Fran Alonso, editor e autor de Douche a miña palabra: “Un lector sempre é un ser privilexiado”

Entrevista de María Solar a Fran Alonso na Televisión de Galicia:
Douche a miña palabra é un ensaio para público infantil sobre os escritores asinado por Fran Alonso, director de Edicións Xerais. Nesta obra, Alonso defende a lectura como arte e como medio para aprender a pensar. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Salitre e amor aos oficios do mar enchen esta Nación Mar de Xosé Iglesias

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O mariñeiro de Cee, Xosé Iglesias, preséntanos agora un libro [Nación Mar] cheo de ilustracións feitas por el e textos que nos falan do oficio de mariñeiro, de carpinteiros e das diversas embarcacións nas que se traballou ao longo do tempo. A entrevista pode verse aquí.”

Crónica videográfica da homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E 2021 a Concha Blanco (I)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXVII edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Concha Blanco, que foi homenaxeada en Cee.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica de Soledad Penalta), a plantación dunha árbore simbólica elixida pola propia autora (neste caso un pradairo), a colocación dun monólito conmemorativo e a asignación a un espazo público do nome da autora.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe os vídeos referentes á descuberta do monólito conmemorativo:

Intervención de Margarita Lamela, alcaldesa de Cee:

Intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG:

Intervención de Concha Blanco:

Descuberta do monólito conmemorativo:

Jamas: “Os piratas eliminan barreiras”

Entrevista a Jamas na revista Pincha:
“(…) – Revista Pincha (P): Que contas en Diario dun Pirata Confinado? Como naceu a idea?
– Jamas (J): Contei as vivencias que tiven durante o confinamento, aínda que tamén serviume de pretexto para soltar o que tiña dentro. Non o tiña previsto, xurdiu de maneira espontánea a golpe do 14 de marzo de 2020. A miña parella e máis eu fumos facer unha compra post-apocalíptica (moita cervexa e pouca comida) e no Renault 21 escribín a primeira peza no móbil: “Amanceu asollado, respírase un aire a campamento de verán”. Ese día pola tarde propúxeme escribir un capítulo ao día ata que rematara o confinamento. E así foi.
– P: O libro está escrito en tempo real?
– J: Si, polas mañás, sentado na bicicleta estática, fumaba e bebía tintos (risos), e maduraba a idea. Logo pola tarde nas sestas de Arela (a súa filla) dáballe forma, e á noite matizaba e pechaba.
– P: No libro hai personaxes como o policía Harry ou un óptico cun furancho clandestino. Son reais?
– J: Eses personaxes en concreto non. Mestúrase realidade e fantasía. Hai cousas que semellan fantasía, pero son reais e viceversa. Harry non é un personaxe real, vén inspirado por vivencias que tiven de neno coa garda civil. O doutor Cazalla xa quixera que existira (risos). O repartidor non existe, aínda que realmente chegoume unha bandeira pirata á casa. (…)
– P: Cres que a pandemia restrinxiu liberdades en nome da saúde?
– J: Si, por imperativo legal porque non quedaban moitas alternativas. Ao estar pechado nun piso reflexionas sobre o que non tes, que é poder socializar, saír á rúa, ver á familia, aos amigos, e non a través da pantalla.
Estabamos todos máis sensibles sobre as liberdades precisamente por non telas. (…)
– P: A onde partirías se tiveses un barco pirata de verdade?
– J: Sairía desde o porto de Corme a un rumbo indeterminado. Hoxe, unha praia; mañá, unha cala; contemplar as estrelas, rir, cantar… O patrón deste bar sería un dos tripulantes (facemos a entrevista no bar Javichi da Rúa de San Pedro, cuxo dono é un dos históricos da zona e exerceu como xefe de máquinas). A idea do barco é porque teño un tío que tivo un barco alugado no porto de Xixón cando eu tiña 13 ou 14 anos. Pescabamos bonito. Encantábame contemplar as estrelas desde o barco, vin perseidas coas luces apagadas e é das mellores experiencias que tiven.
Os piratas tamén me gustan no senso de eliminar barreiras que sometan a túa liberdade máis aló do mar, o vento e as estrelas.
– P: Cales son as túas influencias literarias?
– J: José Saramago ten unha voz de autor moi persoal que non a vin noutros autores. Tamén Haruki Murakami, Don Winslow de novela negra, galegos como Teresa Moure (fai o prólogo do libro), Suso de Toro, Manolo Rivas. (…)”