. Fala o ventrílocuo, non elas.
– LVG: Non é o caso de Castelao.
– PGN: Non. Porque el salva ese obstáculo, ao igual ca outros autores superlativos doutras literaturas. Lemos A Celestina, de Fernando de Rojas, e aí son elas, tanto Celestina como Areúsa quen se expresan e se defenden. Ou Cervantes, no Quixote, no famoso discurso de Marcela, que é un auténtico manifesto da liberdade, da autonomía de conduta e da non submisión ao desexo masculino.
– LVG: En Galicia existen antecedentes neste aspecto?
– PGN: Si, contamos cunha tradición intelectual que cómpre coñecer. O padre Feixoo, moitos anos antes da Revolución francesa e da famosa declaración dos dereitos da muller, publicou o discurso XVI do seu Teatro crítico universal, que é Discurso en defensa de las mujeres, así de directo. Cunha defensa rotunda da nosa capacidade intelectual. O seu discípulo, o padre Sarmiento, con toda a clareza vaise referir tamén a que falta por ter escrita a metade da moral porque só a escribiron os homes. E di o mesmo da medicina. Ademais, defende que os oficios non teñen, como diriamos hoxe, marcas de xénero.
– LVG: Castelao é continuador desa tradición apuntando ás mulleres traballadoras.
– PGN: El ten unha sensibilidade particular para ver e escoitar as mulleres traballadoras e das clases populares, que son a inmensa maioría que recolle nas súas viñetas, nas súas estampas, no seus debuxos. Fainas protagonistas. E iso é transversal, porque vémolo en Cousas da vida, no Álbum Nós, n’Os álbumes de guerra, onde hai estampas absolutamente estremecentes con protagonistas femininas. Despois, claro, Castelao é fillo do seu tempo e de todas as circunstancias que marcan o contexto histórico no que viviu. Iso non escurece o que veño de comentar, que é relevante, porque na intelectualidade española coetánea ou máis amplamente contemporánea, hai cousas que caen das mans. Marañón xustifica a inferioridade intelectual feminina e o fatum biolóxico. Ortega y Gasset, Unamuno… En fin. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Acta do xurado dos VI Premios Mil primaveras
Arantza Portabales: “Estaba nun momento escuro e a literatura veu para salvarme, escribín este libro sen máis pretencións”
Entrevista de Pilar G. Rego a Arantza Portabales no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”E vivían todos xuntos nunha casa torta. Así somos. Tampouco é que a casa sexa tan pequena, pero torta, iso seguro”. A cita coa é da novela Crooked house de Agatha Christie, coa que Arantza Portabales abre a súa nova nova novela Asasinato na casa rosa. Unha familia rica, un asasinato e dous inspectores de policía tecen o argumento deste libro que arranca unha nova serie, Os crimes de Loeiro. A entrevista pode verse aquí.”
A Coruña: presentación de Personaxes da Galiza medieval II
O 15 de abril, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, terá lugar a presentación do libro Personaxes da Galiza medieval II. A Asociación Cultural O Galo de Santiago está a editar unha colección sobre personaxes da Galiza medieval, para contar a historia de homes e mulleres que desempeñaron na nosa Terra un rol relevante, entre os séculos VI e XV. É importante coñecer a nosa historia e tomar conciencia sobre a ocultación e deturpación que sufriu canto sucedeu aquí ao longo dos séculos. As biografías que aquí se recollen son as da raíña Dona Sancha, Fernando e Vermudo Peres de Trava, o arcebispo Bernardo II, Paio Gómez Chariño, Afonso Soares de Deza, Pedro Fernández de Castro e Fernando Ruis de Castro. Contarase na presentación co historiador Xosé Miguel Andrade Cernadas, catedrático na USC (coautor desta obra) e con Mª Antonia Pérez, profesora titular na UDC. As persoas interesadas poden inscribirse aquí. As asistentes levarán de agasallo ese libro que se editou grazas a unha axuda da Deputación da Coruña.
Bueu: presentación de Os pozos elegantes das clavículas, de María Álvarez Landesa
Compostela: encontro con lectoras e lectores arredor de Cereixas roubadas, das Comadres das Letras
Concurso de viñetas Ano Castelao 2025
Mondoñedo: Homenaxe a José Sánchez Gacio
Gaivotas manchadas de petróleo. Abraham Pérez
Entrevista a Abraham Pérez en Radiofusión:
“”Non encaixa nas definicións habituais. É ensaio, máis non o é, son aforismos, máis non o son; ten algo de crónica, de diario, máis non é crónica nin diario” indica a crítica de Luz Darriba arredor do libro de Abraham Pérez Gaivotas manchadas de petróleo que vai xa pola segunda edición, publicada por Menino morreu.
Gaivotas manchadas de petróleo contén referencias ao cine, á literatura, música e redes sociais. Tamén aborda o modelo de artista que ten discurso, que crea discurso, co cal guía a súa visión artística: “É fatigoso, porque implica estudo e investigación constante, polo tanto, máis complicado (e seguramente con menos recoñecemento ao instante por parte do hipotético público)”.
A entrevista pode escoitarse aquí.”