Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Vigo: presentación da edición de Revista Peña Trevinca
A Coruña: presentación de As fotos da retina, de Ramona Giráldez Domínguez
Lugo: presentación de Todos os pasos fan ruído, de Sara Plaza
Dispoñíbel o arquivo virtual das músicas de Terra de Montes
“Xa esta dispoñible o arquivo virtual das músicas de Terra de Montes. Despois de moito tempo diante do ordenador xa podo anunciar que este novo proxecto está en marcha.
Neste portal web pódese facer un pequeno percorrído virtual ao que foron as músicas desa zona: gaiteiros, bandas de música, pequenas orquestras… xa que a maioria non foron famosas e famosos pero si populares e grazas a isto todas as festas e romerías estaban amenizadas. Mantiveron a música viva durante moitos anos e nos deixaron un gran legado cultural.
Dentro deste apartado poderemos ler artigos coma os escritos sobre Avelino Cachafeiro, os gaiteiros de Soutelo, Ramiro Cortizo “O Capador de Muras”, Pedro Prado, bandas de música de Cerdedo, as pandeireteiras de Barro de Arén… e referencias a outras publicacións coma Canteiros e artistas de Terra de Montes e das Ribeiras do Lérez, Cancionero Musical de Galicia, as revistas Cotaredo e Metacios ou o Arquivo Dixital do Museo do Pobo Galego.
Toda a información compartida está en constante renovación coas últimas investigacións e novidades que aparezan sobre as mesmas. Esta web pode ter algún erro tanto de formato coma de información, seguirei traballando nela.”
A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do grande escritor Darío Xohán Cabana, membro desta Asociación
Darío Xohán Cabana, poeta, narrador e tradutor prezado por todas e todos nós pola súa inmellorábel calidade humana, vén de finar hoxe. Nado en Roás (Terra Chá) en 1952, colaborou na década de 1970 con Xosé María Álvarez Blázquez en Edicións Castrelos. Membro da AELG desde a súa fundación, foi elixido membro da Real Academia Galega en 2006.
A súa extensa obra, marcada por un fértil río poético que tamén alimentou a creación narrativa e a tradución, recibiu numerosos premios ao longo da súa relevante traxectoria.
Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor na súa propia voz, da que salientamos esta entrevista onde Darío fixo un repaso demorado a toda a súa vida literaria.
Compostela: presentación de O portugués esquecido, de Xosé Manuel Sánchez Rei
Compostela: presentación de Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo, de Alberte Blanco Casal, o 19 de novembro
As prazas son limitadas polo que, por mor da situación sanitaria do momento, cómpre que se envíe a solicitude de inscrición ao correo electrónico comunicacion@ogalo.gal antes das 12:00 horas do xoves 18 de novembro de 2021, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento: nome, dous apelidos, número do DNI e teléfono, por mor das normas Covid.
Pontevedra: presentación de Unha nova Olanda, de Antón Baamonde
Parladoiro con… Abraham Pérez
Entrevista de Martiño Maseda a Abraham Pérez en Culturalia GZ:
“(…) – Culturalia GZ (C): e foses un lector que se achega por primeira vez á lectura de Fragmento/Creba, ¿que suscitaría en ti entrar no seu universo poético?
– Abraham Pérez (AP): Para min Fragmento/Creba é unha tentativa, unha cartografía incompleta e provisional. Tal e como o vexo, cada fragmento, cada físgoa, é a parte visíbel dun magma que conecta, se cadra por ocultamento ou por ausencia, todos os seus puntos. Entón, o que se está intentando problematizar é a nosa época e a nós mesmos coma individuos e suxeitos inseridos nunha rede complexa que é o que chamamos real.
Mais, velaquí está a miña intención; outra cousa é que quen se achega ao libro o comprenda así… (risas).
– C: Tes publicadas obras en galego e en castelán: o proceso creativo é singular en cada lingua na que te expresas literariamente ou hai unha premisa lingüística nuclear?
– AP: Respecto ao propio proceso creativo: é certo que cada obra exixe unha intensidade distinta, uns ritmos, se cadra, tamén diferentes. Malia isto, para min si hai unha premisa que as recolle todas. É certo que conto con textos publicados en galego e castelán, mais neste último caso, cando menos o publicado, foron textos que naceron en galego, pero que por circunstancias acabaron cunha versión en castelán. Aínda así, a lingua coa que traballo é o galego. Quero sinalar isto porque escoller unha lingua non é un elemento meramente accidental, senón que no meu caso é froito dun compromiso, dun xeito de entender certas cousas; en definitiva, dunha maneira de comprender e de se relacionar coa realidade.
Agora ben, volvendo á pregunta inicial: a miña poética trata de traballar cun elemento que reúna todo. Podo escribir poesía ou narrativa, con certas liñas estéticas que a priori poden estar afastadas ou parecer opostas, mais tal e como as concibo, non é así. Sempre hai unha preocupación, unha tematización dun problema que pode verter (e que adoita facelo) cara a outras problemáticas. Entón, é a partires de aí desde onde se vai configurando cada obra, cada texto; deste xeito, permíteme velos coma un tecido, coma unha rede que remiten uns aos outros. Logo, claro, cada creación ha de facer un escorzo, ha de gañar autonomía, para que se poida considerar como delimitado e, por tanto, independente. Pero insisto, sempre comprendido como unha parte dun todo. Isto non implica, loxicamente, que non se produza un proceso de madureza, é dicir, pretensións de mellorar o traballo, e algunhas variacións estéticas en cada obra.
– C: Cando escribes, hai unha fiestra fronte túa na procura dunha recepción colectiva da túa escrita ou, coma nun efecto espello, escribes para ti mesmo?
– AP: Semella que redundo no mesmo, porén considero que son diferentes puntos dun idéntico problema. Explícome: cada obra nace dunha preocupación; dita preocupación, vaise concretando na indagación que levará (ou non) ao proceso de escritura. Deste xeito, coagula e configúrase o que vai ser o proxecto delimitado para cada unha individualmente. Evidentemente as obras, os textos, nacen cunha vocación comunicativa, posúen en si mesmas a característica esencial de tender pontes; entón, seguindo esta liña comunicativa, son para ser lidas e pensadas por alguén que non son eu. E é aquí onde está, ao meu ver, a riqueza: a posibilidade de establecer diálogo con alguén que se está a mover fóra das miñas dinámicas (e xa que logo, pretensións) creativas. É nesa intersección onde se produce unha dobre autonomía da obra: en primeiro lugar, a independencia respecto de quen a crea porque xa é algo externo, algo alleo; e por outro, ao ser recibido por unha lectora ou por un lector, aparece unha nova lectura, unha nova interpretación e, en consecuencia, amplíase o campo de discusión coa conseguinte apertura de perspectivas. Mais este feito que se ha de producir de xeito necesario, na miña opinión, non pode ser unicamente pensado desde a posición do público, e menos pensar o público coma un elemento homoxéneo.
– C: Canto de filosofía hai no proceso literario?
– AP: Ben, realmente non sabería delimitar exactamente cal é o receptáculo de cada cousa; máis que nada porque para min non hai tal separación. Antes falabamos da preocupación ontolóxica de Fragmento/Creba e tamén da rede que, cando menos para min, é o conxunto das obras. Entón, para min a filosofía é tamén, entre outras cousas -por suposto- fundamentais, un exercicio artístico; de tal modo que, cando comezo a traballar nun texto, parte dunha preocupación, dunhas premisas concretas e dunha pretensión, o cal non quere dicir que sempre remate por ser tal e como fora pensado nun primeiro momento. (…)”